Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 11 de xuño de 1999 Páx. 7.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xuño de 1999 pola que se establecen axudas económicas para centros docentes e centros de formación continuada do profesorado, que participen en programas da Unión Europea durante o ano 1999.

O tratado de Maastricht, nos seus artigos 126 e 127 establece un marco xurídico para propor accións de cooperación no ámbito da educación, especialmente no eido escolar. No novo contexto do mercado único a educación debe prepara-los mozos para exerce-las súas responsabilidades nun espacio económico e social cada vez máis amplo. A mellora de habilidades lingüísticas e o coñecemento das culturas doutros países son factores fundamentais para permitir que os mozos desenvolvan plenamente tódalas súas potencialidades na súa vida activa como cidadáns europeos.

Mesmo como se establece no Libro branco sobre a educación e a formación, publicado pola Comisión Europea, entre os numerosos e complexos cambios

que afectan á sociedade europea, existen tres tendencias: a globalización dos intercambios, a chegada da sociedade da información e a aceleración da revolución científica e técnica. A educación e a formación poden responder a estes desafíos fomentando o desenvolvemento da cultura xeral e un enfoque máis flexible na adquisición de coñecementos, que deben estar baseados en estímulos da mobilidade de ensinantes e alumnos, dado que hoxe en día as mercadorías, capitais e servicios están circulando máis libremente en Europa cás persoas.

Un dos eixes máis importantes da construcción europea está baseado na libre circulación de persoas e coñecementos. Para facer realidade este proceso é importante o intercambio de experiencias tanto entre centros escolares coma no marco das relacións escola-empresa, por medio de estadías formativas en empresas ou institucións, que permitan a visión dun mercado global. A calidade da educación tamén inclúe a dimensión europea da formación, que permitirá ás alumnas e ós alumnos exercer plenamente o papel de cidadáns da Unión Europea do vindeiro século.

Todo isto aconsella apoia-las iniciativas xurdidas para desenvolve-la colaboración con outros países europeos polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1º Convocar axudas económicas destinadas a centros docentes, sostidos con fondos públicos, de niveis non universitarios e centros de formación continuada do profesorado da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en programas aprobados pola Unión Europea, coa finalidade de sufragar gastos que os centros teñen que asumir como cofinanciamento do proxecto aprobado para o ano 1999.

2º As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.481.0 por un importe total máximo de 16.443.510 pesetas.

3º As axudas económicas que se obteñan a través desta convocatoria servirán para cubrir, totalmente ou en parte, a porcentaxe do orzamento que debe ser asumida polo propio centro, sempre que a suma de tódalas axudas percibidas para un mesmo proxecto ou programa non superen o 100% do orzamento total aprobado. Son compatibles con outras axudas que procedan de institucións públicas ou privadas, tendo en conta que a suma de tódalas axudas, tanto comunitarias coma nacionais ou autonómicas, non poderán supera-lo orzamento do proxecto aprobado pola Comisión Europea.

Artigo 2º.-Destinatarios e modalidades das axudas.

As axudas poderán estar destinadas a programas promovidos por centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, que se indican: colexios de educación infantil e primaria, escolas de educación infantil, centros públicos integrados, institutos de educación secundaria, escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, escolas de arte e centros que imparten educación de adultos, así como centros de formación continuada do profesorado da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en programas da Unión Europea en colaboración con outras institucións educativas.

As actividades deberán estar aprobadas e financiadas en parte con fondos da Unión Europea e abranguerán os seguintes ámbitos:

a) Organización de seminarios ou reunións dirixidos a profesores e alumnos, sobre intercambios de experiencias con outros países da Unión Europea, en materia educativa.

b) Proxectos de centros escolares no Programa Leonardo: intercambios de profesores ou alumnos e proxectos piloto ou multiplicadores.

c) Proxectos de accións centralizadas do Programa Sócrates: Lingua A, Lingua D, Comenius 3.1, Educación Aberta e a Distancia e Educación de Adultos.

d) Iniciativas ou programas non incluídos no Programa Sócrates nin Leonardo, en materia de cooperación educativa con institucións similares doutros países membros.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación da subvención.

Terán prioridade os proxectos que, tendo concedida unha subvención nalgún dos programas ou iniciativas establecidas pola Comisión Europea no eido da educación, se desenvolvan durante o ano 1999 e reúnan as seguintes características:

a) Carácter innovador.

b) Capacidade para a transferencia de resultados.

c) Actuar como coordinador do proxecto.

d) Características do colectivo destinatario.

e) Ter involucrado un número elevado de institucións como colaboradores do proxecto.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Os centros ou institucións educativas interesados deberán presenta-la súa solicitude no rexistro

xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificios administrativos de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo do anexo I desta publicación e irán xunto coa seguinte documentación:

a) Unha copia do proxecto aprobado.

b) Unha copia da comunicación da Comisión Europea, na que conste a contía concedida por ese organismo e a cantidade que se deberá achegar como financiamento propio.

c) Certificación asinada polo director/a do centro promotor indicando se recibe outras axudas para o desenvolvemento do proxecto. En caso afirmativo, especifica-la contía e a entidade que a concede.

3. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG, sendo o último día o 1 de outubro de 1999.

Artigo 5º.-Comisión de selección.

A valoración das solicitudes será realizada por una comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado, a xefa de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

A Comisión reunirase periodicamente durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os criterios establecidos no artigo 3º.

Artigo 6º.-Resolución e comunicación.

1. Valorados os proxectos, a comisión de selección elevará a proposta de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Á vista da proposta da comisión de selección, o conselleiro acordará a concesión ou denegación das axudas.

2. A concesión ou denegación da axuda seralle notificada directamente ó interesado/a pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Artigo 7º.-Prazo e forma de pagamento.

Para as axudas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez rematada a actividade e logo da súa completa xustificación económica por parte do centro e entrega da memoria de actividades, achegando certificación respecto da percepción ou non doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada e xustificada a actividade.

Artigo 8º.-Obrigas dos centros beneficiarios.

1. Acepta-la axuda concedida. Neste sentido, se no prazo de quince días contados a partir da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda, o centro beneficiario non acepta esta, entenderase que renuncia á súa percepción.

2. Facilita-la información requirida e someterse ás accións de comprobación ou control financeiro que poida efectua-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os organismos competentes.

3. Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da seguinte documentación:

3.1. Memoria.

Os centros beneficiarios enviarán unha memoria das actividades realizadas que inclúe:

a) Resumo do desenvolvemento da actividade realizada.

b) Obxectivos conseguidos.

c) Procedemento de avaliación utilizado, resultados obtidos e difusión que se realizou destes.

4.2. Xustificación de gastos efectuados.

No caso de centros educativos, unha certificación do consello escolar do centro aprobatoria do gasto, xuntando unha relación detallada das facturas e recibos que servirán de xustificantes do proxecto realizado.

No caso de centros de formación continuada do profesorado, certificación do director/a aprobatoria do gasto, xuntando unha relación detallada das facturas e recibos que servirán de xustificantes do proxecto realizado.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

1. A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde, levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo coa Orde do 12 de xullo de 1998 (DOG do 7 de agosto).

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Recursos.

Contra esta orde os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las disposicións necesarias para desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria