Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 07 de xuño de 1999 Páx. 7.046

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente 232/1997).

Vista a solicitude para autorización administrativa, recoñecemento de utilidade pública, coa relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que se consideran de necesaria expropiación, así como aprobación do proxecto de execución que se cita:

Solicitante: Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.

Domicilio social: Avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: L.M.T., C.T., R.B.T. A Igrexa-Sobrerribas (Padrón).

Liña eléctrica aérea a 20 kV sobre apoios de formigón e conductor LA-56, de 267 m de lonxitude, con orixe na L.M.T. Padrón-Pontevea e final no C.T. A Igrexa-Sobrerribas, que se vai instalar. Centro de transformación aéreo, de 50 kVA e tensións de 20/0,380-0,220 kV, do que parte rede de baixa tensión sobre apoios de formigón e conductor R.Z. de 95 m de lonxitude. No termo municipal de Padrón.

A petición someteuse a información pública, coa relación de propietarios, bens e dereitos afectados; publicáronse no Diario Oficial de Galicia do 27-5-1998 e no BOP do 8-5-1998, no xornal El Correo Gallego do día 6-5-1998 e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Padrón; ó mesmo

tempo, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Esta delegación provincial comprobou que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non incorre en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 57.A da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28 de novembro) e no artigo 25 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro (BOE do 24 de outubro).

Así mesmo, á vista da documentación obrante no expediente comprobouse que as alegacións efectuadas polos interesados respecto dos predios en canto á modificación do trazado da liña eléctrica non poden ser tidas en conta por non darse as condicións previstas no artigo 57.B da devandita lei e artigo 26 do mencionado decreto.

Vista a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, os decretos 2617/1966 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas e cumpridos os trámites regulamentarios establecidos, esta delegación provincial resolveu:

Autorizar e aproba-lo proxecto das citadas instalacións e declarar, en concreto, a súa utilidade pública, que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñerse calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

A Coruña, 26 de abril de 1999.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña