Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 03 de xuño de 1999 Páx. 6.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de maio de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de sete bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1º do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1999 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro de 1997).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de sete bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos a esta orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.640.1, por unha contía máxima total de 5.978.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico de Centro Ramón Piñeiro, quen llo comunicará á presidencia da comisión rectora.

Por resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a concesión da bolsa será por un ano, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ó que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3-A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, xunto coa documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Huma

nidades e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporá motivadamente ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de proxecto. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 3 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recupera-lo período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período que dure a súa renuncia.

No momento en que algún dos beneficiairos destas bolsas fose seleccionado para outras bolsas, axudas ou traballos, ou se produza algunha circunstancia que determine a incompatibilidade no desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ó Servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e procederase á suspensión da bolsa correspondente e á adxudicación a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes se os houbese.

Oitava.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de presencia de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a ningunha relación, nin laboral nin administrativa, coa Xunta de Galicia.

Novena.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décima.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Política Lingüística

ANEXO I

* Dúas bolsas para colaborar no proxecto Lírica Medieval vinculado ó Arquivo Galicia Medieval.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto Lírica Medieval que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en literatura medieval románica, preferentemente no ámbito galego-portugués.

-Capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas románicas no estadio medieval.

ANEXO II

* Unha bolsa para colaborar na catalogación dos fondos bibliográficos do centro.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na catalogación dos fondos bibliográficos existentes no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en historia.

-Acreditar coñecementos e experiencia en traballos de documentación e bibliotecas.

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

ANEXO III

* Unha bolsa para colaborar en proxectos sobre terminoloxía científico-técnica.

O adxudicatario desta bolsa compaxinará actividades de traducción con traballos de tipo terminolóxico que se están realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou en traducción.

-Coñecemento doutras linguas, ademais do galego.

-Manexo de procesadores de texto e bases de datos a nivel de usuario.

-Nivel aceptable de mecanografía.

-Experiencia en traballos de lexicografía e terminoloxía.

ANEXO IV

* Unha bolsa para colaborar no proxecto Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no desenvolvemento do proxecto Museo Pedagóxico de Galicia, que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsas á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en pedagoxía, historia ou humanidades.

-Posuír coñecementos acreditados de francés, inglés e alemán.

-Ter coñecementos de informática, museística, biblioteconomía e arquivística.

-Ter experiencia acreditada en centros de documentación, servicios museísticos e/ou actividades expositivas.

ANEXO V

* Unha bolsa para colaborar no proxecto Wordnet para o galego (GalWordNet).

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto WordNet para o galego, que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en informática.

-Ter experiencia en redes semánticas.

-Experiencia no manexo de ferramentas UNIX/LINUX para análise lingüística.

-Experiencia de PERL.

ANEXO VI

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-fala en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-fala en galego que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos expecíficos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos de fonética acústica.