Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 31 de maio de 1999 Páx. 6.594

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 153/1999, do 7 de maio, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos de Beade e A Arnoia, da provincia de Ourense, para o sostemento en común dunha praza de funcionario técnico de Administración especial, subescala técnica, con funcións informáticas, grupo C.

Os concellos de Beade e A Arnoia en sesións plenarias celebradas con datas do 22 de decembro de 1998 e do 24 de febreiro de 1999, respectivamente, adoptaron o acordo de crear unha praza compartida de persoal funcionario, técnico da administración especial, subescala técnica, con funcións informáticas, grupo C e elevaron o expediente á Xunta de Galicia para a súa resolución.

As peculiares características dos concellos de Beade e A Arnoia en canto á súa poboación, recursos ordinarios e situación xeográfica fan que se xustifique a constitución dunha agrupación para o sostemento en común dunha praza de persoal funcionario técnico de administración especial.

O expediente axústase ó disposto nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O expediente foi sometido a información pública polo prazo dun mes.

A Delegación do Goberno en Galicia e a Deputación Provincial de Ourense emitiron informes favorables.

A competencia para aproba-la constitución de agrupación de municipios para o sostemento en común dunha soa praza de funcionario técnico de administración especial correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 167 e) da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Aproba-la agrupación dos concellos de Beade e A Arnoia para o sostemento en común dunha soa praza de funcionario técnico de administración especial, subescala técnica, con funcións informáticas, grupo C, nos termos dos seus estatutos.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais