Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 26 de maio de 1999 Páx. 6.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do Concello de Vilanova de Arousa.

Visto o expediente do convenio colectivo para o Concello de Vilanova de Arousa, que tivo entrada

nesta delegación provincial o día 23-3-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación do concello e da parte social polos delegados de persoal (UGT), con data do 12-12-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso

de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 15 de abril de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Acordo marco para o persoal laboral fixo ó servicio do Concello de Vilanova de Arousa

En Vilanova de Arousa, o 12 de decembro de 1997, dunha parte a concelleira delegada de persoal, no nome e representación da corporación municipal e doutra, os delegados de persoal e sindical, e demais representantes na mesa de negociación.

Ámbalas dúas partes manifestan que tralas reunións mantidas entre os representantes do grupo de goberno e centrais sindicais, en aplicación da proposta sindical prioritaria (PSP) recoñecendo a utilidade desta como instrumento de concertación, expresan que, independentemente da conveniencia de seguir profundando no resto de cuestións sociais que afecten os traballadores para o que se constituirán as mesas que establecen áreas de formación, área social e área do ambiente, se chegou a un primeiro acordo que enmarca o desenvolvemento da mesa de negociación colectiva en todo o concernente ós empregados públicos do Concello de Vilanova de Arousa.

Acordo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional de aplicación.

Este acordo regula as relacións sociolaborais do persoal laboral fixo (non funcionarios) que presta os seus servicios para o Concello de Vilanova de Arousa.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este acordo terá unha duración de tres anos con efectos económicos, sociais e laborais desde o 1 de xaneiro de 1998, excepto naqueles acordos que por ámbalas partes se desexe e acorden máis tempo.

A denuncia do acordo deberá producirse con tres meses de antelación por calquera das partes, respecto da data en que remata a súa vixencia. Os períodos de vixencia son anuais.

De producirse a denuncia deste convenio, este prorrogarase ata a aprobación do que o substitúa.

Artigo 3º.-Comisión de interpretación e seguimento.

Como órgano de control, seguimento e vixencia deste acordo, constituirase no prazo dun mes a partir da sinatura do documento, unha comisión integrada por tres membros que designe a corporación e tres que designe o persoal. Reuniranse cando o pida calquera das dúas partes.

Os ditos acordos vinculan a ámbalas partes nos mesmos termos que o presente convenio e incorporaranse a el como anexo.

Cando existan discrepancias referidas á interpretación xurídica das materias contidas neste acordo, as partes poderán nomear de mutuo acordo un mediador que, unha vez aceptado o cargo, terá a obriga de presentar no prazo de 48 horas o seu dictame.

Os representantes do persoal e da Administración na comisión paritaria poderán ser asistidos nas reunións por un asesor técnico con voz e sen voto.

Artigo 4º.-Órgano de representación dos traballadores.

1. O Concello de Vilanova de Arousa recoñece o dereito á negociación colectiva dos empregados públicos. As condicións económicas e salariais pactadas son compensables na sua totalidade coas que anteriormente rexesen por imperativo legal, xurisprudencia, contencioso-administrativo, convenio ou pacto, contrato individual, uso e costumes locais ou por calquera outra causa.

Tendo en conta, polo tanto, a natureza do acordo, as disposicións legais futuras, incluídos os salarios interprofesionais, que impliquen variacións económicas en todos ou nalgúns dos conceptos retributivos pactados, só terán eficacia se, globalmente considerados e sumados, os conceptos retributivos vixentes con anterioridade a este acordo, superan o nivel total deste.

En caso contrario, considéranse absorbidas polas melloras pactadas. A comparación será anual e global.

Serán obxecto de negociación as seguintes materias:

a) O incremento de retribucións dos empregados públicos, incluídos nos orzamentos municipais de cada ano coas limitacións legais que procedan.

b) Determinación e aplicación das retribucións dos empregados públicos.

c) A preparación e deseño da oferta de emprego público.

d) Clasificación dos postos de traballo.

e) A determinación dos programas e fondos para a acción de promoción interna, formación e perfeccionamento.

f) Os sistemas de ingreso, provisión e promoción profesional dos empregados públicos municipais.

g) As propostas sobre dereitos sindicais e de participación.

h) Medidas sobre a saúde pública que afecten os traballadores.

i) Mediar nos conflictos laborais entre o concello e os traballadores, tanto colectiva coma individualmente, que pasarán previamente polos delegados electos.

Para todas aquelas cuestións que afecten o Concello de Vilanova de Arousa e o seu persoal, nas que existan discrepancias e non sexa posible chegar a un acordo entre os representantes de ámbalas dúas partes, unha vez foran esgotadas tódalas posibilidades de negociación, as partes poderán nomear un mediador ou mediadores de mutuo acordo sobre os extremos de desacordo que consideren pertinentes. Para este efecto, aplicarase o protocolo e desenvolvemento normativo dos acordos sindicais goberno-sindicatos.

2. As partes asinantes do acordo conveñen en considera-la acción sindical desenvolvida polas centrais sindicais, como un elemento necesario de achega de solucións e participación sobre obxectivos comúns de mellora, eficacia e transparencia da xestión municipal; en recoñecemento destes, acordan:

a) A participación das centrais sindicais representativas na elaboración das bases dos concursos ou oposicións e nos órganos de selección.

b) Que só poderán realizarse contratacións a tempo determinado en casos excepcionais para cubrir necesidades urxentes e inaprazables.

c) Que o visado sindical dos contratos, modificacións ou prórroga destes, sexa desenvolvido na liña do acordo sobre contratacións do 31 de xaneiro de 1990 ou posteriores se se producisen, co desenvolvemento regulamentario que teñan.

d) A constitución, nun prazo dun mes a partir do asinamento do presente acordo, dunha comisión de emprego que se encargará da confección da oferta de emprego público, así como de toda clase de contratacións laborais realizadas polo concello. Esta comisión estará integrada por tres membros da corporación e tres dos representantes dos traballadores.

e) Tódalas medidas ou disposicións que a corporación considere precisas para organizar ou racionaliza-lo fundamento administrativo ou organismos de calquera servicio do concello, e que poidan ter repercusión na organización, sistemas ou métodos de traballo dos empregados públicos municipais, serán obxecto de negociación entre as partes.

Artigo 5º.-Dereitos sindicais: reunión e folga.

1. Tódolos membros representantes do persoal e delegados sindicais disporán das horas necesarias para o desenvolvemento da súa actividade sindical, debéndose comunicar con anterioridade (ata un máximo de 15 horas mensuais por cada delegado.)

2. Non se computarán como horas sindicais as empregadas para a negociación, nin as empregadas para reunións con órganos da Administración convocadas e por iniciativa destes.

3. A acumulación de horas sindicais adecuarase ó disposto no artigo 11 d) da Lei 9/1987, do 12 de xuño.

4. As garantías dos delegados serán as mesmas que determine a lei en vigor para tal efecto.

a) Non poderán ser trasladados do posto de traballo en contra da súa vontade ou período determinado pola lei.

5. A corporación descontará da nómina a cota sindical daqueles afiliados que o soliciten, aboándoa na conta que os sindicatos sinalen para o efecto.

6. O concello facilitará un local adecuado para a celebración de reunións e realizará as funcións que lle son propias dotando dos medios necesarios para os seus delegados.

7. Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos traballadores.

8. A comisión de control, interpretación, vixilancia e estudio elaborará un documento sobre os servicios mínimos esenciais en caso de folga.

9. En cada centro de traballo poderanse realizar asembleas dentro do horario de traballo, así como asembleas xerais, ata un máximo de 36 horas ó ano.

10. Para a celebración das asembleas proporcionarase un local adecuado.

11. No orzamento municipal consignarase unha partida destinada a gastos sindicais que se fixa en 50.000 ptas.

12. Tanto as organizacións sindicais, a través dos seus representantes no concello, coma os delegados de persoal están facultados para convocar reunións.

13. Para convocar reunións é preciso comunicar por escrito a súa celebración, indicando lugar e horas e os datos do asinante lexitimado para convocala, cun prazo de 48 horas de antelación sobre a data prevista.

Se nun prazo de 24 horas non se produce obxección, enténdese como autorizada.

Artigo 6º.-Dereitos e deberes do persoal.

1. Individualmente, cada traballador ten o dereito a consulta-lo seu expediente laboral e a ser informado das incidencias que nel se produzan.

2. Todo o persoal ten a obriga de cumpri-los termos deste acordo.

3. A través do seu órgano de representación (delegados de persoal) obrígase a negociar e procura-lo procedemento de mediación obrigatoria con anterioridade ó exercicio do dereito á folga ou calquera outra medida que poida prexudica-lo servicio público ó que o concello representa.

Artigo 7º.-Xornada e horarios.

1. Establécese unha xornada de traballo efectivo de 37,5 horas semanais para todo o persoal municipal laboral e contratado.

O sábado estarán abertos os servicios mínimos para oficinas das 9 ás 13.15 horas, ata completa-la xornada laboral de 37,5 horas, facendo quendas rotativas de igual xeito para os restantes servicios.

2. Realizarase de luns a venres en horario das 8 ás 15 horas, agás que o servicio pola súa peculiaridade (policía, recollida, obras, etc.) teña que organiza-lo traballo por quendas ou non admita tratamento común en canto o horario de traballo; axustaranse ó establecido pola Concellería de Persoal, logo de negociación cos delegados electos. Non poderá facerse xornada partida, excepto casos de máxima urxencia consensuados cos delegados de persoal.

3. Calquera modificación destes horarios terá que ser pactada cos delegados de persoal.

4. Tódolos traballadores en réxime de xornada continuada desfrutarán dunha pausa de 20 minutos, que se computará como traballo efectivo.

5. Durante a época estival, do 15 de xuño ó 15 de setembro, a xornada laboral será das 8 ás 14 horas para aqueles servicios que poidan establecerse, sendo cumpridas estas durante o resto do ano en servicios especiais.

Artigo 8º.-Vacacións.

1. As vacacións anuais terán unha duración dun mes, que se desfrutarán preferentemente entre os meses de xuño a setembro, ambos inclusive, por quendas ou rotativas, segundo conveña ó colectivo de cada dependencia.

2. Antes do 31 de decembro deberanse ter elaborados os cadros de vacacións que posteriormente se publicarán nos taboleiros de anuncios.

3. O comezo do período vacacional quedará suspendido se con anterioridade ó seu inicio o traballador se encontra na situación de baixa.

4. As vacacións non son compensables economicamente, e deberán ser desfrutadas dentro do ano natural ou nos tres primeiros meses do seguinte.

Artigo 9º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o establecido polos organismos competentes da Administración central, autonómica e local.

2. En lugar dos días 24 e 31 de decembro, ademais de dous días de asuntos propios, establécese unha semana de vacacións no Nadal. Ese tempo compensarase durante o ano en servicios extraordinarios

non retribuídos ata completa-la xornada legal prevista. Establécense tres quendas en caso necesario.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

1. Establécese o seguinte réxime de licencias que non dará lugar á deducción das retribucións:

a) Unha semana no Nadal que afectará a todo o persoal, comprendida entre as dúas últimas semanas do mes de decembro e a primeira de xaneiro, segundo se reflicte no artigo 9º.2.

b) Para concorrer a exames finais, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros de formación, durante os días da súa celebración.

Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público ou persoal.

Os traballadores teñen permiso para acudir a consultas, tratamentos ou exploracións durante a xornada de traballo, sempre que as asistencias sexan debidamente xustificadas. Este permiso será extensivo para o acompañamento do cónxuxe e fillos, e terá a duración precisa para que sexa atendido debidamente, sempre que non poida asistir fóra da xornada laboral.

Tódolos traballadores que estivesen desfrutando do seu día de descanso e sexan convocados a asistir a declarar a un xulgado por motivos relacionados coas súas funcións, e logo da xustificación do tempo investido, será compensado en tempo para desfrutar a razón de 2 horas por cada 1 investida. Este mesmo apartado aplicaráselles a tódolos traballadores cando estes tivesen que realizar horas extraordinarias, unha vez rematada a xornada laboral, interrompida polo horario de comida.

c) 7 días por asuntos propios sen xustificar; os 2 restantes ata 9 inclúense na semana do Nadal.

As solicitudes de días por asuntos propios deberán realizarse con antelación mínima de 72 horas (3 días laborais). No suposto de que a solicitude non se resolva con 24 horas de antelación ó día que se vai desfrutar, entenderase concedida a licencia.

d) 15 días por matrimonio.

e) 2 días por nacemento de cada fillo, se o suceso se produce dentro do termo municipal e 4 días cando o suceso se produce fóra deste, ou permanecese hospitalizado fóra do termo municipal.

f) 2 días pola morte dun familiar ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, e dentro do término municipal, e 4 días se se producise fóra deste (1º grao de consanguinidade: pais e fillos, 2º grao: avós, netos e irmáns; 1º grao: de afinidade, cónxuxe, sogros e xenros e 2º grao: avós do cónxuxe, cónxuxes dos netos e cuñados).

g) 1 día por traslado de domicilio.

h) 1 hora da xornada para aqueles traballadores que teñan fillos de menos de 9 meses, por motivos de lactación.

i) 16 semanas por maternidade.

j) 2 días por enfermidade grave dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, se o suceso se produce dentro do termo municipal, e 4 días cando o suceso ten lugar fóra deste.

2. Poderán concederse licencias con repercusións económicas ó traballador que as solicite, nos seguintes supostos:

a) Que por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún fillo diminuído ou a un menor de 6 anos, terá dereito á diminución da xornada de traballo ata un tercio ou un medio coa reducción proporcional de haberes.

b) Cando o interesado o solicite poderá concederse licencia, sen ningunha retribución, por un período que non poderá exceder dos tres meses cada dous anos, agás que as necesidades do servicio non o permitan. Solicitarase cunha antelación de 15 días como mínimo.

Artigo 11º.-Excedencia voluntaria.

Os traballadores fixos cunha antigüidade mínima de dous anos no Concello de Vilanova poderán solicitar, cunha antelación mínima de corenta e cinco días, excedencia voluntaria para un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez anos.

Unha vez solicitada, resolverase o procedente e notificaráselle ó interesado con quince días de antelación á data do inicio proposta pola persoa interesada.

Durante o desfrute da excedencia voluntaria, ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que estivera desempeñando, cando a excedencia non supere os cinco anos.

Se o interesado non solicita o reingreso ou un novo período de excedencia, que non supere en total dez anos, polo menos quince días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

Artigo 12º.-Retribucións.

As retribucións do persoal laboral fixo e contratado corresponderanse por grupos segundo a titularidade esixida nas bases de acceso para o posto que están a ocupar, cos niveis dos funcionarios do mesmo concello, quedando estes como segue:

Grupo un: licenciado equipararase ó grupo A de funcionarios.

Grupo dous: diplomados equipararase ó grupo B de funcionarios.

Grupo tres: BUP e FP 2 equipararase ó grupo C de funcionarios.

Grupo catro: graduado escolar equipararase ó grupo D de funcionarios.

Grupo cinco: certificado de escolaridade equipararase ó grupo E de funcionarios.

a) Gratificacións:

1. Se as gratificacións servisen tamén para pagar horas extraordinarias, consideraranse horas extraordinarias as traballadas fóra da xornada laboral. Estas terán a seguinte contía:

-Grupo A: 2.294 ptas./hora.

-Grupo B: 1.564 ptas./hora.

-Grupo C: 1.356 ptas./hora.

-Grupo D: 1.199 ptas./hora.

-Grupo E: 1.043 ptas./hora.

Ou un descanso adicional a razón de 2 horas por cada hora traballada con este carácter.

No caso de que as horas extraordinarias se realizasen en domingo, festivo ou horario nocturno, o importe incrementarase no 50% por hora ou fracción.

2. Fíxase unha contía de 12.300 pesetas lineais por cada festivo, non domingo traballado, co incremento anual do IPC.

Os domingos que formen parte da xornada laboral terán unha compensación económica de 1.000 pesetas, revisable da mesma forma có IPC.

3. O persoal recibirá axuda por estudios dos fillos na contía en que cada exercicio se fixe nos orzamentos municipais. Os traballadores para teren dereitos a estas axudas deberán contar cunha antigüidade, como mínimo, de dous anos traballando neste concello.

Cara ó vindeiro ano establécese a seguinte:

-Fillos en educación infantil ou gardería: 5.000 ptas./fillo.

-Fillos en educación primaria: 10.000 ptas./fillo.

-Fillos en 1º ciclo ESO ou equivalente: 12.500 ptas./fillo.

-Fillos en 2º ciclo ESO ou equivalente: 15.000 ptas./fillo.

-Fillos en ESPO ou equivalente: 20.000 ptas./fillo.

-Fillos na universidade: 35.000 ptas./fillo.

Fíxase un máximo por traballador de 70.000 pesetas anuais.

4. Acórdase fixa-lo prezo de quilometraxe co vehículo propio na razón de 24 ptas./km.

Artigo 13º.-Promoción interna.

1. Consiste no ascenso do persoal dun grupo inferior a outro superior, sempre que leve desempeñando dous anos, como mínimo, nun posto inferior ó que pretende promocionar.

Excepcionalmente, e logo do acordo da corporación, poderase autoriza-lo cambio de grupo, sempre que para iso conte cos requisitos mínimos e titularidade esixida no grupo que pretende promocionar,

e levar como mínimo dous anos de antigüidade traballando neste concello. Para promocionar do grupo cinco ó catro, poderá suplirse esta titulación por unha antigüidade de 10 anos nun corpo ou escala do grupo cinco ou de 5 anos e a superación dun curso específico de formación ó que se accederá por criterios obxectivos, regulados pola comisión de valoración nomeada para o efecto.

2. As prazas que non se cubran por promoción interna acumularanse á quenda libre.

3. O persoal que se presente á promoción interna poderá facelo igualmente por quenda libre.

4. Para o persoal laboral de oficios poderá rexe-lo sistema de concurso. Realizaranse probas prácticas para aqueles postos ou prazas que segundo as características dictamine a comisión de valoración.

5. Os tribunais para a selección de persoal deberán estar constituídos por:

-Presidente: alcalde ou concelleiro en quen delegue.

-Vocais: 2 concelleiros, un deles do grupo da oposición, o xefe do servicio correspondente á especialidade e un representante designado polos delegados de persoal.

-Un representante da Administración autonómica.

-Secretario: o secretario xeral, que actuará con voz e voto.

-O representante sindical dos traballadores.

-Simultaneamente, cos titulares designaranse os suplentes para tódolos membros do tribunal.

6. Tratará de evitarse que os traballadores municipais que teñan diminuída a súa capacidade psíquica ou física para o traballo que están a realizar, ben sexa por idade, accidente, enfermidade, etc. realicen actividades que leven consigo circunstancias de penosidade, perigosidade, toxicidade (avaliado todo isto con informes médicos ou do Gabinete de Seguridade e Hixene no Traballo).

En calquera caso, o traslado de posto de traballo deberá ser asumido voluntariamente polo interesado, e o traballador percibirá o 100% das retribucións correspondentes ó posto de traballo de orixe.

Para estes efectos a comisión de seguimento establecerá unha relación de postos de traballo de segunda actividade en cada servicio.

Artigo 14º.-Formación e promoción profesional.

1. O persoal terá facilidades para a realización de estudios, obtención de títulos académicos ou profesionais, así como de cursos de perfeccionamento profesional.

2. O concello, directamente ou en concerto con organismos oficiais, organizará cursos de capacitación profesional.

Concederase permiso para asistencia a cursos de formación, homologados por calquera Administración, impartidos polas organizacións sindicais e especialmente cando o sexan dentro dos convenios ou acordos estatais ou autonómicos, sobre formación continuada no ámbito das administracións públicas.

3. O persoal que curse estudios terá dereito a elixir quenda de traballo, vacacións anuais ou adaptación da xornada ordinaria de traballo. Así mesmo, facilitarase a asistencia ós cursos impartidos polo concello ou por organismos oficiais, segundo o punto dous deste artigo, adaptando a xornada laboral para asistencia a eles.

4. Respectarase en todo momento o principio de igualdade de oportunidades para todo o persoal interesado na participación dos cursos, que deberá ser solucionado a través de criterios obxectivos. Para iso, tanto a corporación como os delegados de persoal comprométense a velar polo cumprimento dos ditos principios.

5. Daráselles publicidade a tódolos cursos que se impartan coa intención de chegar a tódolos traballadores que puidesen estar interesados, anunciándose no taboleiro de anuncios do concello, e nos que houbese nas distintas dependencias do concello. De igual maneira, procederase cos resultados da selección.

Artigo 15º.-Fomento de emprego.

1. Establécese a xubilación ós 65 anos de idade, estando a teor da lexislación vixente para o efecto.

2. A xubilación voluntaria dun traballador, antes de cumpri-los 65 anos e de acordo co comité de valoración creado para o efecto, terá dereito a percibir unha gratificación por parte do concello nas seguintes contías:

-Ós 60 anos: 3.500.000.-Ós 61 anos: 2.500.000.-Ós 62 anos: 1.500.000.-Ós 63 anos: 1.000.000.-Ós 64 anos: 500.000.

De acordo co punto 11, artigo 13º, o concello e o traballador poden chegar a acordo, por ámbalas partes, dunha indemnización para cesar como traballador no Concello de Vilanova de Arousa.

3. Cando un traballador non cumprise os períodos mínimos de carencia, poderá permanecer no posto de traballo ata remata-los citados períodos, adaptándose á xubilación que se complete con estes segundo a lei.

Artigo 16.-Fondo social.

1. A corporación establece un fondo social de 5.000.000 de pesetas anuais.

2. A xestión do fondo será atribución dunha comisión designada para o efecto e integrada por traballadores nomeados polos delegados do persoal, que fará a súa proposta á Comisión de Goberno.

Asistirá como asesor un asistente social ó servicio da corporación. Elixiranse un presidente e un secretario, que levantará acta de cada reunión, que será exposta no taboleiro de anuncios da casa do concello e nos de información sindical.

3. No prazo dun mes, contado desde a súa constitución, elaborarase un Regulamento de funcionamento interno.

4. As finalidades do fondo son:

a) A concesión de préstamos ata 1.000.000 de ptas. por destrucción total ou parcial de vivenda, por enfermidade grave e situación de precariedade económica.

b) Todas aquelas necesidades económicas graves que valore obxectivamente a corporación.

c) Unha responsabilidade civil de 50.000.000 de ptas. por funcionario ou corporativo no desempeño das súas funcións.

d) O prazo máximo para a devolución dos préstamos sen xuros é de 6 anos; logo fixarán a media que marque o mercado.

e) Concederanse anticipos de ata 3 mensualidades brutas sen xuros, reintegrables en 18 mensualidades.

Artigo 17º.-Condicións sociais.

1. O concello consignará nos orzamentos anuais unha cantidade para facer fronte ós gastos orixinados polos seguintes conceptos:

a) Servicios médicos non concertados que cubra o réxime xeral da Seguridade Social.

b) Póliza de seguros de accidentes, co resultado de morte, incapacidade laboral permanente ou perda dalgún membro en accidente de traballo. O traballador que sufra algún accidente laboral percibirá o 100% do soldo e complementos desde o primeiro día do accidente sen descontos e mentres dure este.

c) Póliza de responsabilidade civil para prestación de asistencia da realización xurídica nos conflictos orixinados como consecuencia da realización do traballo, sen límite.

2. A corporación colaborará en todo tipo de actividades de carácter cultural, deportivo, que por iniciativa do persoal traballador se solicite, que se subvencionarán dentro dos créditos dispoñibles para o efecto.

Artigo 18º.-Seguridade no traballo.

1. Para garanti-lo dereito á protección total da integridade física e dos traballadores constituirase un comité de seguridade e hixiene que servirá como controlador das medidas para o desenvolvemento dunha política eficaz de seguridade e hixiene.

2. O traballador ten a obriga de seguir estas normas e realiza-las prácticas que se establezan na xornada de traballo ou fóra dela, con desconto neste último caso do tempo investido nelas, da súa xornada laboral. Nos controis médicos que se fagan no concello

será obrigatoria a súa realización, sen poderse negar a estes.

3. O comité de seguridade e hixiene terá unha composición de 3 representantes da corporación e 2 dos traballadores designados polos delegados de persoal.

4. Ademais das funcións que lle atribúe a lexislación vixente, o comité de seguridade e hixiene terá as seguintes:

a) Control da roupa de traballo que se entrega ós traballadores.

b) Control de vestiarios e servicio hixiénico, coidando de que sexan suficientes e estean en perfectas condicións de uso.

c) Control da ferramenta de traballo, coidando da reposición das que non reúnan as condicións necesarias.

d) Propor medidas tendentes a elimina-las condicións perigosas, penosas ou de toxicidade no traballo.

e) Control do recoñecemento médico que terá periodicidade anual podendo solicitalo en calquera momento os traballadores que o consideren oportuno.

f) Proposta de paralización de calquera traballo ó alcalde, cando este supoña un grave risco para a integridade física e a vida do traballador. A resolución deberá producirse no prazo de 3 horas.

5. Todo o persoal ten dereito a que se lle proporcione a roupa de traballo adecuada e acorde co servicio que preste.

6. Entregarase anualmente, se é necesario, sen prexuízo de renovalo se fose preciso, a causa da súa deterioración pola actividade no desenvolvemento das funcións.

7. Non poderá facerse uso do vestiario e ferramentas, fóra das horas estrictamente laborais.

8. Cada ano entregarase a roupa de abrigo, augas, etc., ó persoal que traballa á intemperie.

9. Entregaranse no primeiro trimestre do ano os uniformes de cada servicio, debendo contar coa aprobación do comité de seguridade e hixiene.

10. O persoal coidará e limpará o vestiario que se lle entregue.

11. O persoal que por calquera motivo extravíe o material entregado, será o responsable de substituílo por outro de semellantes características e calidade; serán pola súa conta os custos.

12. Cando se entregue o vestiario novo, recollerase o deteriorado ou fóra de uso.

Artigo 19º.-Incapacidade laboral.

Queda a teor do disposto nas leis que a regulan.

Artigo 20º.-Absentismo laboral.

Co fin de corrixir e revisar, de se-lo caso, o absentismo laboral, o concello poderá enviar a revisión

médica e facer unha inspección médica naqueles casos que sexan precisos.

Relación de vestiario preciso para os servicios

Policía

a) Vestiario de verán:

-Dous pantalóns cada dous anos.

-Dúas camisas de manga curta anualmente.

-Un par de zapatos de verán cada dous anos.

-Tres pares de calcetíns anualmente.

b) Vestuario de inverno:

-Dous pantalóns anualmente.

-Dúas camisas de manga longa anualmente.

-Un xersei de manga longa anualmente.

-Un anorak completo cada tres anos.

-Unha gorra cada dous anos.

-Dous pares de calcetíns anualmente.

-Un par de botas cada dous anos.

Vías e obras

-Un conxunto de chaqueta e dous pantalóns anualmente.

-Unha funda anualmente.

-Dúas camisas de manga longa anualmente.

-Dúas camisas de manga curta anualmente.

-Un par de botas de auga anualmente.

-Un par de botas de seguridade en caso de necesidade (electricistas).

-Un par de botas de tenis para os conductores anualmente.

-Guantes segundo as necesidades.

-Un anorak cada tres anos.

Limpeza e recollida de lixo

-Un conxunto de chaqueta e dous pantalóns anualmente.-Unha funda con reflectantes anualmente.-Dúas camisas de manga longa anualmente.-Dúas camisas de manga curta anualmente.-Un par de xerseis co anagrama do concello cada ano.

-Un par de botas de seguridade en caso de necesidade.

-Un par de botas de auga anualmente.

-Un par de tenis anualmente.

-Un anorak cada tres anos.

-Guantes segundo necesidades.

O material usado será entregado unha vez se entregue o novo, e a roupa que falte será pagada por conta do traballador.

Disposicións adicionais

Primeira.-Respéctanse para tódo o persoal as condicións máis beneficiosas adquiridas legalmente, en canto determinen melloras e dereitos que as recollidas neste acordo.

Segunda.-Facúltase a comisión de seguimento, control e vixilancia e interpretación para optar ós acordos de interpretación que permitan a aplicación deste acordo.

Terceira.-Non se realizarán con carácter xeral horas extraordinarias, salvo que por necesidade do servicio sexa preciso realizalas.

Cando nalgún servicio se exceda de 600 horas extraordinarias ó ano, crearase un novo posto de traballo e, conseguintemente, unha nova praza no cadro de persoal. As horas poderán retribuírse economicamente tal e como fixa o punto 3 do artigo 12º, ou en horas de descanso.

Considéranse horas extraordinarias as traballadas fóra das 37,5 horas da xornada laboral.

As horas extraordinarias aboaranse na nómina do terceiro mes seguinte como máximo a ser realizadas.

As horas extraordinarias de realización obrigada serán as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e/ou urxentes.

As horas extraordinarias de realización voluntaria serán aquelas esixidas en períodos punta, ausencias imprevistas, cambios de quendas ou outra circunstancia derivada da natureza da actividade do concello, e aquelas efectuadas fóra da xornada recoñecida neste convenio.

As horas extras realizadas en cada sección serán repartidas de forma proporcional entre tódolos funcionarios desa sección, sendo estas de carácter voluntario.

Disposición derradeira

Este acordo derroga calquera outra resolución municipal que se lle opoña.

Rubricado