Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 26 de maio de 1999 Páx. 6.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se autoriza definitivamente o centro privado de artes plásticas e deseño Aula D en Vigo (Pontevedra), para imparti-los ciclos formativos de grao superior arquitectura efémera e proxectos e dirección de obras de decoración, da familia profesional de deseño de interiores.

Examinado o expediente que presenta Manuel Barreiro Chao, polo que pretende a autorización dun centro privado de artes plásticas e deseño, situado en Vigo (Pontevedra), para imparti-los ciclos formativos de grao superior arquitectura efémera e proxectos e dirección de obras de decoración da familia profesional de deseño de interiores.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 25), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas; o Decreto 253/1995, do 29 de setembro (Diario Oficial de Galicia do 11 de outubro), sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas; a Orde do 5 de decembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 7 de febreiro de 1996) pola que se desenvolve o dito decreto;

Real decreto 1464/1995, do 1 de setembro, polo que se establecen os títulos de técnico superior de artes plásticas e deseño en arquitectura efémera e en proxectos e dirección de obras de decoración, pertencentes á familia profesional de deseño de interiores, Real decreto 1537/1996, do 21 de xuño (BOE do 7 de setembro), polo que se establece o currículo e se determina a proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño da familia profesional de deseño de interiores.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro para poder imparti-los ciclos formativos de grao superior que se relacionan no anexo desta orde.

Segundo.-O centro que se autoriza, segundo o establecido na Orde do 5 de decembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 7 de febreiro) pola que se desenvolve o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, adscríbese para efectos administrativos, á Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-O centro que pola presente orde se autoriza, deberá cumpri-la norma básica da edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: rúa Ourense, 4, patio central baixo.

Código do centro: 36024011.

Denominación xenérica: centro autorizado de artes plásticas e deseño.

Denominación específica: Aula D.

Titular: Aula D-C.B.

Ensinanzas que se autorizan:

Familia profesional: deseño de interiores.

-1 ciclo formativo de grao superior arquitectura efémera. 2 unidades (30 postos/unidade).

-1 ciclo formativo de grao superior proxectos de dirección de obras de decoración. 2 unidades (30 postos/unidade).