O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, que é competencia plena desta Comunidade Autónoma o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado e fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecendo e estimulando o traballo en equipo dos profesores.
Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prevé como modalidade fundamental de formación do profesorado a formación en centros. Esta modalidade responde ás ideas básicas de:
a) Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado, propiciando a construcción do modelo de centro propio que desenvolva tódalas dimensións da práctica educativa: a profesional, a pedagóxica, a institucional, a relacional, a social e a de valores.
b) Fomenta-la colaboración entre o profesorado do centro e os asesores implicados nas diferentes fases da formación: planificación, desenvolvemento e avaliación.
c) Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora do funcionamento dos centros, nos seus distintos ámbitos.
d) Promove-la formación dos equipos docentes a través do traballo colaborativo, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.
e) Facilita-lo exercicio da autonomía dos centros educativos.
Isto supón a participación do profesorado no deseño da súa propia formación, desde unha perspectiva de equipo e en función dun proxecto conxunto. Coa finalidade de facilita-lo desenvolvemento desta formación nos propios centros docentes, cómpre proceder a facer pública a oportuna convocatoria que, coa implicación dos asesores de formación desde a propia fase planificadora, contribuirá a unha maior rendibilidade do esforzo formativo emprendido polo colectivo do profesorado.
En consecuencia, esta consellería,
DISPÓN:
Primeiro.-Convocar proxectos de formación e de asesoramento nos centros educativos de niveis non
universitarios para impulsa-los proxectos pedagóxicos baseados nun traballo común do equipo docente, xa sexan dos equipos de ciclo, de departamento, interdepartamentos ou internivelares.
Segundo.-Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes nos que se impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación especial, educación de adultos, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, idiomas e centros de ensinanzas artísticas, públicos ou privados concertados, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Os proxectos poderán solicitarse conxuntamente para varios centros dunha zona educativa naqueles ámbitos de formación que pola súa especificidade impliquen un número de docentes inferior ó mínimo estipulado no punto quinto desta orde.
Terceiro.-A duración do proxecto de formación e asesoramento será de 50 horas, como máximo, durante o curso académico 1999-2000.
Cuarto.-Os proxectos de formación e asesoramento poderán trata-los seguintes aspectos:
a) Plan de orientación educativa e profesional.
b) Selección e secuencia de contidos por ciclo, área, materia ou ciclo formativo.
c) Atención á diversidade: medidas ordinarias (metodoloxía, avaliación, etc.), reforzos educativos, adaptacións curriculares e programas de diversificación.
d) Introducción dos temas transversais nos currículos.
e) Renovación científico-didáctica relacionada co proxecto didáctico de área e coas programacións de aula.
f) Formación en centros de traballo e programas de garantía social.
g) Elaboración de materiais didácticos.
h) Mellora da calidade da educación.
i) Novas tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á educación.
Quinto.-As solicitudes e documentación complementaria serán presentadas no centro de formación correspondente ó centro educativo. O xefe de estudios, como coordinador da formación, deberá presentar:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.
b) Relación do profesorado comprometido no proxecto, que será, como mínimo, o 50% do pro
fesorado implicado, e nunca menos de dez persoas, agás no caso dos centros de menos de 12 profesores/as, nos que a comisión de selección poderá reduci-lo número mínimo de participantes considerando a porcentaxe antes citada. Un mesmo docente non poderá participar en dous proxectos dentro desta convocatoria. Na relación farase consta-la súa aceptación (segundo o modelo do anexo II).
Na resolución correspondente poderanse admitir modificacións posteriores en canto a esta relación ata o 31 de outubro de 1999, por mor da mobilidade do profesorado. A partir desta data non se autorizará ningunha modificación.
Dentro desta relación farase consta-lo nome do coordinador ou coordinadora que, prestándolle apoio ó xefe de estudios na súa tarefa de coordinación da participación do profesorado nas actividades de perfeccionamento, será o encargado de dirixir e desenvolve-los traballos necesarios para a realización do proxecto.
Procurarase que o coordinador ou coordinadora posúa a formación correspondente ó bloque de actividade inicial do itinerario formativo marcado polo centro de formación. No caso de que o centro careza dun coordinador co dito perfil, o proxecto de formación e asesoramento en centros deberá desenvolverse naqueles aspectos xerais dos ámbitos curricular, pedagóxico, organizativo e de investigación educativa que impliquen á maioría do equipo de profesores/as.
c) Solicitude na que se desenvolvan os puntos recollidos no anexo III, que será elaborada en colaboración cun asesor ou asesora do centro de formación ó que está adscrito o centro.
d) Certificación na que se recolla que o claustro do centro foi informado de que se vai solicitar esta actividade de formación.
Na mesma data de presentación da solicitude, enviarase copia do proxecto á inspección educativa, xunto coa solicitude de informe sobre este. A inspección, nun prazo máximo de quince días, remitiralle o dito informe ó presidente da comisión de selección.
Cando a solicitude implique a varios centros, xuntaráselles a tódolos datos deste apartado ademais do nome dun coordinador ou coordinadora, o do centro de referencia.
Sexto.-O prazo de solicitude será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Sétimo.-A selección será realizada en cada centro de formación por unha comisión integrada por:
-Un inspector ou inspectora, nomeado polo delegado provincial correspondente, que actuará como presidente.
-O director ou directora do centro de formación.
-Un representante do consello directivo do centro de formación.
-Dous asesores ou asesoras de formación propostos polo director do centro de formación.
-Un funcionario/a da Consellería de Educación con destino no centro de formación, con voz e sen voto, que actuará como secretario.
As comisións, se o consideran necesario, poderán solicita-lo asesoramento daquelas persoas ou organismos relacionados coa formación permanente do profesorado.
Dos resultados destas seleccións darase traslado á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.
Oitavo.-As comisións establecidas no punto anterior, no prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó de finalización de presentación de solicitudes, estudiarán estas e efectuarán unha proposta de selección de acordo cos aspectos mencionados no punto cuarto desta orde e tendo en conta os obxectivos e prioridades establecidos.
Noveno.-Do proceso de selección redactarase a acta correspondente, na que se recollerá:
-Título.
-Nome do coordinador ou coordinadora.
-Nome do centro de referencia.
-Asesor ou asesora responsable.
-Número de horas anuais previstas para a realización do proxecto de formación e asesoramento.
-Orzamento asignado a cada proxecto, desagregado por conceptos.
-Copias dos anexos I e II de cada solicitude, incluídas as denegadas e excluídas.
Esta documentación será enviada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Décimo.-A aprobación definitiva dos proxectos de formación e asesoramento será realizada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e farase pública en cada centro de formación e nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.
Décimo primeiro.-Os centros de formación, sen prexuízo da colaboración que poidan proporcionar outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento. Para tal efecto traballarán conxuntamente no deseño de formación, orientarán o desenvolvemento do traballo, organizarán e/ou impartirán módulos formativos e implicaranse no proceso de avaliación.
O inspector ou inspectora responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto de formación e asesoramento e apoiará o asesor ou asesora implicado nel.
A avaliación de cada proxecto de formación e asesoramento será competencia das comisións previstas no artigo 7.
O xefe de estudios e mailo coordinador ou coordinadora do proxecto asistirán, cando cumpra, a unha actividade previa ó comezo, que organizará o centro de formación correspondente ó centro educativo.
Décimo segundo.-A xestión económica destes proxectos de formación e asesoramento realizaraa o asesor ou asesora responsable de cada proxecto en cada centro de formación, con cargo ó orzamento do plan de formación.
O proxecto poderá xera-los seguintes gastos:
-Docencia, no caso de expertos non destinados no centro de formación.
-Material funxible.
-Bibliografía.
-Desprazamentos (cando sexa necesario para o desenvolvemento dalgunha actividade proposta).
Décimo terceiro.-Os centros seleccionados presentarán á comisión de selección unha memoria final ó remate do proceso axustándose ó modelo do anexo IV desta orde, e que será entregada por escrito e en soporte informático (Word Perfect). Enviarase unha copia desta memoria á inspección educativa, xunto coa solicitude de informe sobre ela. A inspección remitiralle o dito informe ó presidente da comisión de selección.
A data límite de entrega das memorias, no centro de formación correspondente, será ata o 11 de xuño do ano 2000.
Décimo cuarto.-Correspóndelles ás comisións de selección previstas no punto sétimo, o seguimento dos asesoramentos aprobados.
As ditas comisións reuniranse, polo menos, tres veces durante o curso académico para o desenvolvemento das seguintes funcións:
a) Velar por que se cumpran as condicións establecidas na aprobación definitiva.
b) Solicitar dos coordinadores de cada proxecto a memoria final, os materiais elaborados e as actas de traballo co número de horas realizadas.
c) Supervisa-la xustificación de gastos presentada polo asesor ou asesora correspondente.
d) Propoñer á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a suspensión da continuidade daqueles proxectos dos que durante o seguimento se deduza que non se axustan ó aprobado.
e) Informa-la Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da marcha dos diferentes proxectos de formación e asesoramento mediante: informes de seguimento, se é o caso, informes finais, así como toda aquela información que se considere necesaria ou sexa requirida pola consellería.
f) Adxudica-lo número de horas que hai que certificar, tendo en conta o seguimento, traballo realizado, informes e memorias.
g) Propoñe-la certificación da formación dos participantes unha vez concluído o proxecto, entregada a memoria final e valorada positivamente. Non se lle poderá expedir certificación ó profesorado que non asista ó noventa por cento da duración do proxecto, segundo o disposto no artigo 7.2º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.
Décimo quinto.-O director ou directora do centro de formación correspondente expediralle ó profesorado o certificado acreditativo da súa participación na actividade realizada.
No dito certificado constará o número de horas realizadas, que non poderán superar, en ningún caso, o máximo de cincuenta, fixado no anexo III.
Décimo sexto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.
Décimo sétimo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 1999.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO III
Guión para a elaboración do proxecto
Título do proxecto:
1. Aspecto e modalidade que se pretende traballar, segundo o punto cuarto da orde de convocatoria.
2. Xustificación.
3. Obxectivos.
4. Programa de contidos, actividades e metodoloxía que se pretende seguir.
5. Modalidades de formación e accións formativas que se consideran prioritarias para o logro dos obxectivos. Organización de recursos humanos e materiais.
-Número de horas de asesoramento presencial do asesor ou asesora. (En ningún caso poderá ser inferior ó 20% do total de horas estimadas).
-Número de horas de docencia con outros expertos. (En ningún caso poderá ser superior ó 30% do total de horas estimadas).
6. Temporalización. Calendario previsto e horas (non máis de 50) para a realización do proxecto.
7. Necesidades orzamentarias (tendo en conta o establecido no punto décimo segundo desta orde).
8. Criterios para a avaliación.
ANEXO IV
Guión para a memoria final
1. Características xerais e particulares do contexto no que se desenvolveu o proxecto de formación e asesoramento.
2. Consecución dos obxectivos:
-Propostos inicialmente.
-Acadados ó finaliza-lo proceso.
3. Participantes:
-Profesorado asistente á formación.
-Profesionais e institucións que impartiron ou coordinaron a formación.
4. Actividades realizadas. Axuste coa temporalización inicial.
5. Número de horas realizadas.
6. Modificacións, se é o caso, na proposta inicial durante a súa posta en marcha en canto a:
-Obxectivos.
-Contidos.
-Actividades.
-Metodoloxía.
-Recursos.
-Temporalización.
7. Síntese do proceso de avaliación empregado.
8. Conclusións: logros e incidencia no centro docente.
9. Materiais elaborados.
10. Actas das reunións de traballo e das actividades de formación para efectos de certificación e rexistro. Nas actas deben aparecer tódolos docentes que participaron, especificando nomes, apelidos, documento nacional de identidade e número de rexistro persoal, así como as incidencias máis relevantes.
11. Acta final, asinada polo coordinador ou coordinadora, e co visto e prace do xefe de estudios, na que se inclúa a relación de profesores con dereito a certificación e sen dereito a ela, especificando a causa.