Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.020

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 139/1999, do 7 de maio, polo que se regula a actividade de prestación a domicilio de servicios de mantemento, reparación e reforma.

Nos termos do disposto no artigo 30.I.4º, do Estatuto de autonomía de Galicia, esta Comunidade Autó

noma ten competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e usuario.

O Estatuto galego do consumidor e usuario, aprobado pola Lei 12/1984, do 28 de decembro, establece entre os dereitos básicos dos consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia, a protección dos seus intereses económicos e a información adecuada sobre os diferentes servicios.

O presente decreto pretende garanti-lo equilibrio nas relacións entre o consumidor e os que se dedican profesionalmente a unha actividade tan primordial para o usuario como é o mantemento da súa vivenda sen que por isto se pretenda delimita-lo exercicio da súa actividade profesional. O sector de servicios a domicilio, pola súa incidencia económica sobre o cidadán e pola ausencia dunha regulación, é un dos que presenta frecuentes conductas contrarias ós intereses do consumidor. Por esta razón é necesario dar unha resposta ós problemas que neste sector se presentan en relación coa prestación do servicio propiamente dito, o dereito do consumidor a obter un orzamento por escrito antes de iniciarse a prestación do servicio, a obriga do prestador de emitir factura ou xustificante de pagamento, así como a entrega dun documento de garantía, todo isto dirixido a conseguir unha efectiva protección dos dereitos dos consumidores e usuarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de audiencia ás asociacións de consumidores e usuarios, os sectores afectados, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente disposición regula no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a prestación a domicilio de servicios de mantemento, reparación e reforma ós consumidores e usuarios levados a cabo por aquelas persoas físicas ou xurídicas, en exclusiva ou non, que se dediquen ás devanditas actividades, sen mediar relación laboral co beneficiario da actividade, co obxecto de protexe-los intereses económicos daqueles e garanti-lo seu dereito a unha correcta información sobre os citados servicios.

2. Para os efectos do establecido no presente decreto enténdese por servicios a domicilio tódolos destinados ó mantemento, reparación e reforma de vivendas e locais en xeral, así como das súas instalacións e edificacións anexas, xa sexan de propiedade común ou individual.

3. Igualmente, teñen a consideración de servicios a domicilio non só os que se realicen no mesmo domicilio do consumidor, senón tamén os que se leven a cabo no taller do prestador deles, sempre e cando este proceda, posteriormente, a instala-lo obxecto na vivenda ou local do cliente.

4. Os preceptos deste decreto non se aplicarán a:

a) A entrega de bens a domicilio.

b) Os servicios que teñan carácter accesorio da actividade de venda de bens.

Artigo 2º.-Prestación do servicio.

1. O prestador do servicio cumprirá as normas relativas á documentación, información, libros ou rexistros establecidos obrigatoriamente para o adecuado réxime e funcionamento da empresa, instalación ou servicio e como garantía para a protección do consumidor ou usuario así como as disposicións sobre seguridade en canto afecten ou poidan supor un risco para el.

2. Cando os usuarios soliciten a prestación dalgún servicio, estea ou non cuberto por unha garantía, serán atendidos nos termos e prazos que se acorden.

3. Os representantes de marcas estarán obrigados a prestar servicios referidos ás devanditas marcas e ás súas gamas.

4. O prestador de servicio a domicilio terá á disposición dos seus clientes follas de reclamacións.

5. Tódalas pezas, elementos ou materiais que se utilicen na prestación do servicio deberán ser novos e adecuados ó uso ou finalidade á que van destinados.

Non se substituirán innecesariamente pezas ou materiais.

O prestador do servicio terá á disposición do consumidor ou usuario e dos servicios de inspección, os documentos que xustifiquen a orixe, natureza e prezo das pezas, elementos e materiais utilizados.

Cando na prestación do servicio vaian empregarse pezas ou materiais usados, o usuario deberá ser informado para que o autorice previamente e por escrito. As devanditas pezas ou materiais deberán estar en perfectas condicións para o uso ó que se destinen e a prezo máis baixo cás novas, se existisen no mercado.

O prestador do servicio estará obrigado, ó termo do traballo, a lle entregar ó usuario as pezas ou elementos mecánicos ou eléctricos substituídos, así como a retirar, se é o caso, os materiais de refugallo orixinados durante este, salvo, en ámbolos dous casos, manifestación en contra por parte do usuario.

6. Os gastos de desprazamento só poderán cobrarse unha vez, aínda e cando o servicio referido afecte a diferentes elementos ou fosen necesarios varios desprazamentos para a prestación do servicio. Non poderá cobrarse o desprazamento motivado por servicios anteriores mal efectuados ou por cualquera outra causa imputable ó prestador do servicio.

7. Cando os servicios prestados se facturen en función do tempo empregado na súa realización, só poderán cobrarse os tempos reais investidos.

8. Só poderá procederse á prestación do servicio unha vez que o usuario ou persoa que o represente conceda a súa conformidade mediante a sinatura do orzamento ou da renuncia que faga fe da súa elaboración. A elaboración do orzamento mediante a sinatura do usuario comporta:

a) A autorización para proceder á prestación do servicio nos termos especificados nel.

b) O pagamento por parte do usuario da cantidade orzamentada, contra a entrega da factura ou do recibo correspondente.

9. O prestador do servicio non poderá esixi-lo pagamento de cantidades que excedan sobre os prezos anunciados ou sobre os orzamentos aceptados.

Artigo 3º.-Oferta, promoción e publicidade.

Na oferta, promoción e publicidade dos servicios a domicilio, calquera que fora o medio utilizado para efectuala, observaranse os principios de veracidade, obxectividade e suficiencia. En particular, prohíbese ás empresas prestadoras do servicio a utilización de inscricións, símbolos ou anagramas oficiais ou calquera denominación ou expresión que poidan inducir a erro ó usuario sobre o carácter público ou privado da prestación do servicio, ou sobre as súas características, prezos e garantías do mesmo.

Artigo 4º.-Información ó consumidor.

1. Os establecementos, locais ou dependencias abertos ó público das empresas e profesionais dedicados á prestación dos servicios a domicilio regulados por este decreto, deberán exhibir, na zona de maior concorrencia de público, un cartel no que figure a seguinte información:

a) Nome e apelidos, ou denominación social, do prestador do servicio, e o seu NIF ou CIF.

b) Número de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais ou no correspondente rexistro especial, cando esta sexa preceptiva.

c) Lendas que especifiquen o seguinte:

-«O usuario ten dereito a un orzamento previo por escrito».

-«Se non é aceptado poderá cobrarse pola súa elaboración, como máximo e segundo tarifa estipulada, o correspondente a media hora de man de obra de traballo e un desprazamento, aínda que a súa confección requirise varios».

-«Tódolos servicios prestados por esta empresa están garantidos durante... meses».

-«Este establecemento ten a disposición do cliente o texto completo do decreto polo que se regula a actividade de prestación a domicilio de servicios de mantemento, reparación e reforma».

-«Existen follas de reclamacións á disposición do consumidor ou usuario».

A información sinalada neste punto figurará en caracteres de tamaño non inferior a 7 mm., e deberá

estar agrupada e diferenciada de calquera otra publicidade que puidese ofrecerse.

2. No mesmo cartel informativo ou noutro distinto, colocado xunto ó anterior, o prestador do servicio anunciará:

a) O prezo da man de obra por hora, día, metros, superficies, volumes ou outro tipo de tarifas usuais no servicio que se vaia realizar, con inclusión de todo tipo de impostos, cargas ou gravames.

b) Os prezos por servicios concretos, como son os gastos de desprazamento, as recargas pola realización de traballos con carácter urxente ou fóra da xornada usual por petición do usuario, ou os custos do transporte e retirada de materiais, con inclusión de todo tipo de impostos, cargas ou gravames.

A tarifa dos materiais ou pezas figurará en catálogos que os prestadores de servicios terán nos establecementos á disposición do público e das autoridades competentes.

A información sinalada neste punto figurará en caracteres de tamaño non inferior a 7 mm., cando o cartel sexa distinto ó do punto 1.

3. O persoal que realice a prestación do servicio deberá dispor dunha folla informativa que lle será facilitada con carácter gratuíto ó consumidor ou usuario. Na devandita folla especificaranse:

a) Prezos aplicables por tempo de traballo, con inclusión de todo tipo de impostos, cargas ou gravames.

b) Prezos dos servicios concretos como son os gastos de desprazamento, as recargas pola realización de traballos con carácter urxente ou fóra da xornada usual, por petición do usuario, ou o custo do transporte ou retirada dos materiais, con inclusión de todo tipo de impostos, cargas ou gravames.

c) Lendas que especifiquen:

-«O usuario ten dereito a un orzamento previo por escrito».

-«Se o orzamento non é aceptado poderá cobrarse pola súa elaboración, como máximo e segundo tarifa estipulada o correspondente a media hora de man de obra de traballo e un desprazamento, aínda que a súa confección requirise varios».

-«Tódolos servicios prestados por esta empresa están garantidos durante... meses».

-«Existen follas de reclamacións á disposición do consumidor ou usuario».

Artigo 5º.-Orzamento.

1. O prestador do servicio, antes da súa realización, deberá someter á sinatura do cliente, ou de quen actúa no seu nome, salvo renuncia expresa deste, un orzamento no que consten, como mínimo, os datos seguintes:

a) Nome e apelidos, ou denominación social, enderezo, teléfono, NIF ou CIF do prestador do servicio.

b) Número de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais ou no correspondente rexistro especial, cando esta sexa preceptiva.

c) Nome e apelidos do cliente e enderezo onde debe prestarse o servicio.

d) Descrición detallada do servicio solicitado.

e) Cantidade, especificacións técnicas e prezo dos materiais que se vaian utilizar.

f) Prezo da man de obra por día, hora, metros, superficies, volumes ou outro tipo de tarifas usuais no tipo de servicio que se vaia realizar.

g) Data prevista do inicio e remate do servicio.

h) Prezo total do servicio, impostos incluídos, e a súa forma de pagamento.

i) Período e condicións de garantía do servicio.

j) Período de validez da oferta realizada no orzamento.

k) Data e hora da solicitude do servicio

l) Calquera outra referencia que se considere conveniente, sempre que non afecte ós dereitos recoñecidos dos consumidores e usuarios.

ll) Data e sinatura ou selo do prestador do servicio.

m) Data e sinatura de recepción do orzamento polo cliente. Para tal efecto existirá un recadro reservado onde expresamente debe constar en caracteres, formato ou tamaño que os faga claramente localizables e identificables cunha simple lectura, a frase:

«Orzamento recibido antes da realización dos traballos», seguida das expresións:

-Data de recepción do orzamento e

-Sinatura do cliente

n) Data e sinatura da aceptación do orzamento polo cliente. Para eso existirá un recadro reservado onde expresamente debe constar en caracteres, formato ou tamaño que os faga claramente localizables e identificables cunha simple lectura, a expresión: «acepto o orzamento e autorizo a realización dos traballos».

Cando a prestación do servicio vaia realizarse conforme a determinados planos, trazados ou deseños, estes tamén formarán parte do orzamento e deberán estar asinados polo prestador do servicio e o cliente.

2. Os prezos orzamentados para os materiais deberán corresponderse, como máximo, cos seus prezos de venda ó público anunciados en catálogos e carteis.

3. O orzamento constará de orixinal e copia. O orixinal entregaráselle ó cliente, e o prestador do servicio deberá conserva-la copia asinada por aquel, durante un prazo non inferior a un ano desde o vencemento da garantía.

4. Calquera modificación do orzamento inicial motivada tanto por avarías ou defectos ocultos que aparezan con posterioridade á realización del, como por modificacións solicitadas polo usuario, ou por

calquera outra causa, deberá poñerse por escrito en coñecemento do usuario coa maior brevidade, con indicación do incremento do importe do servicio, de modo desagregado, así como, das causas del. Non caberá modificación á alza dos orzamentos nos casos de erros nas medicións e valoracións efectuadas polo prestador.

As modificacións ó orzamento presentaranse nun documento formado por dous exemplares iguais que as dúas partes deberán asinar en sinal de conformidade. Un deles será entregado ó usuario e o outro quedará en poder do prestador do servicio.

5. No suposto de que o consumidor non acepte o orzamento ofertado, poderase cobra-lo importe de elaboración del, sempre que se acredite documentalmente que se informou da obriga do seu pagamento, previamente á súa solicitude.

O importe da elaboración do orzamento non poderá exceder do prezo, segundo tarifa estipulada, correspondente a media hora de man de obra de traballo e un desprazamento, aínda que a súa confección requirise varios.

Artigo 6º.-Renuncia ó orzamento e á orde de traballo.

1. A renuncia á elaboración do orzamento previo farase constar de forma expresa nun documento de orde de traballo, na que figuren os datos sinalados nas letras a), b), c), d), g), i), k) e ll) do artigo 5º.1 deste decreto, coa seguinte frase: «Renuncio ó orzamento previo e autorizo a reparación», escrita da súa propia man polo cliente ou por quen actúe no seu nome e coa súa sinatura.

2. Nos casos nos que exista orzamento debidamente asinado polo prestador do servicio e o cliente, este fará as veces de orde de traballo.

3. A referida orde de traballo incluirá a seguinte lenda, en caracteres, formato ou tamaño que os faga claramente localizables e identificables cunha simple lectura: «a renuncia ó orzamento efectúase coñecendo o dereito a solicitar orzamento previo, así como as posibles consecuencias xurídicas e económicas da renuncia».

Artigo 7º.-Factura ou xustificante de pagamento.

1. Finalizado o servicio, o prestador deberá entregarlle ó consumidor ou usuario unha factura ou xustificante de pagamento polo servicio realizado, que se axustará ó establecido nas disposicións vixentes na materia. En todo caso figurarán os seguintes datos:

a) Número da factura ou xustificante de pagamento.

b) Nome e apelidos ou denominación social, enderezo, NIF o CIF, e teléfono do prestador do servicio.

c) Número de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais ou no correspondente rexistro especial, cando esta sexa preceptiva.

d) Nome e apelidos, e enderezo do cliente.

e) Descrición detallada do servicio realizado.

f) Prezo total do servicio debidamente desagregado, especificando calquera tipo de cargo acreditado, materiais utilizados e tempo de man de obra empregado, con expresión dos seus respectivos importes; igualmente deberá reflectirse a contía dos conceptos por desprazamento, transporte ou outros que se facturen, así como dos impostos correspondentes.

g) Período de duración e condicións da garantía se non se achega en documento independente.

h) Data e sinatura do prestador do servicio.

2. Na factura non constarán a realización de traballos que non foran executados, recambios ou accesorios que non foran incorporados na reparación nin o cobro por man de obra de prezos superiores ós anunciados e/ou orzados ou dun número de horas superior ás empregadas.

3. O importe da factura ou xustificante de pagamento deberá corresponderse coa contía orzada, con inclusión de calquera modificación realizada ó orzamento inicial.

4. No suposto de que se pacten pagamentos parciais durante a prestación do servicio, deberase expedir e entregarlle ó cliente documento acreditativo ou factura deles, con indicación expresa desta circunstancia no correspondente documento ou factura.

5. Non terán a consideración de factura ou xustificante de pagamento os partes ou albarás emitidos, se é o caso, polos operarios que efectuasen a obra ou servicio, aínda e cando neles conste a sinatura do usuario dando a súa conformidade ós traballos, salvo que nos ditos documentos se reflectisen tódolos datos descritos no punto 1 do presente artigo.

6. No caso de que se proceda ó cobro dun orzamento non aceptado expedirase, trala súa entrega, a correspondente factura ou xustificante que ampare o pagamento del.

Artigo 8º.-Garantías.

1. O prestador do servicio entregaralle ó consumidor un documento de garantía das reparacións e instalacións que efectuou, no que fará consta-lo obxecto da reparación ou instalación, o garante, o beneficiario da garantía, os dereitos deste e o prazo da garantía, que non poderá ser inferior a tres meses contados a partir da data consignada na factura correspondente á finalización dos servicios.

O prazo mínimo de garantía previsto no parágrafo anterior poderá ser modificado por outras disposicións legais ou regulamentarias específicas en razón da natureza do servicio prestado.

2. A garantía entenderase total, é dicir, con inclusión dos materiais utilizados e a man de obra, e afectará ós gastos que poidan ocasionar, tales como os de transporte que a reparación esixa, os de des

prazamentos dos operarios que a efectuasen, o valor da man de obra e o material de calquera clase, así como a imposición fiscal que grave esa nova operación

3. Durante o período de garantía do servicio, calquera reparación ou arranxo relacionado con el atenderase coa maior dilixencia e, unha vez efectuado, entregarase un xustificante da nova actuación realizada, no que figurará o novo prazo de garantía para aqueles elementos reparados.

4. Producida unha nova avaría durante o período de garantía na parte ou partes reparadas, o prestador do servicio, logo de comunicación do usuario, deberá reparar gratuitamente a devandita avaría.

5. Todo o anterior enténdese sen prexuízo do disposto no capítulo VIII da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, e o disposto no artigo 12 de la Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista.

Artigo 9º.-Competencias.

Os órganos competentes en materia de protección ó consumidor levarán a cabo a vixilancia e inspección de canto se establece no presente decreto.

Artigo 10º.-Infraccións e sancións.

1. Sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos administrativos dentro das súas atribucións específicas, e de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, da que a súa tipificación específica se recolle nos artigos 3 e 5 do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria e o establecido ó respecto na Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e usuario, consideraranse infraccións en materia de protección ó consumidor:

a) As actuacións que se realicen con ocasión da prestación de servicios a domicilio que induzan a contratar prestacións innecesarias para a obtención do resultado propio da prestación do servicio solicitado.

b) A realización de orzamentos que non se correspondan coa realidade estricta do servicio que se vai prestar.

c) Negativa á realización do orzamento

d) Cobro pola realización do orzamento de cantidades que non se axusten ó establecido neste decreto.

e) A prestación de servicio que non se corresponda co contratado.

f) Expedición de orzamentos, orde de traballo, facturas ou xustificantes de pagamentos que non se axusten no seu contido ó preceptuado nesta disposición.

g) A negativa do prestador do servicio a devolverlle ó cliente as cantidades percibidas en exceso.

h) A non corrección dos servicios prestados de forma deficiente ou neglixente, de forma inmediata desde que fora requirido para iso por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción polo prestador do servicio, salvo que documentalmente se acredite a imposibilidade de realizalo.

i) As demoras inxustificadas no inicio ou finalización dun servicio, con respecto ás datas que figuran no orzamento.

j) A utilización de pezas e elementos usados sen autorización.

k) A utilización de pezas e elementos inadecuados ou non marcados e/ou homologados, cando estes últimos requisitos sexan preceptivos.

l) O incumprimento das normas relativas a documentación, información e libros, establecidos obrigatoriamente para o adecuado réxime e funcionamento da empresa de instalación ou servicio e como garantía para a protección do consumidor ou usuario.

ll) O incumprimento das disposicións sobre seguridade en canto afecten ou poidan supor un risco para o usuario ou consumidor.

m) A falla de follas de reclamación ou a negativa a facilitalas.

n) O incumprimento das normas de garantía previstas no presente decreto.

2. As infraccións ás que se refire o presente decreto, cualificaranse como leves, graves e moi graves, atendendo ós criterios establecidos no artigo 35 da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, así como nos artigos 6, 7 e 8 do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria.

3. As infraccións ás que se refire o presente decreto serán sancionadas con multas de acordo coa graduación establecida no artigo 36 da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, sendo os órganos competentes para a imposición das sancións os recollidos no artigo 16 do Decreto 329/1995, do 21 de decembro, que desenvolve a Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

Disposición adicional

As prestacións de servicios a domicilio nas que a protección dos dereitos dos consumidores sexa obxecto dunha regulación específica rexeranse por ela, sen prexuízo da aplicación supletoria do presente decreto.

Disposición transitoria

As empresas e profesionais prestadores de servicios a domicilio que viñesen exercendo a súa acti

vidade con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, deberán adaptarse ó establecido nel no prazo de seis meses contados a partir da data da súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de consumo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio