Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.018

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 138/1999, do 7 de maio, polo que se modifica o Decreto 202/1998, do 25 de xuño, polo que se crean os Premios Galicia de Investigación.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, creou os Premios Galicia de Investigación. No seu artigo 8º institúese o Premio Galicia de Innovación Empresarial dirixido ás pequenas e medianas empresas (Pemes) galegas. Nembargantes, parece oportuno permiti-la participación no citado premio doutras Pemes, que aínda que non sexan galegas, teñan algún tipo de vinculación coa Comunidade Autónoma, así como incentivar cunha dotación económica a participación das empresas nel.

Polo tanto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modíficase o artigo 8º do Decreto 202/1998, do 25 de xuño, quedando redactado como segue:

Artigo 8º

Créase o Premio Galicia á Innovación Empresarial, consistente nun diploma acreditativo e unha placa conmemorativa. Así mesmo, este premio poderá levar asociada unha dotación económica que se fixará, de se-lo caso, na orde de convocatoria.

O premio está destinado a recoñecer e estimula-lo esforzo innovador por parte das pequenas e medianas empresas (Pemes) galegas. Non obstante, tamén poderán ser obxecto de premio outras Pemes non galegas con algún tipo de vinculación acreditada con Galicia.

O premio, que terá periodicidade anual, será outorgado por proposta dun xurado designado na orde de convocatoria e do que poderán formar parte representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública