Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 18 de maio de 1999 Páx. 5.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de maio de 1999 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a homologación dos equipos de xestión, localización e seguimento de alarmas e emerxencias en taxis da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten atribuído, entre outros, o exercicio das competencias en materia de telecomunicacións que corresponden á Xunta de Galicia, particularmente aquelas que afectan ós servicios que xestiona directamente a Administración autonómica galega.

Durante 1999 púxose en marcha o Teléfono Único de Emerxencias 112, servicio que xestiona a Dirección Xeral de Protección Civil, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Central de Emerxencias SOS-Galicia.

Nesta central integráronse os sistemas informáticos e de telecomunicacións que permiten a coordinación co resto de organismos encargados de da-la resposta en casos de emerxencia.

Este tipo de emerxencias estanse producindo con certa frecuencia nos vehículos destinados a servicios de taxi, nos que se producen actos delictivos que poden chegar a ser moi violentos e, nalgún caso, custa-la vida do taxista agredido, polo que a sociedade galega está moi sensibilizada e demanda novas medidas de seguridade para os profesionais deste sector.

Para atender esta demanda resulta necesaria a instalación de determinados equipamentos que teñen que cumprir unha serie de requisitos técnicos para conectarse co sistema do Teléfono 112, polo que se establece un trámite para a comprobación da compatibilidade dos ditos equipos co sistema e proceder, se é o caso, á súa homologación.

Na súa virtude, logo das consultas oportunas coas consellerías de Industria e Comercio e Xustiza, Interior e Relacións Laborais,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto desta orde abri-lo prazo de presentación de solicitudes para aquelas empresas que queiran homologa-los seus equipos para conectalos ó sistema informático da Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Artigo 2º.-Modelo de solicitude.

As peticións presentaranse segundo o modelo que se xunta á presente orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

(edificio administrativo, 3 San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Deberá presentarse coa solicitude un equipo completo, en condicións de funcionamento e operatividade, tal e como se recolle no prego de prescricións técnicas. O dito equipo devolveráselle ó solicitante unha vez rematadas as probas de homologación polos Servicios Técnicos da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 3º.-Prazo para formula-las solicitudes.

O prazo para solicita-la homologación dos equipos terminais de xestión, seguimento e localización de alarmas e emerxencias en unidades móbiles, conectados ó sistema informático da Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia quedará aberto permanentemente desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 4º.-Características técnicas.

O prego de prescricións técnicas, elaborado logo de consulta coa Dirección Xeral de Protección Civil, determina as características técnicas que deberán cumprir para a súa homologación, os equipos de xestión, localización e seguimento de alarmas e emerxencias móbiles na Comunidade Autónoma de Galicia, con conexión ó sistema informático da Central do Servicio de Emerxencias 112 SOS-Galicia e estará á disposición das empresas interesadas, para o seu exame, nos días e horas hábiles de oficina, nas dependencias da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, sita no edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, teléfono 981 54 43 14 e nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 5º.-Homologación de equipos.

Realizadas as comprobacións oportunas o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual, logo de informe do director xeral de Protección Civil, elevará a oportuna proposta de resolución ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá sobre ela no prazo de tres meses desde que se formulou a solicitude.

Contra a resolución denegatoria da homologación poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo