Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 18 de maio de 1999 Páx. 5.904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 10 de maio de 1999 pola que que se modifica a do 14 de agosto de 1998, pola que se regula a asignación de dereitos de novas plantacións de viñedo en zona de producción das denominacións de orixe.

O Regulamento (CEE) 822/1987, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no que a última modificación a constitúe o Regulamento (CEE) 1592/1996, establece para España a posibilidade de concede-las autorizacións de novas plantacións de viñedo nas campañas 1996/1997 e 1997/1998 nunha superficie total de 3.615 ha, das que 240 ha foron asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia para as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra mediante a decisión da comisión do 9 de xaneiro de 1997.

Mediante a Orde do 14 de agosto de 1998 desta consellería publicada no DOG nº 163, do 24 de agosto de 1998, establécense as normas para a solicitude de asignación de dereitos e realización das plantacions de viñedo ata un total das 240 ha.

No artigo 8º establécese un prazo para a realización das plantacions, as que se lle asignen dereitos, que deben realizarse e inscribirse no Rexistro de Plantacions de Viñedo e Dereito de Replantación da Comunidade Autónoma antes do 30 de agosto de 1999.

Debido ás esixencias técnicas en consideración co período vexetativo adecuado para efectua-las plantacions, é necesario amplia-lo prazo para a súa realización de forma que se conte alomenos cun período invernal de parada vexetativa.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das

facultades que me concede a Ley 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 8º da Orde do 14 de agosto de 1998 e queda redactado como segue:

Artigo 8º.-Realización das plantacións.

As plantacións correspondentes ós dereitos asignados deberanse realizar e inscribirse no Rexistro de Plantacions de Viñedo e Dereitos de Replantación da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrido un ano desde o momento no que a súa autorización de plantación adquira firmeza. No caso de que a plantación non se rexistre antes da data indicada anteriormente, o interesado perderá os dereitos asignados. Excepcionalmente, por causas debidamente motivadas, por instancia do interesado, poderá concederse unha prórroga non superior a un ano.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria