Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 14 de maio de 1999 Páx. 5.849

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de abril de 1999 pola que se convoca o XV Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 99.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da actividade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o XV Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

XV Concurso Galego de Banda Deseñada

Xuventude 99

I. Participantes.

Mozas e mozos galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e 30 anos, cumpridos no ano 1999, en grupo ou individualmente.

II. Condicións xerais.

1. A temática será libre, con textos en galego, que terán carácter de inéditos.

2. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

3. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3, e a súa extensión entre 2 e 6 páxinas inclusive.

4. Cada autor ou autores poderán presenta-las obras que desexen.

5. Cada obra deberá levar lema e título.

6. Xunto coas obras deberá entregarse un sobre pechado co lema/s escrito/s no seu exterior, figurando no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III cos datos do autor ou autores, fotocopia do/s DNI por ámbalas dúas caras ou da folla correspondente do libro de familia, e currículum.

7. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

8. A Dirección Xeral de Xuventude resérvase o dereito a editar e difundi-las obras seleccionadas. A Dirección Xeral de Xuventude editará unha revista coas obras que sexan seleccionadas.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.

Os participantes deberán presenta-las obras xunto coa solicitude e o sobre pechado no Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia e Pro

moción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que os interesados residan habitualmente, que pode ser en:

r/ Ronda da Muralla, 70- 27003 Lugo.

Avd. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entreplanta 36001 Vigo.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será ata o día 2 de setembro de 1999.

IV. Desenvolvemento.

Fase provincial.

De entre tódolos traballos presentados en cada provincia, o xurado procederá a seleccionar aqueles que pola súa calidade considere merecentes de concorrer á seguinte fase.

Fase autonómica.

O xurado seleccionará os mellores traballos, que serán expostos na Casa da Xuventude de Ourense no mes de outubro de 1999, premiando aqueles que pola súa calidade e orixinalidade considere oportunos.

V. Premios.

Establécense os seguintes premios:

1º: 200.000 ptas.

2º: 150.000 ptas.

3º: 100.000 ptas.

4º: 75.000 ptas.

5º: 50.000 ptas.

6º: 25.000 ptas.

Concederanse tamén seis accésit de 15.000 ptas., así como un diploma a tódolos participantes seleccionados na fase autonómica que acredite a súa participación neste Concurso Galego de Banda Deseñada.

O premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

VI. Xurado.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade da obra, poderanse deixar desertos algúns premios.

As contías dos premios serán únicas e indivisibles.

O xurado da fase autonómica será nomeado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e polo delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Ourense, e estará formado por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Ourense.

A decisión do xurado será irrrecorrible.