Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.609

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 127/1999, do 23 de abril, polo que se modifica o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, polo que se establece un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades.

O Decreto 255/1996, do 14 de xuño, ten por obxecto regular unha serie de programas específicos dirixidos a axudar á toma de participación ou adquisición de capital de sociedades mercantís polos traballadores ou socios, o fomento da cooperación favorecendo o redimensionamento empresarial, mediante participacións no capital de sociedades do mesmo sector ou complementarios da cadea de valor, e a favorece-la formación de maiorías de capital que permitan a súa estabilidade e a eficacia na toma de decisións na empresa.

Para iso, o mencionado decreto establece un réxime de axudas consistentes en subvencións a fondo perdido e/ou subsidiación do tipo de xuro de préstamos. Neste último caso establécese un límite mínimo de puntos ó tipo de xuro que debe satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación, que na actualidade non pode ser inferior a tres puntos porcentuais.

A evolución dos mercados financeiros ó longo dos dous últimos anos, que mostra unha tendencia á baixa dos tipos de xuro, repercute nas axudas financeiras de maneira que as concesións de subvencións ó tipo de xuro poden perder parte da súa efectividade ó estaren limitadas polo tipo de xuro mínimo indicado no parágrafo anterior.

Polo tanto, considerando necesario efectuar unha modificación do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, para reduci-lo tipo de xuro mínimo que pagará o beneficiario para os proxectos de toma de participación no capital de sociedades mercantís, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación normativa.

Un.-Modifícase o tipo de xuro que debe satisface-lo beneficiario, unha vez descontada a subsidiación, establecido nas letras b) e c) do artigo 4º do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, e queda fixado no 2%.

Disposición transitoria

Os préstamos referidos a axudas concedidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seguirán rexéndose polas condicións ó tipo de xuro vixentes no momento de concesión da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda