Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 07 de maio de 1999 Páx. 5.459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de abril de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Noia e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 22 de abril de 1999 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 7 de abril de 1999, pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Noia adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Noia, o día 3 de febreiro de 1999, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número douscentos sesenta e tres do seu protocolo, por Dositeo Rodríguez Rodríguez, que intervén en representación da Xunta de Galicia.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo, poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das

fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Noia ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Noia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública