Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 05 de maio de 1999 Páx. 5.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 114/1999, do 23 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carballo (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación forzosa de terreo sito en Ferradal-Bertoa para a execución da obra colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo, modificado número 1, ramal 2.

O Concello de Carballo (A Coruña), en sesión que tivo lugar o dia 5 de outubro de 1999, aprobou o proxecto de expropiación forzosa de terreo sito en Ferradal-Bertoa para a execución da obra colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo, modificado nº 1, ramal 2 e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de febreiro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de marzo de 1999, precisando que, en todo caso, as citadas obras deberán axustarse ó disposto no apartado 3.3.3.1. das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Carballo, que regula o solo non urbanizable de protección de leitos fluviais.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata dunhas obras que figuran no Plan de Saneamento de Galicia e que son absolutamente necesarias para poder cumpri-las directivas da Unión Europea, Directiva do Consello do vinteún de maio de mil novecentos noventa e un sobre o tratamento de augas residuais urbanas (DOCE 30-5-1991).

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, é declarada a urxente ocupación, polo Concello de Carballo (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación forzosa de terreo sito en Ferradal-Bertoa para a execución da obra de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo, modificado nº 1, ramal 2.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais