Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 04 de maio de 1999 Páx. 5.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de abril de 1999 pola que se regula a concesión de axudas económicas ós concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais procedeu a coordina-las policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece entre outros principios o

de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia axeitarán a súa actuación ós da colaboración, cooperación e o auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas; entre estas está a de seguridade en lugares públicos.

Conforme o Decreto 227/1998, do 10 de xullo, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Por medio desta orde prétendese dar cumprimento ó mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, polo que, ó abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, en tanto a coordinación abrangue, entre outras medidas, as de colaboración que lles permitan ós servicios de policia dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz, regulándose por medio desta orde o procedemento para a concesión de axudas destinadas ós concellos que incrementen considerablemente a súa poboación na tempada de verán para a contratación temporal de auxiliares de policía local nese período,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá cos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán, convocando axudas destinadas a sufraga-los custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local.

b) Os que pola afluencia estival incrementen considerablemente a súa poboación durante os meses de verán.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais non poderá supera-lo número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Correspónderalle ó concello peticionario o pagamento do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o pagamento do 75%, incluídos custos sociais.

Artigo 3º.-Crédito.

Á consecución deste obxectivo ó que se refire a orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de trinta millóns de pesetas (30.000.000), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.123.A.460.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen

acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa o acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

c) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada á data de publicación desta orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

d) Número de auxiliares que a corporación vaia contratar.

e) Respecto á poboación deberán remitir:

-Certificación municipal do número de veciños que conforman o padrón municipal de habitantes.

-Certificación municipal do contido dos documentos do concello nos que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e nos que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós concellos interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 39/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la concesión da subvención.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Crecemento poboacional do concello nos meses de verán debido á súa afluencia turística.

Artigo 9.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, antes do día 1 de outubro de 1999, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice co/os auxiliar/es, xunto coa acreditación de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local convocado pola Academia Galega de Seguridade, cumprindo así co requisito que establece a disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

b) Mandamento de pagamento ou certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, conformada polo interventor do concello.

c) Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais