Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 28 de abril de 1999 Páx. 5.076

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 5 de abril de 1999, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se inicia a tramitación dos expedientes de clasificación de montes desta provincia 17/1998 e 27/1998.

Perante este Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común tramítanse os expedientes de clasificación dos montes coas características que a seguir se indican:

-Expediente número 17/1998:

Denominación: montes: Salto-N e Coto da Barroca-N.

Comunidade propietaria: veciños dos lugares da Venta e O Guioncho.

Parroquia: Lieiro.

Concello: Cervo.

Superficie: 7 hectáreas.

Estremas:

As do termo veciñal son:

Norte: termos de San Cibrao. Leste: termos da parroquia de Cervo. Sur: termos e montes de Gondrás. Oeste: termos do Castelo e Lieiro.

-Expediente número 27/1998:

Denominación: montes de Rigueira.

Comunidade propietaria: veciños da parroquia de Rigueira.

Concello: Xove.

Superficie: 800 ha.

Estremas:

As do termo parroquial son:

Norte: termos da parroquia de Xove. Leste: termo municipal de Cervo. Sur: termos e montes da parroquia de Monte. Oeste: termo municipal de Viveiro e montes de Xilán e Corveira.

Descrición do perímetro:

O perímetro de todo o termo parroquial de Rigueira, comprendendo tódolos montes, os predios particulares e as mesmas aldeas, pode describirse empezando polo extremo noroeste en Pedralba nos límites co termo das parroquias de Xuances e Xove.

Polo norte divide cos termos da parroquia de Xove baixando pola lomba de Pedralba cara ó leste por Cruz de Pedride subindo a Calvoso e atravesando cara ó sueste e subindo por Ermitán e Coto dos Cristais a Medela.

Polo leste divide co termo municipal de Cervo desde Medela baixando pola estrema de norte a sur por Chao das Pozas, Pena do Ferreiro e Pico do Castelo baixando a Pozo do Piago no río Covo.

Polo sur divide cos termos e montes da parroquia de Monte subindo desde Pozo de Piago cara ó oeste por Penidos e Pena das Cancelas, atravesando ó val do río Gondar e subindo pola lomba de Penalonga ata Campo da Cruz.

Polo oeste divide nun treito co termo municipal de Viveiro, desde Campo da Cruz seguindo a estrema cara ó noroeste por Xoán Penado ata enriba do Curro de Naia, de onde colle dirección noroeste dividindo cos montes de Xilán e Corveira seguindo a lomba que divide augas, baixando por Corveira e Armada ata Pedralba, onde se comezou.

En virtude do acordado polo xurado na sesión celebrada coa data do 26 de maio de 1998 e, en cumprimento da orde do instructor, conforme o disposto na Lei de montes veciñais en man común do 10 de outubro de 1989 e demais disposicións de aplicación, polo presente edicto faise pública a iniciación dos expedientes indicados co obxecto de que, de acordo co previsto no artigo 23 do Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para a execución da citada lei, cantas persoas, organismos e corporacións resulten interesados poidan comparecer e intervir nos expedientes iniciados e formular perante o xurado, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación do presente edicto no Diario Oficial de Galicia, cantas alegacións coiden oportunas na defensa dos dereitos que crean asistilos en relación cos montes, achegando, se é o caso, a documentación que consideren conveniente ó respecto.

Lugo, 5 de abril de 1999.

Luis González Vázquez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común de Lugo