Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 22 de abril de 1999 Páx. 4.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 12 de abril de 1999 pola que se establecen axudas á promoción, fomento da calidade e á busca de novas saídas comerciais dos productos galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Segundo o Art. 6 e) da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura conta entre as súas competencias a ordenación pesqueira en materia de comercialización dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura a través da promoción das estructuras de comercialización e, en especial, o apoio ás asociacións de productores na distribución dos productos do mar mediante a realización, entre outras medidas, de campañas de orientación e fomento do seu consumo, de accións tendentes a mellora-la súa calidade e de estudios sobre a súa comercialización.

Neste mesmo sentido, o Art. 103 da devandita lei dispón que para tal efecto poderá establecer calquera tipo de accións que contribúan á eliminación de obstáculos comerciais ou estructurais existentes no sector pesqueiro que se opoñan a consecución dos seus obxectivos.

A Iniciativa Comunitaria Pesca, creada por decisión da Comisión Europea do 15-6-1994, veu establecer un novo marco destinado a canalizar e auxilia-las medidas encamiñadas á busca de novas orientacións e accións que consigan amortece-los efectos producidos polas reduccións de actividade ou outras situacións de crise acontecidas en zonas comunitarias economicamente dependentes da pesca, e leva consigo a contribución económica de distintos fondos comunitarios (como os do IFOP e o FEDER, xunto cos da propia Administración autonómica que cofinancien aqueles), sendo polo tanto un instrumento financeiro axeitado para artella-las accións que se realicen para estes fins.

As tendencias actuais de consumo de productos do mar inclínanse cara a unha maior esixencia en canto á calidade destes, e non só no que respecta ó propio producto, senón tamén á súa normalización e presentación.

Por outra banda, a realización de estudios e prospeccións de novos mercados constitúen unhas importantes medidas de apoio á política comercial das empresas do sector na busca dunha diversificación dos seus correspondentes mercados.

No marco de Pesca son auxiliables medidas tales como a promoción e valorización dos productos pesqueiros, o desenvolvemento de etiquetas de calidade e o estudio e investigación de novos mercados e simplificación do acceso dos productos pesqueiros ós mercados exteriores.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e financiamento.

A presente orde ten por obxecto establece-lo procedemento de xestión para a concesión pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de axudas a investimentos para a promoción, o fomento da calidade e busca de novas saídas comerciais dos productos galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura que se realizarán durante o ano 1999.

As correspondentes axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 12.03.722A.770.1, 12.03.722A.780.0 e 12.03.752A.771.1 que figuran dotadas nos orzamentos xerais da C.A. de Galicia para 1999, aprobados por Lei 6/1998, do 29 de decembro.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse destas axudas aquelas asociacións empresariais do sector que acrediten te-lo seu domicilio social en Galicia e sexan maiormente representativas de empresas desta Comunidade Autónoma, as confrarías de pescadores recoñecidas ó abeiro da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, e as organizacións de productores recoñecidas ó abeiro do Regulamento CE 105/1976, do Consello, do 19 de xaneiro, modificado por Regulamento CE 1762/1992, da Comisión, do 11 de setembro.

Artigo 3º.-Actividades auxiliables.

Considéranse auxiliables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas actividades que a seguir se relacionan:

a) Promoción e mellora da comercialización.

Accións consistentes na realización de campañas xenéricas de promoción de productos galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

b) Fomento da calidade.

Programas que teñan como obxectivo o fomento da normalización, tipificación, mellora e control da calidade dos productos galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

En relación cos puntos a) e b) anteriores, non serán auxiliables as actividades orientadas en función de marcas comerciais, así como os que se identifiquen ou fagan referencia a unha denominación xeográfica determinada.

c) Busca de novas saídas comerciais.

Estudios de investigación e prospección de mercados e de mellora do proceso de comercialización e transformación dos productos pesqueiros galegos cara á busca de novas presentacións, incluíndo tamén os de conxuntura, perspectivas e evolución do sector que incidan no aspecto comercial.

Artigo 4º.-Gastos elixibles.

Tendrán a consideración de elixibles os seguintes gastos:

-En relación coa promoción e mellora da comercialización e o fomento da calidade, os derivados da contratación de terceiros prestadores de servicios de publicidade, a creación de logotipos ou marcas, a contratación ou aluguer de espacios publicitarios e a edición de material promocional e divulgativo, así como a impresión de etiquetas e outras embalaxes identificativas dos productos pesqueiros e da súa calidade.

-En relación coa busca de novas saídas comerciais, os derivados da contratación de terceiros prestadores de servicios de consultoría e asistencia técnica para a realización de estudios de mercado e a organización de misións de carácter comercial.

Non serán auxiliables en ningún caso aqueles gastos que non permitan unha verificación do seu custo.

Artigo 5º.-Criterios de valoración prioritarios.

Concederáselles preferencia ás seguintes accións:

-As destinadas ó fomento da comercialización de especies infrautilizadas ou excedentarias e a de especies procedentes da flota pesqueira artesanal e do marisqueo a pé, así como as procedentes do sector extractivo en zonas especialmente dependentes da actividade pesqueira.

-As que supoñan o fomento dunha política de calidade no sector pesqueiro, acadando darlles un valor engadido ós productos tradicionalmente comercializados.

-As que repercutan nun crecemento dos niveis de emprego no sector e, en definitiva, permitan obter uns maiores beneficios desde o punto de vista socioeconómico.

Artigo 6º.-Contía das axudas e compatibilidade.

A porcentaxe máxima da axuda concedida, o importe da cal se establecerá en función das dispoñibilidades orzamentarias, non poderá supera-lo 60% do investimento auxiliable considerado e fixado na correspondente resolución individual.

As presentes axudas poderán ser compatibles con calquera outra procedente de administracións públicas ata un límite máximo do 75% do referido investimento.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e prazo.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo modelo que figura como anexo I, e presentaranse no rexistro xeral da

Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou ben a través das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e ata como máximo o día 7 de xuño de 1999.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar (debendo corresponder un deles á documentación orixinal e/ou autenticada), segundo modelo que figura como anexo I que se xunta, acompañándose da seguinte documentación:

a) Copia do tarxeta do CIF ou NIF, segundo corresponda ó solicitante, e da alta no Imposto de Actividades Económicas.

b) Copia do DNI de quen presenta a solicitude.

c) Copia dos estatutos da asociación, confraría, ou organización de productores e do apoderamento de quen, no seu nome, presenta a solicitude, se procede.

d) Declaración expresa de non ter contraídas débedas, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, así como de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

e) Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas ou xa concedidas para o mesmo investimento.

f) Memoria explicativa dos obxectivos do investimento, que incluirá a valoración económica das súas vantaxes e o seu prazo de desenvolvemento.

g) Orzamento polo miúdo do investimento.

h) Certificación de titularidade de conta bancaria.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Examinada a documentación, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, poderá solicita-la ampliación dos datos presentados na documentación ou os informes que considere oportunos, efectuando as comprobacións pertinentes.

O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, á vista da proposta razoada da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, logo da valoración das solicitudes conforme os criterios e prioridades recollidos na presente orde e as limitacións orzamentarias, dictará a resolución que proceda.

A non notificación de resolución no prazo de tres meses contados desde a data límite de presentación de solicitudes determinará a súa denegación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Notificada a resolución favorable, o beneficiario disporá dun prazo máximo de dez días para a aceptación da axuda concedida, entendéndose en caso contrario que este renuncia a ela.

Artigo 10º.-Fin do expediente.

Porán fin ó expediente:

-A resolución, expresa ou presunta.

-O desestimento ou renuncia expresa do solicitante.

-A declaración de caducidade nos termos previstos no Art. 92 da Lei 30/1992.

-O incumprimento do prazo previsto para a realización do investimento ou para a súa xustificación, sen obter prórroga.

Artigo 11º.-Pagamento da axuda.

Realizado o investimento e dentro do prazo indicado na resolución, o beneficiario deberá presentar por triplicado exemplar (debendo corresponder un deles á documentación orixinal e/ou autenticada) da seguinte documentación:

a) Xustificantes de pagamento das distintas partidas que compoñen o investimento realizado.

b) Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas ou xa concedidas para o mesmo investimento, con indicación da súa contía.

c) Acreditación formal de non ter contraídas débedas, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, así como de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

d) Memoria xustificativa do investimento realizado, que incluirá polo miúdo a valoración do beneficiario dos resultados alcanzados, xuntando:

En caso de campañas promocionais e de accións de fomento da calidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (spots, folletos, etc.) ou dos logotipos creados e das etiquetas e outro material editado.

En caso de estudios de mercado: exemplar do correspondente estudio.

En caso de misións comerciais cara á prospección de mercados: memoria descritiva e detallada da viaxe realizada.

A Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados poderá solicitarlle ó beneficiario as aclaracións e xustificacións que considere oportunas con respecto ós datos da documentación presentada, así como realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 12º.-Obriga de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda farase consta-la participación financeira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e da Iniciativa Comunitaria Pesca.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación específica do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura