Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 20 de abril de 1999 Páx. 4.581

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 95/1999, do 8 de abril, polo que se modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 309/1995, do 23 de novembro, ten por finalidade regula-lo réxime xeral dos incentivos para o desenvolvemento e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia sen prexuízo doutras liñas de axuda que, en uso das súas competencias, teñan ou poidan establece-las diversas consellerías da Xunta de Galicia.

Por iso, o mencionado decreto establece o marco ó que deben adaptarse as axudas públicas á actividade empresarial en Galicia, regulando as condicións e características destas axudas, que, entre outras, poidan consistir na subsidiación ó tipo de xuro de operacións financeiras. Cando esta modalidade de axudas está destinada ó financiamento de investimentos e de reestructuración de empresas, establécese un límite mínimo para o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación, que na actualidade non pode ser inferior a dous puntos porcentuais.

A evolución dos mercados financeiros durante os dous últimos anos, que amosa unha tendencia á baixa dos tipos de xuro, repercute nas axudas financeiras, de maneira que as concesións de subvención ó tipo de xuro poden perder parte da súa efectividade ó estaren limitadas polo tipo de xuro mínimo indicado no parágrafo anterior. Isto cobra especial relevancia á hora de incentiva-los proxectos de investimento productivo, tanto de creación como de ampliación ou modernización de empresa, ó seren estes os de maior interese para a Comunidade Autónoma debido á súa incidencia na creación de emprego e ó seu potencial xerador de riqueza.

Polo tanto, considerando necesario efectuar unha modificación do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, reducindo o límite do tipo de xuro mínimo que debe paga-lo beneficiario para os proxectos de investimento productivo, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación normativa.

Modifícase o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario unha vez descontada a subsidiación establecido no último parágrafo da letra b) do número 2 do artigo 7 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, quedando fixado no 1%.

Disposición transitoria

As operacións financeiras referidas a axudas concedidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seguirán rexéndose polas condicións ó tipo de xuro vixentes no momento de concesión da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das competencias das consellerías, organismos e entes públicos para realiza-las convocatorias específicas de axudas de conformidade co artigo 13 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda