Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de marzo de 1999 pola que se autoriza o Igape para establece-lo tipo de xuro aplicable para 1999 ós préstamos en vigor con subsidiación ó tipo de xuro formalizados ó abeiro da normativa de apoio financeiro ó sector productivo agrario, así como a anticipa-lo pagamento de subvención correspondente ó período non vencido.

Durante o período 1985 a 1991, a Xunta de Galicia, en cumprimento da súa política de apoio ó sector productivo agrario, veu regulando mediante distintas normas sucesivas o establecemento de subvencións a través da subsidiación ó tipo de xuro de operacións de préstamo concertadas con entidades financeiras. En aplicación de tal normativa, viñéronse concertando anualmente convenios de colaboración coa Xunta de Galicia e diversas entidades financeiras para posibilita-lo réxime de subvencións legalmente previsto, convenios ó abeiro dos que se instrumentaron un importante número de préstamos, a maioría dos cales se achan actualmente en vigor.

Na actualidade e ante a evolución do mercado financeiro obsérvase que os tipos aplicables ós préstamos en vigor acollidos ás axudas financeiras ó sector productivo agrario están indiciados a referencias que non son as habituais no mercado e fanos non operativos, polo que parece necesario adecualos á situación actual do mercado.

Así mesmo, o réxime de pagamento das subsidiacións ó tipo de xuro establecido en cada unha das normas reguladoras destas axudas ó sector productivo agrario, permite o pagamento da subvención correspondente ó período non vencido de forma anticipada, destinándose o dito importe á amortización anticipada do principal do préstamo. Por tanto, e co obxecto de simplifica-la xestión da liquidación da subvención tanto para a Administración como para as entidades financeiras colaboradoras, así como adiantar ós beneficiarios a subvención concedida, faise necesario establece-los criterios de cálculo da liquidación así como as bases que permitan instrumenta-los procedementos para proceder ó pagamento anticipado da subsidiación dos préstamos acollidos ás mencionada axudas.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tipo de xuro para o ano 1999.

Autorízase o Igape para establece-lo tipo de xuro nominal aplicable para 1999 a tódolos préstamos en vigor formalizados ó abeiro da normativa reguladora do apoio financeiro ó sector productivo agrario que se relaciona no anexo e dos correspondentes

convenios de colaboración coas entidades financeiras instrumentados ó seu abeiro, con independencia do procedemento establecido na referida normativa para a súa determinación. A determinación do tipo de xuro nominal aplicable para 1999 será establecida polo Igape de mutuo acordo coas entidades financeiras prestamistas, asinantes dos correspondentes convenios de instrumentación das axudas.

Malia o anterior, e a partir da data en que se realice o pagamento anticipado da subsidiación de acordo co establecido no artigo seguinte, o tipo de xuro nominal e demais condicións financeiras aplicables ós préstamos referidos serán os libremente establecidos entre o prestameiro e entidade financeira prestamista.

Artigo 2º.-Procedemento para o pagamento anticipado da subvención correspondente ó período non vencido.

1. Autorízase o Igape para dispoñe-lo pagamento das axudas correspondentes ós préstamos en vigor formalizados ó abeiro da normativa reguladora de apoio financeiro ó sector productivo agrario relacionada no anexo, e dos correspondentes convenios de colaboración coas entidades financeiras instrumentados ó seu abeiro, en forma de subvención anticipada para amortización do principal do préstamo subsidiado, de acordo cos criterios establecidos no presente artigo.

2. Para o cálculo da subvención anticipada procederase da seguinte maneira:

a) Calcularanse en pesetas correntes os valores absolutos das subsidiacións correspondentes ó período non vencido en función do capital vivo.

b) Actualizaranse, a data de cálculo, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro, establecido no 4,25% para o ano 1999 (de acordo coa disposición adicional quinta da Lei 49/1998, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1999).

c) O importe que resulte da liquidación anticipada destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo.

O valor actualizado da subvención para o pagamento calcularase da seguinte forma:

RT/(1+d/4), onde

n= trimestres de vixencia.

T= subsidiación do trimestre.

d= tipo de xuro legal do diñeiro (4,25%).

3. O aboamento da subvención en forma anticipada efectuarase ós beneficiarios das axudas a través das entidades financeiras prestamistas, de acordo co procedemento que para o efecto se estableza consensuadamente entre estas e o Igape. En todo caso, notificarase ó beneficiario o aboamento da subvención en forma anticipada, especificando as bases de cálculo da liquidación e a obriga de aplica-lo seu importe á amortización anticipada do principal do préstamo.

Artigo 3º.-Verificación e control.

O Igape poderá en calquera momento, ben directamente ou indirectamente a través das entidades que para o efecto designe, efectua-las comprobacións que considere oportunas para determina-la efectiva aplicación das subsidiacións anticipadas á finalidade prevista. Os beneficiarios e as entidades financeiras deberán facilitar ó máximo o dito labor inspector e achega-la documentación e información que lles sexa solicitada para o efecto.

Artigo 4º.-Revogación da subvención.

Procederá a revocación da subvención así como o reintegro das cantidades percibidas cos xuros de demora xerados desde a percepción cando os fondos da subsidiación anticipada non sexan aplicados á amortización anticipada do principal do préstamo así como nos supostos establecidos no Art. 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Relación normativa reguladora do apoio financeiro ó sector productivo agrario

-Decreto 100/1985, do 23 de maio, polo que se establece o apoio financeiro ó sector agrario, a través de convenios con entidades financeiras para a concesión de préstamos con xuro subvencionado.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 19 de novembro de 1986, pola que se desenvolve o Decreto 100/1985, do 23 de maio, de apoio financeiro ó sector agrario a través de convenios con entidades financeiras para a concesión de préstamos con xuro subvencionado.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 3 de xullo de 1987, pola que se establece apoio financeiro ó sector agrario.

-Decreto 100/1988, do 5 de maio, de apoio financeiro ó sector productivo agrario.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 13 de maio de 1988, pola que se establece o apoio financeiro ó sector productivo agrario.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 26 de xaneiro de 1989, pola que se establece o apoio financeiro ó sistema productivo agrario, modificada por ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 9 de octubro e 13 de decembro de 1989.

-Decreto 365/1990, do 28 de xuño, sobre apoio financeiro á pequena e mediana empresa e concellos galegos.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 23 de xullo de 1990, pola que se establece apoio financeiro ó sector productivo agrario.

-Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 18 de abril de 1991, pola que se establece o apoio financeiro ó sector productivo agrario.