Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico para auxiliares de policía local, segundo o previsto na disposición adicional II da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivos dota-los auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.
Destinatarios.
O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolve-la función de auxiliar de policía local, durante a temporada de verán, nos concellos de Galicia.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta e esta deberase comunicar antes do 25 de maio
de 1999 para efectua-la correspondente reserva de praza.
Prazas.
Sen límite.
Solicitudes.
1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade no que soliciten a participación no curso, no que figure a lista de persoas que van ser contratadas como auxiliares de policía local, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 25 de maio de 1999.
3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
Contido e duración.
O curso celebrarase en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outras, as seguintes materias:
-Intervención policial.
-Tráfico e seguridade vial.
-Policía administrativa.
-Primeiros auxilios.
-Dereito penal.
-Dereito procesual-penal.
O curso terá unha duración de 10 días, cun total de 70 horas lectivas.
Lugar.
O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
Datas.
O curso desenvolverase do 31 de maio ó 11 de xuño, en horario das 10 ás 14 horas e das 17 ás 20 horas.
Certificado.
Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable supera-la fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar tódalas materias que figuran no programa.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 18 de marzo de 1999.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade