Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 25 de marzo de 1999 Páx. 3.405

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de marzo de 1999 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 1999 e se dan normas sobre a información que debe ser proporcionada na compra, venda ou transporte de gando.

Os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose, brucelose, leucose e peripneumonía contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún para os que se estableceu o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros, de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955 e demais lexislación concordante, poderán recibir unha indemnización de acordo co baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Así mesmo, é necesario incluí-los datos básicos que deben ser proporcionados nas operacións de compra, venda ou transporte de gando, para que os responsables da explotación de orixe ou titulares dunha autorización administrativa poidan cubri-los libros rexistro que cómpre levar obrigatoriamente, recollidos no R.D. 1980/1998, do 18 de setembro (BOE nº 239, do 6 de outubro) e lexislación concordante.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e peripneumonía contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que convivindo cos animais enfermos sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, durante as campañas de saneamento de 1999, serán as que correspondan en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ó programa 613-A, concepto 770.0 -Programas Sanitarios Especiais- dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotado con douscentos cincuenta e cinco millóns duascentas cincuenta mil pesetas.

Artigo 4º

En tódalas operacións de compra, venda e/ou traslado de gando, o operador comercial autorizado, transportista ou gandeiro proporcionarán ó responsable da explotación de orixe ou tránsito os datos básicos para o cubrimento do libro rexistro correspondente.

O libro rexistro estará baixo a custodia do responsable da explotación, e será da súa responsabilidade o seu cubrimento, custodia, uso e bo trato.

Estes datos básicos constituídos polo nome e apelidos e número de autorización ou código de explotación agraria, segundo proceda, encóntranse na autorización administrativa de compra, venda, transporte ou acreditación sanitaria das explotacións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria