Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 22 de marzo de 1999 Páx. 3.181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 60/1999, do 11 de marzo, de asunción das funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante Real decreto 1825/1998, do 28 de agosto, en materia de execución da lexislación sobre propiedade intelectual e a súa asignación á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Polo Real decreto 1825/1998, do 28 de agosto, traspásanse as funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de execución da lexislación sobre propiedade intelectual.

Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa tales funcións e servicios nos termos e condicións especificadas no acordo da Comisión Mixta de Transferencias e asignalas ós órganos correspondentes da Administración autonómica galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan asumidas as funcións e os medios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1825/1998, do 28 de agosto, en materia de execución da lexislación sobre propiedade intelectual, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias publicado como anexo ó dito real decreto.

Artigo 2º

1. Asígnanselle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo as funcións e servicios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior.

2. Os órganos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo exercerán as atribucións que lles correspondan conforme as normas que regulan a súa estructura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións transpasadas.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública