Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 18 de marzo de 1999 Páx. 3.139

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 1999 pola que se convoca un concurso público para a provisión de diversas prazas de corpos docentes universitarios (1635/1999 e seis máis).

De acordo co establecido no artigo 38.2º da Lei 11/1983, do 25 de agosto, e o artigo 2.4º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, resolvo convocar a concurso as prazas que se relacionan no anexo I da presente resolución, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Os ditos concursos rexeranse polo disposto na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro); no Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), corrixido parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño; e na Orde do 28 de decembro de 1984 (BOE do 16 de xaneiro de 1985) e, no non previsto, pola lexislación xeral de funcionarios civís do Estado, e tramitaranse independentemente para cada unha das prazas convocadas.

Segunda.-Para ser admitido ós ditos concursos cómpren os seguintes requisitos xerais:

a) Ser español. Así mesmo poderán accede-los nacionais dos países a que se refire o Real decreto 800/1995, que desenvolve a Lei 17/1993.

b) Estar en posesión da titulación suficiente ou estar en condicións de obtela na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte nas probas selectivas.

c) No ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

d) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non ter cumpridos os 70.

e) Cumpri-los requisitos para exerce-las funcións que dentro do corpo lle poidan ser encomendadas, conforme o previsto regulamentariamente.

Terceira.-Deberán reunir ademais as condicións específicas que se sinalan no artigo 4.1º ou 2º, do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, segundo a categoría das prazas e a clase de concurso.

Cando, estando en posesión do título de doutor, se concorra a prazas de catedrático de universidade, de acordo co previsto no artigo 4.1º c) do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, e non se pertenza a ningún dos corpos que nel se sinalan, os interesados deberán acreditar que son eximidos de tales requisitos.

Non poderá concursar a prazas de profesor titular de universidade quen estivera contratado durante máis de dous anos como axudante nesta universi

dade, salvo as excepcións previstas no artigo 37.4º da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

Cuarta.-Os aspirantes, por dereitos de exame e dentro do prazo de presentación de solicitudes, deberán aboar na conta corrente número 2091-300-44-3110000482 de Caixa Galicia, oficina principal de Santiago de Compostela (impreso modelo 48/2 «outros ingresos»), a cantidade de 4.000 ptas. en concepto de formación de expediente e por dereitos de exame. Non acredita-lo pagamento destes dereitos dentro do prazo de presentación de solicitudes será causa de exclusión.

Quinta.-Quen desexe tomar parte no concurso remitirá a correspondente instancia, debidamente cuberta, segundo o modelo que figura no anexo II ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días de labor a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, achegando o xustificante do pagamento de dereitos de exame e os documentos que acrediten que reúne os requisitos para participar no concurso. A concorrencia dos ditos requisitos deberá estar referida sempre a unha data anterior á da fin do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.

Sexta.-Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da universidade, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, remitirá a tódolos aspirantes unha relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión. Contra a dita resolución os interesados poderán presentar unha reclamación ante o rector no prazo de quince días de labor contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.

Sétima.-O presidente da comisión, dentro do prazo habilitado regulamentariamente para a súa constitución, dictará unha resolución que deberá ser notificada a tódolos interesados cunha antelación mínima de quince días naturais respecto da data do acto para o que é citado, convocando a:

a) Tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, os suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución dela.

b) Tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realizaren o acto de presentación dos concursantes fixando o seu día, hora e lugar de celebración.

Oitava.-No acto de presentación, os e as concursantes entregarán ó presidente da comisión a documentación sinalada nos artigos 9 e 10 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro corrixido polo Real decreto 1427/1986 do 13 de xuño, se é o caso, segundo se trate de concurso ou concurso de méritos.

Novena.-Os candidatos e candidatas que se propoñan para a provisión das prazas deberán presentar na secretaría xeral da universidade, nos quince días de labor seguintes ó de concluí-la actuación da comisión, por calquera dos medios sinalados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Declaración xurada de que non foi separado da Administración do Estado, institucional ou local, nin das administracións das comunidades autónomas, en virtude do expediente disciplinario e non acharse inhabilitado para o exercicio da función pública.

Os que tiveren a condición de funcionarios públicos de carreira estarán exentos de xustificar tales documentos e requisitos, pero deberán presentar unha certificación do ministerio ou organismo do que dependan, que acredite a súa condición de funcionarios e cantas circunstancias consten na folla de servicios.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1635/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: electromagnetismo.

Departamento ó que está adscrita: Física Aplicada.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: electrodinámica clásica. Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1636/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: física teórica.

Departamento á que está adscrita: Física de Partículas.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: física de partículas. Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1637/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: historia contemporánea.

Departamento ó que está adscrita: Historia Contemporánea y de América.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: historia contemporánea universal. Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1638/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: teoría da literatura.

Departamento á que está adscrita: Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: literatura comparada. Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1639/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: química inorgánica.

Departamento ó que está adscrita: Química Inorgánica.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: fundamentos químicos da enxeñería. Lugo.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1640/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: xeografía física.

Departamento á que está adscrita: Xeografía.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: climatoloxía e as súas aplicacións. Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza nº: 1641/99.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de escola universitaria.

Área de coñecemento á que corresponde: linguaxes e sistemas informáticos.

Departamento á que está adscrita: Electrónica e Computación.

Actividades que debe realizar quen obteña a praza: informática e informática ampliación. Lugo.

Clase de convocatoria: concurso de méritos.