Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 11 de marzo de 1999 Páx. 2.820

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de febreiro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o próximo proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (grupo B).

Estando en curso a finalización do proceso previsto na disposición transitoria décima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no que se refire ós corpos de Administración xeral, de conformidade co establecido no Decreto 44/1999, do 18 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, esta consellería no uso das competencias que lle atribúe a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia segundo a redacción que lle deu a Lei 3/1995, do 10 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 20 de abril),

DISPÓN:

Aproba-las bases que rexerán o próximo proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, grupo B.

Bases

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura de 5 prazas do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, polos sistemas de promoción interna e de acceso libre, polo procedemento de oposición.

O proceso selectivo constará dunha fase de probas selectivas e outra fase consistente na superación dun curso selectivo.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ó sistema de promoción interna ascenderá a 1 praza, que corresponde ó 25% do total de vacantes.

O número total de vacantes reservadas ó sistema de acceso libre ascenderá a 4 prazas.

As prazas sen cubrir das reservadas ó sistema de promoción interna acumularanse ó sistema de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e co Decreto, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas

de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, por non acadarse as porcentaxes mínimas esixidas, non se reservará ningunha praza para ser cuberta por persoa con minusvalidez co grao de discapacidade igual ou superior ó 33 %.

I.1.3. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas.

I.1.4. Ó dito proceso selectivo seralle aplicable a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril; a Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, demais normas concordantes, así como o disposto no seu momento na convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para ser admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.2. Para promoción interna:

I.2.2.1. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

I.2.2.2. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.2.3. Os aspirantes deberán ser funcionarios da Administración da Xunta de Galicia e pertence-lo día da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia a algún dos corpos ou escalas integrados no grupo C (corpo administrativo e corpo de axudantes facultativos de Administración da Xunta de Galicia) de acordo co disposto no Decreto 91/1991, do 20 de marzo, de integración dos funcionarios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos no corpo ou escala de orixe e posuí-la titulación requirida para o acceso ó corpo.

I.2.3. Para acceso libre:

I.2.3.1. Ser español.

I.2.3.2. Ter cumpridos os dezaoito anos.

I.2.3.3. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

I.2.3.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.3.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expe

diente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.4. Tódolos requisitos enumerados na base I.2.2 e I.2.3 deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia, que será facilitada nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia ás que se fai referencia na base I.3.2. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

Para os efectos de información o teléfono de contacto é 902 12 00 12 en horario das 9 ás 19 horas de luns a venres e das 9 ás 14 horas os sábados.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto no artigo 27 dous C) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, que modifica o punto 0.3 do artigo 18 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, en relación co artigo 30.1º da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, como requisito necesario para participar no proceso selectivo, deberase aboar no seu momento en concepto de dereitos de exame o importe de 8.770 pesetas e, de se-lo caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación que se sinale na convocatoria. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

A non presentación do xustificante do ingreso das taxas, no que figure o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da resolución definitiva da Dirección Xeral da Función Pública á que fai referencia o punto terceiro da base I.4.2.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, oficinas de correos, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte ó da publicación da pertinente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e dirixiranse ó director xeral

da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán tramitarse, no prazo expresado no parágrafo anterior, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas, que as remitirán seguidamente ó organismo competente.

I.3.3. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indicalo na solicitude. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria. Todo iso conforme ó contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no decreto, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 1999.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral da Función Pública dictará resolución de conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se atopan expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, de se-lo caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto a estimación, ou desestimación de ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique o listado definitivo.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoque. Cando da documentación que debe presentarse no caso de supera-lo proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivarse da súa participación no procedemento.

II. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas será o que oportunamente se publique.

II.1. Exercicios

II.1.1.Exercicios comúns para ambos sistemas de acceso:

a) Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 150 preguntas tipo test con 4 respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo entre tres cuestionarios elaborados previamente por el e correspondentes ó contido do programa. O tempo máximo de duración será de dúas horas, 30 minutos.

Cada opositor poderá obter copia do exercicio realizado ó remate del.

No prazo das vintecatro horas seguintes ó da celebración farase pública, no lugar de realización do exercicio, o modelo do test, indicando as respostas correctas.

Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 10 de puntos. Para iso terase en conta que por cada tres respostas incorrectas descontarase unha correcta.

Corresponderalle ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixido para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

b) Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: os aspirantes, en tempo máximo de trinta minutos, deberán realizar unha exposición oral de tres temas pertencentes a cada unha das partes do programa, extraídos ó azar polo opositor.

Cada aspirante disporá de 10 minutos previos, sen que poida consultar ningún tipo de textos ou apuntes, para a redacción de notas ou esquemas que poderá usar na exposición.

Concluída esta, o tribunal poderá dialogar co aspirante por tempo máximo de dez minutos exclusivamente sobre aspectos concretos relacionados cos temas expostos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos; sendo necesario para superalo obter un mínimo de 10 puntos correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse diariamente unha vez rematada a exposición dos exercicios correspondentes.

c) Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na traducción dun texto do castelán ó galego, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego ó castelán, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos; sendo necesario para superalo obter un mínimo de 5 puntos, correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

II.1.2. Exercicio específico para o sistema de acceso libre:

Cuarto exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá na resolución dun suposto práctico a elección do aspirante de entre dous, que serán os resultantes do sorteo levado a efecto entre seis elixidos polo tribunal e relacionados coas materias correspondentes ó contido do programa. Disporán dun tempo máximo de tres horas para efectualo.

Para a realización do cuarto exercicio poderán servirse os opositores de textos legais sen comentarios; excluíndose os libros de consulta.

Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario, para superalo, obter un mínimo de 5 puntos, correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

II.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

II.3. Os exercicios celebraranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este, excepto a exposición do segundo exercicio, que se realizará en sesión pública.

II.4. Desenvolvemento dos exercicios:

II.4.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra resultante do sorteo ó que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicable ós procesos de selección para o ingreso na administración autonómica de Galicia que se deriven da oferta de emprego público correspondente ó ano 1999.

II.4.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

II.4.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza, podéndose considera-los casos de forza maior, debidamente xusti

ficados e libremente apreciados polo tribunal, para efectos dun posterior chamamento.

II.4.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios efectuarase polo tribunal nos locais onde se celebrase o primeiro, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde se celebrase, e nalgún outro medio se se xulga conveniente con doce horas, polo menos, de antelación.

II.4.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivera coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos pola convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso ordinario conforme o previsto no artigo 114 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Fase de curso selectivo.

Tódolos aspirantes que superen as probas da oposición deberán superar, como requisito indispensable para obte-lo seu nomeamento de funcionarios de carreira, un curso selectivo, que organizará e impartirá a Escola Galega de Administración Pública. O dito curso tratará sobre as materias do programa que se publique no seu momento.

O curso terá unha duración de catro meses, con horario de mañá e tarde. Na xornada de mañá impartiranse clases prácticas e na de tarde práctico-teóricas.

Durante o período de realización deste curso, os aspirantes que participen nel serán nomeados funcionarios en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

III.1. No que se refire ás características concretas de desenvolvemento do curso selectivo, estas indicaranse oportunamente mediante norma específica ó respecto.

III.2. Os aspirantes que non superasen o curso selectivo poderán incorporarse ó inmediatamente posterior, coa puntuación asignada ó último dos participantes nel, obtida nas probas da oposición. De non superalo perderán tódolos seus dereitos para seren nomeados funcionarios de carreira.

IV. Tribunais.

IV.1. Os tribunais cualificadores do proceso serán designados por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

IV.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-lo proceso, a proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.

A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos tribunais, de se-lo caso.

IV.3. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándoo ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

IV.4. A autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomeen ós novos membros do tribunal, que substituirán ós que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base IV.3.

IV.5. Logo da convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida con que asistan á mesma a maioría dos membros de cada tribunal.

A celebración da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de trinta días a partir da publicación dos tribunais e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión, os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

Especialmente cando as circunstancias así o aconsellen os tribunais poderán acordar que a celebración de calquera dos exercicios da fase de oposición se realice simultaneamente en varias localidades. En tal caso os aspirantes serán convocados para a realización do mencionado exercicio na localidade correspondente, atendendo ó domicilio que figure nas súas instancias.

IV.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

IV.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV.8. A cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes que estarán comprendidos entre as letras do abecedario correspondentes ós apelidos dos opositores que se lles asignase.

IV.9. A un dos tribunais corresponderalle xulga-los aspirantes correspondentes ó sistema de promoción interna.

IV.10. Corresponderalle ó tribunal nomeado co número un:

-Enviar de orde do seu presidente citación ó resto dos tribunais para constituírse nun acto conxunto.

-Mediante anuncio público no DOG e demais anuncios correspondentes, fixarase o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio.

-Recibi-los expedientes dos demais tribunais relativos ó transcurso das probas e respectivas propostas, e eleva-la proposta definitiva de aprobados.

IV.11. Co obxecto de acada-la necesaria coordinación entre os tribunais cualificadores, todos actuarán conxuntamente baixo a dirección do número 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación que poidan ser presentados e solicitados polos restantes tribunais sobre as normas da convocatoria.

Os tribunais cualificadores actuarán coordinadamente procurando a maior uniformidade nos criterios valorativos dos exercicios, sen prexuízo de que funcionarán con autonomía no que se refire á selección dos aspirantes, formulando as súas propias propostas.

IV.12. Por cada sesión do tribunal levantarase acta, que, lida ó principio da sesión seguinte e feitas, de se-lo caso, as rectificacións que procedan, autorizarase coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

IV.13. Cada tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinente, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

IV.14. Os tribunais cualificadores adoptarán as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que os restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3.3., as adaptacións posibles en tempos e medios para a súa realización.

Se na súa realización o tribunal tivese dúbidas respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo ó que opta, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

IV.15. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

Os tribunais excluirán aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

IV.16. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

IV.17. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes que o de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

IV.18. As comunicacións que formulen os aspirantes ós tribunais dirixiranse á Consellería da Presidencia e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

V. Lista de aprobados nas probas selectivas.

V.1. Rematadas as probas selectivas da oposición e no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes estas resolveranse pola puntuación obtida no primeiro exercicio e se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que se resolva este. De persisti-lo empate resolverase pola orde alfabética á que se refire a base II.4.1.

Cada tribunal resolverá os empates que se produzan relativos ós aspirantes que lles correspondan. No caso de que unha vez elevadas as distintas propostas ó tribunal número 1, se produzan novos empates, estes serán polo dito tribunal, de acordo cos criterios expresados no parágrafo anterior.

V.2. Rematadas as probas selectivas da oposición, os tribunais farán públicas no Diario Oficial de Galicia, no lugar ou lugares de celebración do último exercicio e naqueloutros que estimen oportunos, as relacións independentes de aspirantes que superaron a fase de oposición, tanto polo sistema de acceso libre como polo de promoción interna, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade.

O presidente do tribunal número 1 enviará proposta conxunta de ámbalas dúas listas de aprobados ó director xeral da Función Pública, especificando, igualmente, o número de aprobados en cada un dos exercicios.

VI. Presentación de documentación e nomeamento de funcionarios en prácticas.

VI.1. No prazo de 20 días naturais, contados desde o día seguinte a aquel en que se fagan públicas no Diario Oficial de Galicia as listas de aprobados nas probas selectivas da oposición, os opositores que superasen os exercicios e antes de iniciarse o curso selectivo, deberán presentar na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada polo órgano competente (servicios de persoal, de se-lo caso, rexistros xerais ou fedatarios públicos) do título esixido na base I.2, ou certificación académica que acredite ter realizado tódolos estudios para a obtención do título, ou de se-lo caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

c) Deberá presentarse certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base I.2.3.4.

VI.2. Os que tiveran a condición de funcionarios de carreira están exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do Rexistro Central de Persoal ou da consellería ou organismo do que dependeran para acreditar tal condición, con expresión do número e importe de trienios, así como a data do seu cumprimento.

VI.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame desta se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados funcionarios en prácticas e quedarán anulada-las súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

VI.4. Finalizados os exercicios da oposición e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que a superasen serán nomeados funcionarios en prácticas mediante resolución do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que se publicará no DOG de acordo coa puntuación obtida nos exercicios da oposición.

VII. Nomeamento de funcionarios de carreira e adxudicación das vacantes.

VII.1. Rematado o curso selectivo, o tribunal fará públicas as notas obtidas nel, e a orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase, de acordo coa suma da puntuación obtida nas probas selectivas da oposición e na do curso selectivo non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

No caso de igualdade de puntuación acumulada entre dous ou máis funcionarios en prácticas, a prelación entre eles establecerase tendo en conta que a cualificación obtida nas probas selectivas da oposición prevalecerá sobre a cualificación obtida no curso selectivo.

VII.2. A petición de destinos por parte dos funcionarios en prácticas que superen o curso selectivo deberase realizar unha vez rematado o proceso selectivo, logo da oferta daqueles.

VII.3. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna, en virtude do disposto no artigo 22.2º do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna terán, en todo caso, preferencia sobre os aspirantes provenientes do sistema de acceso libre para cubri-las vacantes correspondentes.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o proceso selectivo poderán tomar posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos esixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios pertencentes ó corpo ó que accedan, de acordo co disposto no artigo 60 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificada pola Lei 3/1995, da función pública de Galicia.

VII.4. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base VII.1. unha vez aplicado o disposto na base VII.3.

VII.5. Rematado o proceso selectivo, os que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante resolución do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na que se indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida.

A toma de posesión dos aspirantes aprobados efectuarase no prazo dun mes, contado a partir da data de publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións previstas na Lei 4/1988 do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas Leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, e demais normas concordantes.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública