Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.638

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de febreiro de 1999 pola que se convocan encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística, e para o profesorado en xeral, dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, encoméndalles ás autoridades educativas que tomen as medidas oportunas para promove-lo uso progresivo do galego no ensino. Ese uso debe contribuír a que os alumnos do ensino non universitario vaian acabando os distintos ciclos cun dominio similar de galego e de castelán.

Entre as medidas que a Administración educativa está levando a cabo figuran a formación do profesorado en lingua galega e a constitución dos equipos de normalización lingüística nos centros educativos. Estes equipos, actualmente regulados polo disposto nos decretos 324/1996, do 26 de xullo, e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 9 de agosto e do 21 de outubro, respectivamente), teñen como función principal a de potencia-lo uso da lingua galega nos centros de ensino non universitario, e son os encargados de elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos establecidos polo centro en relación coa normalización do idioma e a cultura de Galicia.

Cómpre entón dinamiza-las actuacións deses equipos, promovendo a formación dos seus membros e o intercambio e a difusión das experiencias dos distintos centros.

Por outra banda, e dado que o labor de promoción lingüística é tarefa xeral de todo o profesorado, é preciso mellora-la formación, especialmente lingüística, non só dos membros deses equipos senón tamén de todo o profesorado en xeral.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral deses mesmos centros.

2. O gasto ocasionado pola realización destes encontros e actividades financiaranse con cargo á partida 07.06.353F.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, aprobados pola Lei 6/1998, do 29 de decembro, por unha contía máxima de 18.000.000 (dezaoito millóns) de pesetas.

Artigo 2º

1. A finalidade destes encontros e actividades é a formación lingüística do profesorado, co fin de consegui-la progresiva utilización da lingua galega no ensino e, en consecuencia, mellora-lo dominio que os alumnos teñen do idioma galego.

2. O contido destes encontros e actividades centrarase fundamentalmente nas competencias que nos decretos 324/1996 e 374/1996 se lles encomenda ós equipos de normalización lingüística, e máis no establecido no Decreto 247/1995.

3. Tódalas actividades que se realicen nestes encontros e actividades faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Artigo 3º

1. As localidades de celebración, as datas de comezo e mailos horarios dos encontros determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. Canto ás actividades, tanto o contido concreto de cada unha delas como todo o referente á súa organización, anunciaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no segundo trimestre de 1999.

Artigo 4º

1. A duración de cada encontro ou actividade poderá variar segundo a programación que se dispoña.

2. A asistencia a tódalas sesións destes encontros e actividades será obrigatoria.

3. Ás persoas que participen nos encontros e actividades outorgaráselles un certificado de asistencia.

Artigo 5º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando os formularios que figuran como modelos nos anexos desta orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será:

-Para os encontros, os trinta días seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para as actividades de formación, os vinte días seguintes ó do anuncio de cada actividade.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. O número de asistentes a cada encontro ou actividade será de 15 persoas como mínimo.

Artigo 6º

Os módulos económicos que se fixen para cada encontro e actividade poderán comprender:

-Retribución ós relatores ou conferenciantes, no caso de que os haxa, polas súas conferencias ou relatorios.

-Retribución ó coordinador ou coordinadora e mais ó persoal subalterno, cando sexan necesarios.

-Dotación específica para material.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria