Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 05 de marzo de 1999 Páx. 2.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999 pola que se convocan varios cursos de formación para o persoal da Xunta de Galicia.

En execución do Plan de Formación da EGAP para 1999, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse os cursos referidos no anexo I á presente resolución, que se desenvolverán de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nos cursos programados deberá solicitalo coa presentación da instancia e certificación, que, como modelos oficiais, se recollen nos anexos II e III desta resolución, respectivamente.

2. Naqueles cursos que conten con varias edicións presentarase unha soa instancia e para unha única localidade.

3. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso no presente ano.

4. O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. As solicitudes, dirixidas ó director da EGAP, presentaranse no rexistro xeral da EGAP, sita na rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda. Acceso ás actividades.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada curso no devandito anexo I.

Terceira. Selección.

1. Os criterios selectivos que se van utilizar serán os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública, do 27 de xuño de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto). No curso de formación de formadores terá preferencia na selección o persoal que teña impartido un maior número de cursos ou actividades formativas na EGAP.

2. Nos cursos que conten con varias edicións terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que desempeñe o seu posto de traballo nelas.

3. As relacións de seleccionados para participar nos cursos previstos publicaranse nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública e do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán, e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Cuarta. Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselle-lo correspondente certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos, sen prexuízo de que, se é o caso, a Escola Galega de Administración Pública poida fixa-la realización daquelas probas ou controis que considere oportunos para os efectos de avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos, ou ben poida requiri-la realización dun traballo final de prácticas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións previstas dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, se ben a falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, os participantes nos cursos deberán facilitar copia das certificacións recibidas ós servicios de persoal do centro directivo ó que estean adscritos.

Quinta. Modificacións.

1. A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailos contidos dos cursos anunciados co fin de adaptalos ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito de suspende-la realización do curso de que se trate, utilizando para o efecto os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Curso de formación de formadores.

1. Obxectivos.

Introducir, actualizar e mellora-las habilidades didácticas das persoas que se dedican á impartición de accións formativas.

2. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A e B e persoal laboral dos grupos I e II da Xunta de Galicia, que teñan impartido cursos ou actividades formativas na EGAP.

3. Desenvolvemento:

3.1. Duración: 20 horas.

3.2. Lugar: EGAP.

3.3. Datas: 5, 6, 7, 8, 12, 13 e 14 de abril de 1999.

3.4. Horarios: de 17 a 20 horas.

3.5. Prazas: 25.

4. Contido:

A aprendizaxe adulta. O grupo como destinatario da acción formativa. Métodos e sistemas de aprendizaxe.

Cursos xerais de xestión orzamentaria (7 edicións).

1. Obxectivos.

Propocionar coñecementos específicos en materia de xestión orzamentaria.

2. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A, B e C e persoal laboral dos grupos I, II e III con destino na administración da Xunta de Galicia, interesados na materia obxecto do curso.

3. Desenvolvemento:

3.1. Duración: 24 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (2 edicións), A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

3.3. Datas: 19, 20, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de abril de 1999.

3.4. Horarios: de 17 a 20 horas.

3.5. Prazas: 30.

4. Contido:

Introducción ós orzamentos da Comunidade Autónoma galega. A execución dos diferentes capítulos orzamentarios. Modificacións orzamentarias. Liquidación e peche do orzamento.

Cursos xerais de contratación administrativa (7 edicións).

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos específicos sobre a nova normativa de contratación pública.

2. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A, B e C e persoal laboral dos grupos I, II e III con destino na administración da Xunta de Galicia, interesados na materia obxecto do curso. Nas dúas edicións a celebrar en Santiago de Compostela, reservaranse 6 prazas (3 por edición) para o persoal da Universidade, do Parlamento, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.

3. Desenvolvemento:

3.1. Duración: 24 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (2 edicións), A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

3.3. Datas: 19, 20, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de abril de 1999.

3.4. Horarios: de 17 a 20 horas.

3.5. Prazas: 30.

4. Contido.

Principios xerais. Actuacións previas. O contrato de obras. O contrato de xestión de servicios públicos. Contrato de subministracións. Outros tipos de contratos.

ANEXO III

D... secretario xeral/delegado provincial/responsable dos servicios de persoal na consellería/delegación provincial de...

CERTIFICO:

Que don/a..., no desempeño do seu posto de traballo de... realiza tarefas directamente relacionadas co contido do curso...

...,... de... de 1999.

Asdo.:...