Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 26 de febreiro de 1999 Páx. 2.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 42/1999, do 11 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Quiroga (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada local de Campos de Vila a Pacios da Serra.

O Concello de Quiroga (Lugo), en sesión celebrada o día 23 de setembro de 1997, aprobou o proxecto de estrada local de Campos de Vila a Pacios da Serra e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de xuño de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de xullo de 1998.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, emitiu informe favorable con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de febreiro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata dunha obra que é absolutamente prioritaria para o concello no referente á comunicación da capitalidade cos núcleos rurais e, o seu interese xeral para a colectividade transcende do interese circunscrito ós propios núcleos afectados. Por outra banda, trátase dun servicio que o concello está obrigado a prestar segundo a lexislación vixente de réxime local, e ademais da posibilidade das axudas doutras administracións para a realización da citada obra, é determinante mellora-la seguridade vial, dadas as pésimas condicións actuais e o volume de tráfico que soporta determinado polas industrias da lousa da zona. E por último hai que ter en conta

a potenciación do turismo rural da zona (hoxe en día en auxe), que leva consigo un gran aumento de visitantes á zona, a obtención de importantes recursos económicos e aumento da circulación pola devandita estrada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Quiroga (Lugo) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada local de Campos de Vila a Pacios da Serra.

Santiago de Compostela, once de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais