Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 25 de febreiro de 1999 Páx. 2.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 febreiro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación e de bolsas predoutorais correspondentes ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o programa de estudios socioeconómicos e xurídicos.

A xestión e o financiamento deste programa está encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia e co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e neste caso concreto para a execución do Programa de Estudios Socioeconómicos e Xurídicos

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse as axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do programa de estudios socioeconómicos e xurídicos e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos. (Anexo I).

2. Bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos. (Anexo II).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I da presente orde destinarase ata un máximo de 72.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos

1999 a 2001 de acordo coas seguintes anualidades: 57 millóns de pesetas en 1999, 10 millóns de pesetas no ano 2000 e 5 millóns de pesetas no ano 2001.

Para as bolsas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 2.750.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Nembargantes, tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictara resolución expresa entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro l999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento

ANEXO I

Axudas para a realización de proxectos

de investigación aplicada en temas

socioeconómicos e xurídicos

Estas axudas teñen como finalidade incentiva-la realización, por parte de equipos consolidados, de proxectos de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos. As investigacións aplicadas de tipo socioeconómico non poden desvencellarse do seu contorno de aplicación e constitúen unha referencia necesaria para calquera iniciativa que se queira levar adiante en relación co desenvolvemento de Galicia.

1. Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 3 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2001. A contía das axudas durante o citado período, agás circunstancias excepcionais que o aconsellen, non superará os 16.000.000 de ptas.

2. Requisitos e solicitudes.

2.1. Requisitos xerais.

-As axudas poderán ser solicitadas polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia ou por outros investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, sempre que se atopen en situación administrativa de servicio activo e prestando servicios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia ou nun centro público de investigación radicado na Comunidade Autónoma, e poidan acreditar unha vinculación laboral estable co correspondente organismo durante o período de execución do proxecto.

-Os investigadores que desexen participar nesta convocatoria deberán dispor de horas libres para investigación descontadas as que adican a outros proxectos vixentes (non se computarán aqueles proxectos que rematen antes do 1 de setembro de 1999), financiados pola Xunta de Galicia ou por outros organismos públicos ou privados (exceptúanse os proxectos financiados con fondos europeos), tendo en conta o seguinte:

a) O número máximo de horas que poden adicarse a investigación cando esta actividade se realiza de forma exclusiva é de 40 semanais.

b) Os investigadores que sexan profesores de universidade poderán asignarse ata un máximo de 32 horas semanais para actividade investigadora. Aqueles profesores de universidade que se atopan en situación de dedicación a tempo parcial por estar realizando outro tipo de actividade profesional non poderán figurar con máis de 16 horas semanais.

c) Cada investigador poderá participar só nun proxecto dos que se presenten a esta convocatoria.

d) Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto.

e) Poderanse presentar proxectos coordinados entre diferentes grupos; neste caso actuará como coordinador do proxecto un dos investigadores principais dos subproxectos.

f) O equipo deberá estar formado polo menos por dous doutores e os restantes investigadores deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de postgrado. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5 (no caso de proxectos coordinados este EXC enténdese referido ó proxecto global e en todo caso cada un dos subproxectos deberá ter un EXC mínimo de 1,25). Poderanse incorporar tamén como colaboradores os licenciados, enxeñeiros ou arquitectos por unha facultade ou escola técnica superior que como mínimo estean matriculados, no presente curso, nos estudios de terceiro ciclo ou que acrediten vinculación co correspondente organismo, pero estes non computarán para os efectos de acada-lo requisito mínimo de EXC antes citado.

Xuntarase, ó modelo de solicitude, fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

g) Para os investigadores que sexan doutores requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais. Os restantes investigadores deberán adicar un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto.

Excepcionalmente, admitiranse tamén aquelas solicitudes nas que o investigador principal, por causas xustificadas, que deberá expor nunha breve memoria explicativa, teña unha adicación inferior a 16 horas pero superior a 12 horas.

h) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

2.2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial número 17 (do que a carauta externa se publica como anexo III á presente orde e á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, presentaranse por triplicado, no rexistro da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da lei 30/1992. Este modelo número 17 consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador. Na páxina 4 indicarase se algún membro do equipo foi investigador principal dalgún proxecto financiado no ano 1995 ou en convocatorias anteriores. En caso afirmativo relacionaranse as publicacións derivadas do dito proxecto; no caso de ter máis dun indicaranse só os datos relativos ó último.

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: modelo oficial de currículum vitae.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co Vº e Prace do representante legal do organismo correspondente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de marzo de 1999.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal relativos a persoal auxiliar de investigación (técnicos de FP-2 en prácticas), que poderá incorporarse ó proxecto, sempre que se xustifique a súa necesidade para a realización del. Por

este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo executor.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

3. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer arquivarase a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

Cando a temática do proxecto o aconselle, e logo de audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo trasvase de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento.

4. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de expertos designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos e prioridades do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

d) O interese dos obxectivos do proxecto cara á resolución a resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

5. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que o organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso do mesmo, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese.

6. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferilos á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do correspondente rexistro xeral un exemplar das correspondentes publicacións.

7. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO II

Bolsas de predoutoramento

O obxecto desta convocatoria é a concesión de dúas bolsas dun ano de duración, prorrogables por un máximo doutros dezaoito meses, logo de solicitude, de acordo coa normativa que se elabore para o efecto, para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos en centros de investigación radicados na Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito impleméntase un instrumento de formación no ámbito do Programa de Estudios Socioeconómicos e Xurídicos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto se o houber.

c) Ter rematados os estudios correspondentes ós dous cursos académicos do programa de doutoramento, ó que está adscrito o solicitante, con posterioridade a xaneiro de 1997 ou estar matriculado no segundo ano dos estudios de terceiro ciclo no presente curso académico 1998/1999.

d) Ter admitido, por un departamento dunha universidade do sistema universitario de Galicia, o proxecto de tese que deberá referirse a temas socioenómicos e xurídicos, segundo o artigo 7 do Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de postgrao, antes do 1 de outubro de 1999.

e) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras homologadas a elas en anteriores convocatorias.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual de 110.000 ptas. brutas mensuais. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2000, no caso de existir crédito adecuado e suficiente, co fin de consegui-la total homologación destas bolsas coas de formación de persoal investigador que convoque o Ministerio de Educación e Cultura para o ano 2000.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

3. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 1999 e setembro do ano 2000.

4. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 5C (que se publica como anexo IV á presente orde e á dis

posición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos: http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

4.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico deberán xuntar ademais da certificación correspondente o curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese e o título dela.

4.2. Proxecto do traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor avalado polo director/es del (orixinal ou copia compulsada). No proxecto farase mención específica dos obxectivos, dos contidos básicos do traballo e das estratexias específicas de análise e indagación que se van utilizar. O tema do proxecto proposto referirase a estudios socioenómicos e xurídicos.

4.3. Certificación, segundo o modelo incluído no impreso de solicitude, expedida polo secretario do correspondente departamento universitario, no que conste a admisión do proxecto por parte do consello de departamento. No caso de que o interesado aínda non dispoña deste documento presentará o compromiso de entregalo tan pronto como se produza a súa aprobación. En todo caso o dito documento deberá presentarse antes do 1 de outubro de 1999.

4.4. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada na que conste a superación do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo así como as cualificacións correspondentes.

4.5. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 1.e).

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 14 de abril de 1999.

5. Tramitación.

Revisadas as solicitudes presentadas exporase nos taboleiros da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no Centro de Información Admistrativa da Consellería de Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol e Ourense, nos da vicexerencia do campus de Lugo, nos da Delegación en Galicia do CSIC, nos do Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm). Esta lista estará exposta desde o 25 de maio ó 4 de xuño de 1999, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase ó arquivo do

expediente sen máis trámite.

6. Selección de candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión de expertos designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

6.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase fundamentalmente en función dos méritos acreditados nos puntos 4.1 e 4.4; en relación con este último a comisión establecerá previamente o número de créditos do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo que serán valorados.

7. Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa a petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 6 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas realice a lectura da súa tese de doutoramento ou se produza algunha circunstancia que determine a incompatibilidade no desfrute da bolsa, deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicaralla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese. Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior a súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

9. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Antes de inicia-los pagamentos os bolseiros deberán acreditar ter obtido un mínimo de 32 créditos nos estudios de terceiro ciclo.

10. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva a súa función.

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes á finalización da bolsa, remitirán un informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán adicar ata un máximo de 80 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, logo de conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó seu cadro de persoal.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificar á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.