Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Sábado, 20 de febreiro de 1999 Páx. 1.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de febreiro de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Galicia-Telecomunicaciones.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia-Telecomunicaciones, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Manuel Sánchez Padrós na sua calidade de secretario da fundación, en escrito do 15 de xaneiro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 17 de novembro de 1998, ante o notario Miguel Jurjo Otero, co número dous mil novecentos oitenta e cinco do seu protocolo por Juan Manuel Sánchez Pradós e Arturo Dopico Pérez; interveñen o primeiro, no seu propio nome e dereito e, ademais, en nome e representación da entidade mercantil denominada Grupo Gallego de Empresas para el Cable-Grupo Cable, S.A. e o segundo, en nome e representación da entidade mercantil denominada Grupo Gallego de Empresas para el Cable-Grupo Cable de La Coruña, S.A.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover aplicacións industriais para a innovación e desenvolvemento tecnolóxico, a formación e competitividade empresarial en e a través das disciplinas de telecomunicación e audiovisual.

4. O padroado da fundación estará constituído por Unión Fenosa Inversiones, S.A., como presidente, Juan Manuel Sánchez Padrós como secretario e Ángel Varela Varas como vicesecretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Galicia-Telecomunicaciones, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de febreiro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Galicia-Telecomunicaciones e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública