Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 1999 Páx. 1.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de febreiro de 1999 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para os días 22 e 23 de febreiro de 1999 no concello das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, e o persoal preciso para prestalos.

As unións comarcais de Ferrol das centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT), e Comisións Obreiras (CC.OO.), en escrito do 8 de febreiro de 1999, comunican a convocatoria de folga xeral de 24 horas, desde as 6 horas do día 22-2-1999, ata as 6 horas do día 23-2-1999 e que afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos no ámbito do concello das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

Ante o carácter de folga xeral, semella o máis axeitado regula-los servicios mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade a tódolos centros, dependencias e servicios en xeral sobre os que pode ter incidencia esta convocatoria.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

Así pois, establécense servicios mínimos respecto a sectores e actividades dos que a regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia e que poden afecta-lo desenvolvemento ordinario da actividade cidadá.

Na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda xúlgase necesario fixar servicios mínimos que cubran a área de transporte e, nese sentido, o Decreto 61/1985, do 18 de abril, dispón que deberán manterse os servicios de transporte de estudiantes e escolares nas expedicións normalmente establecidas e dos obreiros que sexan estrictamente precisas para transporta-los traballadores imprescindibles para servicios de seguridade, gardería e mantemento.

Polo que se refire á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o dereito á educación é un dereito de carácter social e, por tanto, reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e que fai uso dos comedores escolares ou o bó número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

En canto á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, establécense eservicios mínimos para garanti-los servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, e que neste caso se concretan nos de rexistro e recepción de documentos na Axencia de Extensión Agraria das Pontes de García Rodríguez.

No referente á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e co fin de garanti-lo dereito constitucional de protección da saúde e dos intereses dos cidadáns que lle corresponde tutelar á consellería, fíxanse os servicios mínimos imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das institucións sanitarias e centros de servicios sociais, en evitación de que se lles produzan graves prexuízos ós usuarios.

Os mínimos que se establecen responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poidan quedar desasistidos na prestación deste tipo de servicios.

Na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procédese a fixa-los servicios esenciais establecidos no Real decreto 755/1987, do 19 de xuño.

Polo que se refire á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, debe velar polos dereitos e bens constitucionalmente protexidos, como é o dereito ó acceso ó traballo, dereito e deber constitucionalmente protexido polo artigo 35.1º da Constitución Española, e a súa interrupción impediría a realización da política marcada ós poderes públicos de garanti-la formación e readaptación profesional que sinala o artigo 40.2º da mesma norma.

Considerando que, entre outras, as funcións asumidas pola devandita consellería son esencialmente a xestión en materia de intermediación do mercado de traballo e de xestión e control das políticas de emprego, así como de formación e inserción profesional, e tendo en conta as funcións de rexistro que realizan as oficinas de emprego, dada a obriga dos desempregados de inscribírense, así como a recepción obrigatoria dos contratos de traballo, comportan a necesidade de funcionamento destes servicios.

En consecuencia, e de acordo co establecido no punto 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Educación e Ordenación Universitaria, Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Sanidade e Servicios Sociais, Xustiza, Interior e Relacións Laborais, Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con carácter xeral, o mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos ser

vicios esenciais durante a folga xeral convocada no concello das Pontes de García Rodríguez entre as 6 horas do día 22 de febreiro de 1999, e as 6 horas do día 23 seguinte, é o seguinte:

1.1. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Servicios escolares de estudiantes.

Deben manterse tódolos servicios escolares de estudiantes 100 por cento nas expedicións normalmente establecidas.

Servicio de transporte de traballadores.

En canto ó transporte de traballadores, deberán manterse as expedicións anteriores ás 9 horas e as posteriores ás 18 horas.

1.2. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas-fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

1.3. Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Axencia de Extensión Agraria das Pontes de García Rodríguez:

-Un funcionario.

1.4. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Unidade de Atención Primaria das Pontes:

Servicio de Atención Primaria:

-2 médicos.

-1 pediatra.

-2 ATS.

-1 PSX.

Servicio Normal de Urxencias:

-1 médico.

-1 ATS.

-1 celador.

1.5. Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

No Xulgado de Paz: o funcionario que desempeña as funcións de secretario xudicial e o axente xudicial.

1.6. Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Oficina de emprego das Pontes:

-O director da oficina.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios relacionados nos artigos anteriores será destinado, no suposto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -Servicio Galego de Saúde- polo director xerente da área sanitaria da Coruña-Ferrol, polos delegados provinciais das consellerías respectivas e polos directores de persoal, nos restantes supostos; os nomes dos designados publicaranse nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia de Administración

Pública