Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 1999 Páx. 1.840

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para cubrir 1 praza de responsable de infraestructura de rede e telefonía do grupo I, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir 1 praza de responsable de infraestructura de rede e telefonía do grupo I, vacante no seu cadro de personal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 1 praza de responsable de infraestructura de rede e telefonía grupo I do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de octubro de 1996), polo sistema de promoción interna e de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e serán en primeiro lugar os de promoción interna. A vacante non cuberta pola quenda de promoción interna acumularase á de acceso libre.

1.3.O/a seleccionado/a polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre o da quenda libre para a elección de vacante.

1.4. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de acceso.

1.5. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición. As probas e valoracións axustaranse ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ámbalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de enxeñeiro de telecomunicacións.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pertencer a distinta categoría cá das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitalo ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben, libre ou de promoción interna, segundo corresponda.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI.

3.3. Os documentos xustificativos dos méritos que se van valorar na fase de concurso, serán achegados no prazo improrrogable de 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación das cualificacións do derradeiro exercicio da fase específica, polos aspirantes que o superaran, da seguinte forma:

3.3.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, expedida pola unidade de persoal da universidade pública de Galicia onde prestaron os ditos servicios referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.3.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.3.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde se prestasen os servicios.

3.3.4. A certificación acreditativa dos extremos indicados nas bases 3.3.1., 3.3.2. (certificaranse os cursos que consten no expediente) e 3.3.3. expedirase de oficio para os aspirantes que presten ou prestasen servicios na Universidade de Santiago de Compostela, e unirase á solicitude do aspirante.

3.3.5. En calquera momento a universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.4. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos parágrafos anteriores, farase nos rexistros xerais da universidade situados no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro, s/n), no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo (Avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, Augas Térreas, Polígono de Fingoi, 27002 Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.5. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia. Oposicións. Número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio; para o que terán que facer consta-los datos bancarios que para tal efecto figuran na solicitude. De no figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalidez deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para repara-los defectos que motivaran a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos esgotará a vía administrativa.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, de 4 de marzo (BOE do 19), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do 26 de marzo) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervenir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares o suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos

asesores farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación igual que ós membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. Neses casos, o tribunal excluirá a aqueles opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes có das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados, e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais

onde se fixera o primeiro deles así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se coide conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha antelación de polo menos vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/la aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición será determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate, dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación na fase de coñecementos específicos. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Fotocopia compulsada do título esixido.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades.

Os nacionais doutros estados membros da Unión Europea deberán acreditar igualmente non estar

sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non a ter presentado con anterioridade.

8.3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.4. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou de seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º.a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 1999.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: responsable de infraestructura de rede e telefonía. Grupo I.

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

1. O concurso-oposición constará das fases que a continuación se indican:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio: (para sistemas de promoción interna e acceso libre).

Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito a unha serie de preguntas, propostas polo tribunal e extraídas do temario específico.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de tres horas

A puntuación será de 0 a 30 puntos, sendo necesario para aprobar acadar un mínimo de 15 puntos.

Segundo exercicio: consistirá en resolver un ou varios supostos prácticos propostos polo tribunal relacionados coas materias do programa específico.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de tres horas.

A puntuación será de 0 a 30 puntos, sendo necesario para aprobar acadar un mínimo de 15 puntos.

1.2. Segunda fase:

Quenda de promoción interna.

Proba de coñecemento da lingua galega. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas:

-Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

-Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Quenda de acceso libre: terá carácter selectivo e non eliminatorio, constará de dúas partes:

Primeira parte: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes á segunda parte do programa.

O tempo máximo para a realización desta parte non será inferior a trinta minutos.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Segunda parte: constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización desta parte será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna: máximo 30 puntos.

Valoraranse os seguintes conceptos:

a) Antigüidade: máximo 8 puntos a razón de 0,055 puntos por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 13 puntos. Valorarase a razón de 0,18 puntos mes na mesma categoría en universidades públicas.

c) Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que estean directamente relacionados co contido da praza. Máximo 5 puntos, que puntuarán do seguinte xeito:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso

Curso de iniciación á lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento de lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

d) Entrevista. Valorarase ata un máximo de 4 puntos.

Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

Valoraranse os seguintes conceptos:

a) Experiencia: máximo 8 puntos.

-Na mesma categoría en universidades públicas 0,11 puntos por mes traballado

-Na mesma categoría en administracións públicas 0,055 puntos por mes traballado.

-Noutras categorías en universidades públicas 0,055 puntos por mes traballado.

b) Cursos: valorarase igual que promoción interna ata un máximo de 4 puntos.

c) Entrevista: valorarase ata un máximo de 3 puntos.

ANEXO II

Denominación da praza: responsable de infraestructura de rede e telefonía. Grupo I.

Programa.

I Fase: coñecementos específicos.

Tema 1. Servicios de telecomunicación:

a) Definicións, clasificación, atributos e parámetros.

b) Modelo de referencia de interconexión de sistemas abertos (OSI).

Tema 2. Sistemas de telecomunicación:

a) Clasificación.

b) Estructura básica: terminais, sistemas de transmisión e de conmutación; procesamento do sinal.

c) Técnicas analóxicas e dixitais.

Tema 3. Sistemas de conmutación:

a) A función da conmutación nunha rede de comunicacións.

b) Clasificación dos sistemas de conmutación.

c) Sistemas avanzados de conmutación.

d) Estratexias e introducción de sistemas avanzados.

e) Perspectivas e tendencias dos sistemas de conmutación.

Tema 4. Redes telefónicas I:

a) Topoloxía da rede.

b) Conectividade, tipos de redes, xerarquías.

c) Plans fundamentais: encamiñamento, numeración, conmutación, tarificación, transmisión e sinalización.

Tema 5. Redes telefónicas II:

a) Planificación de redes: características e medidas do tráfico.

b) Aplicación da informática á planificación e xestión de redes.

c) Redes intelixentes: servicios e normativa.

Tema 6. Centrais telefónicas I:

a) Estructura básica e os seus compoñentes (software e hardware).

b) Protocolos de interconexión e estándares internacionais.

Tema 7. Centrais telefónicas II:

a) Sistemas de xestión e mantemento de centrais teléfonicas.

b) Integración con redes de datos (CTI).

Tema 8. Redes públicas de transmisión de datos:

a) Características xerais.

b) Sistemas de conmutación.

c) Protocolos, codificación e protección contra erros.

d) Utilización da rede telefónica básica para transmisión de datos: características, sistemas de modulación.

e) Medidas de calidade do servicio.

Tema 9. Elementos fundamentais de cableado:

a) Transmisión eléctrica: cables de pares e coaxial, natureza da transmisión e parámetros característicos.

b) Caracterización dos sistemas de transmisión eléctrica máis habituais en comunicacións.

c) Transmisión óptica: tipos de fibras, tipos de transmisores e receptores ópticos, opcións en cuanto á transmisión óptica, parámetros de medida en comunicacións ópticas.

Tema 10. Sistemas de cableado estructurado:

a) Concepto e configuración dos actuais sistemas de cableado estructurado.

b) Normativa aplicable e estandarización dos sistemas de cableado estructurado.

c) Caracterización de tódolos elementos pasivos utilizados nun moderno sistema de cableado estructurado.

Tema 11. Canalizacións de exteriores e interiores:

a) Normas básicas de construcción.

b) Topoloxías de deseño.

c) Tendido de cables: normas e elementos.

Tema 12. LAN, MAN, WAN:

a) Descrición, características e interfaces dos principais sistemas.

b) Dispositivos dunha rede e o seu funcionamento: routers, bridges, gateways, repetidores.

c) Protocolos de comunicación LAN.

d) Tipos de redes: Ethernet, Token Ring, FDDI.

e) Modernas tecnoloxías de commutación LAN.

Tema 13. Novas tecnoloxías de transmisión conmutada:

a) ATM: caracterización, parámetros de funcionamento, estandarización, modos de implementación real, aplicacións.

b) Integración ATM-LAN: LAN Emulation, MPOA.

c) Frame Relay: caracterización, parámetros de funcionamento, estandarización, modos de implementación real, aplicacións.

Tema 14. Sistemas de xestión de redes de datos:

a) Protocolos e plataformas.

b) Principais plataformas SW de xestión SNMP.

c) Administración do sistema de xestión.

d) Integración con outro tipo de redes (telefonía, telecontrol, seguridade, etc.).

e) Seguridade informática e de comunicacións.

Tema 15. Servicios e redes de telecomunicación novos:

a) Modelo de referencia de interconexión de sistemas abertos.

b) Rede Dixital de Servicios Integrados (RDSI): dixitalización da rede telefónica, integración de servicios, alternativa de evolución das redes actuais.

c) Redes de banda longa: comunicacións ópticas e servicios interactivos.

Tema 16. Tecnoloxías para integración de redes:

a) SDH: caracterización, parámetros de funcionamento, estandarización, modos de implementación real, aplicacións.

b) PDH: caracterización, parámetros de funcionamento, estandarización, modos de implementación real, aplicacións.

Tema 17. Sistemas de información e comunicacións:

a) Tecnoloxías básicas.

b) Planificación.

c) Normalización dos sistemas e as tecnoloxías.

d) Organización e xestión.

Tema 18. Internet e os seus servicios básicos:

a) Protocolos.

b) Organización, normativización e estandarización.

c) Servicios DNS.

d) Servicios de correo.

e) Servicios de transferencia de ficheiros (FTP) e terminal remoto (Telnet).

f) Novos servicios: WWW e Java.

Tema 19. Administración avanzada de servicios Internet:

a) Administración de servidor de correo.

b) Administración de servidor de FTP.

c) Administración de servidor WWW.

Tema 20. Sistemas operativos:

a) Manipulación de procesos.

b) Entrada/saída.

c) Manipulación de memoria.

d) Sistema de ficheiros.

Tema 21. Sistema operativo Unix:

a) Sistema de ficheiros.

b) O Shell, utilización e programación.

c) Entrada/saída.

d) Chamadas ó sistema.

e) Desenvolvemento de programas.

f) Manipulación de textos.

g) Programas de aplicacións de rede. NFS.

h) Administración de sistemas e xestión de correo electrónico.

Tema 22. Seguridade en redes de telecomunicacións:

a) Regras.

b) Algoritmos.

c) Estándares.

Tema 23. Organizacións internacionais no ámbito das telecomunicacións:

a) ITU-TS, CEPT e outras.

b) Funcións, estructura, método de funionamento.

c) Textos regulamentarios: convenios, acordos e plans (ámbito autonómico, nacional e europeo).

II. Fase: coñecementos non específicos.

1. A Constitución de 1978: estructura e contido.

2. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. O silencio administrativo.

4. Os recursos administrativos: recurso ordinario. Recurso de revisión.

5. Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

6. A Lei de reforma universitaria. As universidades: natureza xurídica.

7. A Universidade de Santiago de Compostela, Estatutos. Réxime económico e financeiro.

8. A Universidade de Santiago de Compostela. Estatutos. Órganos de goberno unipersoais e colexiados.

9. A Universidade de Santiago de Compostela. Estatutos. Clases e réxime xurídico do PAS.

10. III Convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

Denominación da praza: responsable infraestructura de rede e telefonía. Grupo I.

Tribunal cualificador.

Titulares.

Presidente: Francisco Maseda Eimil, vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes da universidade:

Andrés Docampo Darriba, persoal laboral, grupo I, da Universidade de Santiago de Compostela.

Juan Enrique Arias Rodríguez, profesor titular do departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

Juan Oreiro Formoso, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Francisco Castro Alvaredo, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Mª del Carmen Martí Fernández, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Suplentes.

Presidente: José Vázquez Portomeñe, vicexerente do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes da universidade:

Ana María Goy López, persoal laboral, grupo I, da Universidade de Santiago de Compostela.

Senén Barro Ameneiro, catedrático do departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

María Isabel Vaquero Quintela, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Vázquez Fernández, Ezequiel, grupo III do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Mª del Carmen Pérez Fernández, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.