Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 09 de febreiro de 1999 Páx. 1.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 27 de xaneiro de 1999 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Mayeusis.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Mayeusis, con domicilio na rúa Areal, 138, Vigo. Pontevedra.

Supostos de feito:

Primeiro.-A fundación en escrito do dous de outubro de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo, o día dezaseis de xullo de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José María Rueda Pérez co número dous mil oitenta e nove do seu protocolo, por Felipe-Ángel Estévez Vila, Jaime Estévez Vila, José-Antonio Gómez Amorín e Alfredo Comesaña Paz, que interveñen no seu propio nome.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Mayeusis, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 27 de outubro de 1998 (DOG do 20 de novembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Mayeusis, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos o obxecto da fundación é, entre outros, a realización de toda clase de actividades musicais,

sociais, culturais e artísticas tendentes a consegui-lo fomento e desenvolvemento en tódolos niveis sociais do amor á música, danza, teatro e arte en xeral e en especial á música, danza e teatro, arte e cultura galegos.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Mayeusis, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Felipe-Ángel Estévez Vila como presidente, Jaime Estévez Vila como vicepresidente primeiro, José-Antonio Gómez Amorín como vicepresidente segundo e Alfredo Comesaña Paz como secretario.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Mayeusis, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación desta.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura,

Comunicación Social e Turismo, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Mayeusis.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección de fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo