Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 1999 Páx. 948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xaneiro de 1999 pola que se amplía a Orde do 13 de abril de 1993, pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica.

A regulación do procedemento para a implantación da xornada lectiva única nos centros de educación infantil, primaria e xeral básica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, vén establecida na Orde do 13 de abril de 1993, DOG do 23 de abril, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Aprobada a implantación dos centros públicos integrados dentro da organización educativa desta comunidade, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia do 7 de xaneiro de 1999, como aqueles centros docentes nos que se impartan dúas ou máis ensinanzas non universiarias, e tendo en conta que estes centros no momento da súa posta en funcionamento escolarizan, fundamentalmente, alumnos dos niveis educativos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria, estímase oportuno e conveniente que, provisoriamente, e en tanto non se remata a implantación do ensino secundario obrigatorio, a regulación do procedemento para autoriza-la xornada lectiva única dos centros públicos integrados sexa a establecida na citada Orde do 13 de abril de 1993.

En consecuencia, esta consellería, en virtude do previsto no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura órganica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo único.

Amplíase o contido da Orde do 13 de abril de 1993, pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica, na seguinte forma:

1. Introdúceselle unha disposición adicional primeira, do teor seguinte: o disposto nesta orde seralles de aplicación ós centros públicos integrados.

2. Engádeselle unha disposición transitoria terceira, co seguinte texto: os centros que actualmente veñan desenvolvendo a súa actividade docente en réxime de xornada única e esgoten as prórrogas previstas nesta orde, poderán solicitar unha prórroga máis.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 1999.

P.D. (Orde 21-6-1996)

Máximo García Serrano

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria