Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 1999 Páx. 941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 382/1998, do 29 de decembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Gondomar (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da Corporación municipal de Gondomar (Pontevedra), en sesión celebrada o 19 de maio de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de oitenta e sete áreas e noventa centiáreas, para a construcción dun centro de ensino secundario.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Gondomar (Pontevedra) acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Gondomar (Pontevedra), a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo denominado Gayandas, Gaiandas ou A do Frade en Gayandas, no sitio dese nome e cunha superficie de oitenta e sete áreas e noventa centiáreas. Linda: ó norte, dos herdeiros de Valverde, de Bernardo Carrera, de Francisco de Lis, dos herdeiros de Faustino Álvarez e parcela segregada, hoxe de Carmen Soliño Lorenzo; ó sur, de Juan Muñoz, campo de fútbol, de Francisco Alonso, do instituto de ensino medio e de José Antonio Obeso Oliveira; ó leste, de Emma Villaverde, camiño público e Instituto de Ensino Medio; e ó oeste, dos herdeiros de Faustino Álvarez, de Domingo Iglesias, parcela segregada, hoxe de Carmen Soliño Lorenzo, de Juan Muñoz e campo de fútbol.

O dito terreo figura inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Vigo, no tomo 1.906 do arquivo, libro 109 do Concello de Gondomar, folio 152, predio nº 11.750, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no rexistro da propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda