Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 20 de xaneiro de 1999 Páx. 659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa El Progreso de Lugo, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa El Progreso de Lugo, S.L. (código 2700272), da provincia de Lugo, asinado o día 29 de outubro de 1998, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 24 de novembro de 1998.

José María Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa El Progreso

de Lugo, S.L. Anos 1998 e 1999

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación persoal.

O presente convenio colectivo sindical terá por ámbito de aplicación a empresa El Progreso de Lugo, S.L., editor do xornal El Progreso, e afecta a todo o persoal fixo, calquera que sexa o lugar de prestación de servicios.

Quedan expresamente excluídos:

a) Os que desempeñan funcións de alto consello, alta dirección ou alto goberno.

b) Os profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios, así como os xestores, asesores e auditores.

c) Os corresponsais e colaboradores que teñan asinado un contrato civil coa empresa que exclúa relación laboral, os colaboradores por peza e os que non manteñan unha relación continuada coa empresa.

d) Axentes comerciais e publicitarios que traballen para El Progreso de Lugo, S.L. e con liberdade de representar a outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade.

e) O persoal pertencente a empresas concesionarias de servicios que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servicios con El Progreso de Lugo, S.L.

f) O persoal que puidese entrar, a partir de agora, ó servicio da empresa para traballar en calquera outra actividade que puidese desenvolverse á marxe da de prensa.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación temporal.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día da súa publicación no BOP de Lugo, con efectos retroactivos do día 1 de xaneiro de 1998.

O prazo da súa vixencia, bienal, rematará o 31 de decembro de 1999. Nesa data entenderase automaticamente denunciado e iniciaranse as negociacións para a súa renovación.

Artigo 3º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa, que responderá do seu uso. Non obstante, os sistemas de racionalización, mecanización ou división do traballo que se adopten non poderán nunca prexudica-la formación profesional á que o persoal ten dereito, e o deber de completar e perfeccionar coa práctica diaria, e tampouco debe esquecerse que a eficacia e rendemento do persoal e, en definitiva, a prosperidade da emprsea dependen non só da satisfacción que nace da retribución xusta, senón de que tódalas relacións de traballo estean asentadas na xustiza e o ben común.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos humanos ó seu cargo, e establecerán entre si os contactos necesarios para tal fin, sendo responsables os atrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou por neglixencia no exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Capítulo II

Programación do traballo

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada laboral será de 36 horas semanais, de luns a sábado, con respecto, en todo caso, do descanso semanal de día e medio ininterrompido.

Non obstante o anterior, para realiza-lo traballo en domingo, todo o persoal que non renuncie a facelo expresamente e por escrito, comprométese a traballa-los domingos, facendo as quendas que estableza a empresa, de xeito que quede garantida a saída do xornal os luns.

O persoal que traballe en domingo e non desexe seguir facéndoo unha vez rematado este convenio, deberá comunicalo con 60 días de antelación ó remate do convenio. Respectaranse os contratos individuais que a empresa concerte ou puidese concertar, con obriga por parte do traballador para prestar traballo en domingo.

Artigo 5º.-Horario.

A empresa fixará os horarios dos distintos servicios, coordinándoos para o máis eficaz rendemento, e sempre con respecto ás especificacións legais, particularmente no que atinxe o traballo nocturno.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial de toda empresa xornalística facerlles chegar ós lectores tódolos seus productos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia de cara á organización dos seus ciclos de producción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do xornal e o comezo de tirada serán fixados pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa, seguindo as necesidades e atendendo os obxectivos expostos.

Artigo 6º.-Festas aboables.

Dada a especial características da prensa, poderase traballar naquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, podendo compensarse o dito traballo economicamente ou ser aumentado no período de vacacións de desfrute persoal, a decisión da empresa, con excepción das festividades do 1 de xaneiro, Venres Santo e 25 de decembro.

Artigo 7º.-Vacacións.

Trinta días naturais ininterrompidos para os traballadores a xornada completa e proporcionais ó período de tempo traballado, en caso de ser inferior ó ano.

As vacacións desfrutaranse entre os meses de maio e outubro, ambos inclusive, sempre que o permitan as necesidades productivas, organizativas e de coordinación entre as diferentes seccións ou servicios da empresa, atendendo no posible as preferencias do persoal.

Nas quendas de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia a que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

O período de desfrute de vacacións poderá fraccionarse de mutuo acordo entre o traballador e a empresa.

En todo caso, é facultade da empresa determinar anualmente o número de traballadores que poderá saír simultaneamente de vacacións dentro de cada sección ou servicio.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 8º.-Conceptos retributivos.

Salario:

a) Salario ordinario e fixo: enténdese por tal a totalidade de remuneracións que con tal carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, e está constituído pola suma do salario base e o plus convenio, con independencia daqueles complementos de percepción conxuntural en razón das condicións exteriores intrínsecas da función que se realice.

b) Salario base: é o que, formando parte do salario ordinario e fixo de cada traballador, será fixado por categorías segundo as táboas anexas ó presente convenio. Sobre el xirarán os complementos salariais seguintes: antigüidade, nocturnidade e libre disposición.

c) Plus convenio: é aquel complemento non afecto a pluses, constituído con obxecto de que o salario ordinario e fixo de cada traballador acade os mínimos pactados en convenio para as diferentes categorías profesionais. É absorbible. Quedará reflectido segundo táboas anexas ó presente convenio.

Complementos persoais:

a) Antigüidade: dous trienios ó 5% e quinquenios sucesivos ó 5%, calculados sobre o salario base e anos de servicio na empresa.

b) Plus de titulación: aboaráselle ó persoal de redacción que, con categoría de redactor ou superior, estea en posesión de titulación de xornalista debidamente homologada pola Administración pública competente na materia, con respecto en todo caso ós dereitos adquiridos na materia. A súa contía para o ano 1998 será de 9.517 ptas./mes.

Complementos de posto de traballo:

a) Plus de libre designación: establécese en contía mínima do 35% sobre o salario base, aplicaráselles ós traballadores que, logo de pacto coa empresa, ademais do cometido profesional específico que

teñen asignado, estean á libre disposición da dirección en todo momento para cubri-las necesidades do servicio de carácter eventual. Determínase expresamente o seu carácter de non consolidable.

O pacto de libre disposición quedará sen efecto logo de denuncia por escrito por calquera de ámbalas partes.

b) Plus de nocturnidade: a retribución do traballo que legalmente teña a consideración de nocturno establécese no 25% sobre o salario base. O seu carácter é non consolidable.

c) Plus de rúa: os redactores que habitual e diariamente realicen a súa xornada nas tarefas profesionais denominadas de rúa, percibirán un plus de 14.276 ptas./mes en concepto de gastos de representación, durante o ano 1998. Este complemento non se percibirá en caso de ILT ou xubilación, ten o carácter de non consolidable e non se computará para efectos de pagas e horas extraordinarias ou festas aboables.

Días festivos aboables:

Incremento do 50% segundo o seguinte módulo:

Salario mensual (Sal. base, Antig., Nocturn.; plus Conv.)x12

=x+50%

360

Horas extraordinarias:

Dadas as características da actividade da empresa, cando sexa necesaria a realización de horas extraordinarias, aboaranse cun incremento do 75% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria, segundo a seguinte fórmula: cálculo hora ordinaria: soldo anual total (soldo base anual+antigüidade anual+pagas extraordinarias+plus convenio anual+, se é o caso, plus nocturnidade anual) dividido entre o número de horas anuais traballadas.

Número de horas anuais traballadas= días laborablesx6.

Pagas extraordinarias:

Aboaranse catro pagas extraordinarias: xullo, decembro, outubro e beneficios.

A contía das dúas primeiras será dunha mensualidade de salario base, plus convenio, antigüidade, plus de nocturnidade e plus de libre disposición.

A paga de outubro ten carácter lineal e a súa contía fíxase en 77.008 ptas. para 1998, para o persoal de xornada completa. O resto dos traballadores percibirá a parte proporcional correspondente á xornada.

A paga de beneficios aboarase no mes de febreiro. O seu importe consistirá no 8% sobre o salario ordinario, antigüidade, nocturnidade, libre disposición e titulación, percibido polo traballador nas doce mensualidades ordinarias do ano anterior e pagas extraordinarias de xullo e decembro.

Artigo 9º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase mediante domiciliación bancaria nunha ou máis contas que para o efectos designará cada traballador, así como a entrega das nóminas no posto de traballo por parte do responsable deste.

Todo o persoal da emprsea que no día da data estea percibindo a súa retribución salarial mediante talón bancario, poderá percibi-las súas retribucións en metálico, na oficina bancaria de aforro que designe a empresa para tal fin.

Capítulo IV

Outros beneficios

Artigo 10º.-Axuda por xubilación.

Sen prexuízo da disposición legal sobre a materia, establécese a xubilación obrigatoria para todo o persoal que, con 65 anos cumpridos, teña cuberta a cotización necesaria para acada-lo 100% da base reguladora para efectos da pensión da Seguridade Social.

A empresa concederalles un complemento por xubilación a aqueles traballadores que, cun mínimo de dez anos de servicios nela, se xubilen durante a vixencia do convenio.

Esta axuda consistirá no aboamento dunha mensualidade de salario base, complemento de antigüidade, plus de convenio e plus nocturno que perciba o traballador no momento da xubilación.

A axuda incremetarase tantas veces como períodos completos de cinco anos de servicios excedan dos dez iniciais.

Esta axuda soamente se devengará nos supostos legais de xubilación, voluntaria ou forzosa, ou incapacidade permanente total por enfermidade común.

Artigo 11º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que, de mutuo acordo coa empresa, pactado por escrito, se xubilen antes da idade regulamentaria (de 65 anos) percibirán unha compensación económica de acordo coa seguinte escala:

-64 anos: 4 mensualidades.

-63 anos: 6 mensualidades.

-62 anos: 8 mensualidades.

-61 anos: 10 mensualidades.

-60 anos: 12 mensualidades.

As mensualidades serán retribuídas co salario base, plus convenio, antigüidade e plus de nocturnidade, se é o caso.

Ós traballadores que, de acordo co previsto no parágrafo 1 deste artigo, se acollan a este plan de xubilación, a empresa aboaralles vitaliciamente mes a mes, cunha cantidade fixa equivalente á que resulte, en cada caso, do seguinte módulo de cálculo: A= B-C.

Sendo:

A) A cantidade que debe aboa-la empresa.

B) A base reguladora de pensión de xubilación calculada para o traballador como se este tivese cumpridos 65 anos, e aplicándolle á dita base reguladora a porcentaxe correspondente ós anos cotizados por este.

C) Pensión inicial de xubilación que lle corresponda ó traballador en función da súa idade de xubilación anticipada.

Os factores B e C serán os que determine en cada caso o Instituto Nacional da Seguridade Social.

O acollemento ós beneficios deste artigo exclúe para o traballador a posibilidade de percibi-la axuda por xubilación.

Artigo 12º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se atope en situación de baixa por ILT será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa, a partir do primeiro día desta, cunha cantidade que, sumada á prestación da Seguridade Social polo dito concepto, acade o 100% do seu salario mensual fixo e continuo.

Artigo 13º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa contratará un seguro para todo o seu persoal cunha garantía principal de 2.500.000 ptas. e efectos desde o día 1 de xaneiro de 1999, coas seguintes condicións:

a) Falecemento: calquera que sexa a causa deste e lugar no que aconteza, a aseguradora pagaralles ós beneficiarios do asegurado falecido o capital garantido sobre a súa vida, sempre que siga pertencendo ó colectivo asegurado e de acordo coa O.M. de Facenda do 24 de xaneiro de 1977, sen máis excepción que a morte por suicidio dentro do primeiro ano de vixencia da inclusión no grupo asegurado.

b) Incapacidade permanente absoluta: establécese un seguro complementario que garante o pagamento do capital asegurado na garantía principal, nos supostos de que o asegurado resulte declarado en situación de IP absoluta.

Para os efectos deste seguro, enténdese por IP absoluta a situación física irreversible, provocada por accidente ou enfermidade, orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante de tal ineptitude deste, para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

c) Dobre capital por morte accidental: por esta garantía, o asegurador pagará un capital adicional e igual ó do seguro principal, no suposto de que o asegurado faleza a causa dun accidente.

Para os efectos deste seguro, enténdese por accidente toda lesión corporal debida á acción directa dun acontecemento exterior, súbito e violento, alleo á vontade do asegurado e que cause o seu falecemento dentro dun ano a partir da data na que sufriu tal lesión.

Quedan excluídos dos beneficios deste artigo tódolos traballadores que cumpran ou teñan cumpridos os 65 anos.

Artigo 14º.-Complementos por nupcialidade e natalidade.

Durante 1998, os traballadores que contraian matrimonio percibirán un complemento de nupcialidade de 22.633 pesetas por unha soa vez.

Así mesmo, establécese un complemento de natalidade consistente na contía de 11.315 ptas./fillo.

Artigo 15º.-Bolsa de vacacións.

Establécese unha axuda por este concepto para palia-las vantaxes que poidan derivarse do desfrute das vacacións nuns determinados meses do ano 1998.

Así, os traballadores que desfruten as súas vacacións nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e novembro percibirán no momento destas unha gratificación de 15.669 pesetas. Se fosen os meses de abril, maio, outubro e decembro, 10.677 pesetas, e se fosen xuño ou setembro, 7.544 pesetas.

O persoal de reparto percibirá, calquera que sexa o mes de desfrute de vacacións, a cantidade de 6.964 pesetas.

Capítulo V

Permisos

Artigo 16º.-Permisos retribuídos.

Ademais das condicións e supostos recollidos no Estatuto dos traballadores, todo o persoal terá dereito a un día anual por asuntos propios que será retribuído.

A ausencia referida deberá ser avisada con antelación razoable e deberá, en todo caso, ser xustificada.

Artigo 17º.-Permisos non retribuídos.

Por razóns de estudio, todo traballador terá dereito a un permiso non retribuído por un período máximo dun mes ó ano, logo de informe do comité de empresa, sempre que se poidan mante-los índices de productividade e por parte do traballador se demostre o aproveitamento académico para desfrute destes.

Igualmente, o persoal terá dereito a un día anual de permiso non retribuído para asuntos propios nos termos e condicións previstos no artigo anterior.

Capítulo VI

Mobilidade funcional, xeográfica e modificación das condicións de traballo

Artigo 18º

En materias de mobilidade funcional, xeográfica ou de modificación de condicións de traballo, observarase o legalmente previsto no Estatuto dos traballadores ou normal legal que o substitúa ou complemente.

Capítulo VII

Dereitos sindicais

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

Sen prexuízo de que nesta materia se observe o legalmente disposto no Estatuto dos traballadores, existirá un taboleiro de anuncios no cal o comité de empresa poderá inserir comunicacións, e para o seu efecto dirixirán copia dela previamente á dirección da empresa ou ó centro de traballo.

Capítulo VIII

Seguridade e hixiene

Artigo 20º.-Saúde no traballo.

A empresa proporcionará os informes que lle solicite o comité de empresa sobre as condicións do medio ambiente laboral.

Nos termos legalmente previstos, todo traballador nocturno terá dereito a ser trasladado a un posto de traballo diurno cando se detecten problemas de saúde como consecuencia directa da realización do traballo nocturno.

Artigo 21º.-Revisión médica.

A empresa comprométese a xestionarlles ós traballadores, a través do Gabinete Provincial de Seguridade e Hixiene ou mutua patronal, se é o caso, as revisións médicas adecuadas ós riscos propios do seu posto de traballo, incluíndo un exame oftalmolóxico adecuado, antes da súa adscrición a un posto de traballo con pantalla de visualización ou, unha vez xa adscrito, no suposto de que se queixasen de problemas visuais derivados dese traballo en pantalla. Os recoñecementos médicos que se practiquen serán específicos, adecuándose ás materias primas, aditivos ou postos de traballo que se manipulen ou utilicen no centro de traballo.

Todo traballador, antes do seu ingreso na empresa, será sometido a un exame médico xeral que determine a súa aptitude psicofísica para o desempeño do posto de traballo que se vai cubrir.

Os empregados que, a consecuencia do seu traballo, necesiten adquirir por prescrición facultativa mecanismos correctores de visión, poderán solicitar a empresa unha axuda económica, ata un máximo de 12.000 pesetas bienais.

Artigo 22º.-Rotulación de productos químicos.

A empresa deberá ter rotulados aqueles productos químicos que se utilicen no proceso productivo, co fin de que os traballadores que os manipulen poidan coñecelos. Iso sempre e cando os ditos productos non viñesen rotulados xa de fábrica.

Capítulo IX

Cuestións varias

Artigo 23º

a) Os traballadores que leven vinte anos de permanencia continuada na empresa percibirán un premio dunha mensualidade do seu salario real, outra igual ós trinta e outra da mesma contía ós corenta anos.

b) Respectarase a tradición en materia de roupa de traballo.

Artigo 24º.-Concorrencia.

Os métodos de producción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa son datos exclusivos desta e non poden ser divulgados ou facilitados a terceiros. En consecuencia, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os traballadores non poderán colaborar noutros medios, axencias ou empresa que teñan actividades concorrentes ou competitivas coas propias de El Progreso de Lugo, S.L., de non mediar autorización escrita desta.

Artigo 25º.-Comisión interpretativa do convenio.

Estará formada por catro membros; dous polos traballadores e dous pola empresa.

Os dous representantes dos traballadores serán designados polo comité de empresa, entre os traballadores desta. En caso necesario poderán estar presentes asesores por ámbalas partes.

Capítulo X

Clasificación profesional

Artigo 26º

Establécense na empresa os seguintes grupos profesionais:

-Redacción.

-Administración.

-Comercial.

-Informática.

-Talleres/oficios varios.

Dentro de cada grupo profesional establécense as seguintes categorías:

-Redacción:

a) Redactor xefe.

b) Xefe de sección.

c) Redactor.

d) Axudante de redacción.

e) Auxiliar.

-Administración:

a) Xefe de sección.

b) Xefe de negociado.

c) Oficial de primeira.

d) Oficial de segunda.

e) Auxiliar.

f) Secretaria.

-Comercial:

a) Xefe de sección.

b) Xefe de negociado.

c) Promotor de vendas.

d) Oficial de primeira.

e) Oficial de segunda.

f) Auxiliar.

-Informática:

a) Supervisor de informática.

b) Auxiliar.

-Talleres/oficios varios:

a) Xefe de sección.

b) Oficial de primeira preferente.

c) Oficial de primeira.

d) Oficial de segunda.

e) Oficial de terceira.

f) Corrector.

g) Atendedor.

h) Peón.

i) Subalterno.

j) Repartidor.

Artigo 27º

Considéranse polivalentes entre si os grupos profesionais de administración e comercial.

Considéranse polivalentes entre si tódalas categorías de auxiliar, independentemente do grupo no que estean integradas.

Establécese a polivalencia entre as categorías de talleres/oficios varios, con aqueloutras dos diversos grupos que lles poidan ser afíns por razón dos cometidos que hai que realizar ou medios de traballos que se empregan.

Artigo 28º

A inclusión no organigrama da empresa das categorías que se deixan descritas non supón obriga para a empresa de telas cubertas necesariamente.

A definición de categorías realízase en anexo ó presente convenio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Delegados: aqueles traballadores das delegacións que, ademais do seu cometido específico, xornalístico, administrativo ou comercial, desempeñen a representación da empreas, terán entrementres a denominación de delegado, e percibirán por isto un plus retributivo variable.

Tanto a condición de delegado como o plus que o retribúe, teñen carácter de non consolidable.

Segunda.-Para o ano 1998, o aumento retributivo será dun 2,50% sobre as táboas de 1997. Ademais, traspasaranse 1.000 ptas. de plus de convenio a salario base en tódalas categorías a xornada completa e, no seu defecto, proporcionalmente.

Para o ano 1999, o aumento retributivo será igual ó IPC interanual constatado para o ano 1998. Ademáis, traspasaranse 1.000 ptas. de plus convenio a salario base en tódalas categorías a xornada completa e, no seu defecto, proporcionalmente.

Esta cláusula será efectiva na nómina do mes seguinte ó da publicación do IPC de 1998, con efectos retroactivos desde o día 1-1-1999.

Terceira.-Cláusula de revisión salarial.

Para o ano 1998: no suposto de que o IPC (índice de prezos ó consumo) establecido polo INE o 31 de decembro de 1998 supere, para o dito ano 1998, a porcentaxe do 2,73%, a empresa aboaralle a cada traballador a diferencia que exceda da dita porcentaxe.

Para o ano 1999: aplicarase a revisión salarial no caso de que o IPC (índice de prezos ó consumo), establecido polo INE o 31 de decembro de 1999, supere o incremento establecido para o ano; neste caso a empresa aboaralle a cada traballador a diferencia que exceda da dita porcentaxe.

ANEXO

-Grupo de redacción: busca, localiza, crea, redacta e elabora a información literaria ou gráfica do xornal.

Redactor xefe: é o profesional que realiza tódalas funcións propias do redactor e, ademais, coordina a edición e a redacción literaria, informativa e gráfica, con responsabilidade ante o director; estará facultado para asignarlle os traballos ó persoal de redacción.

Xefe de sección: trátase do profesional que asume, baixo a dependencia directa da dirección do xornal, o mando e a responsabilidade dun sector de actividade previamente asignado pola dirección, tendo baixo o seu cargo un número de redactores, axudantes e auxiliares que se determinará en cada caso, realizando tódolos labores propios dun redactor e, ademais, supervisando e coordinando o traballo, a producción e a calidade destes.

Redactor: é o profesional que realiza as tarefas inherentes á función de xornalista, efectuando traballos de tipo basicamente intelectual, utilizando aqueles medios propios e axeitados para tales traballos.

Axudante de redacción: é o persoal que, con certa iniciativa no seu cometido, axuda a redacción tanto no exterior como no interior, en tódolos campos da sección.

Axudante/auxiliar: é o persoal que auxilia a redacción tanto no exterior como no interior.

-Grupo de administración: quedan comprendidos no concepto xeral de persoal administrativo de oficinas, cantos, posuíndo coñecementos de mecánica administrativa, técnicos e contables, realicen habitual e principalmente aquelas funcióins xerais recoñecidas polo costume como propias do persoal de oficina e despachos.

Xefe de sección: comprende esta categoría o persoal que asume, baixo dependencia directa da dirección xeral, o mando e responsabilidade dun sector de actividade de tipo burocrático, tendo ás súas ordes e baixo a súa dirección o persoal deste grupo profesional.

Xefe de negociado: inclúese nesta categoría o persoal que asume o mando e responsabilidade dun ou varios servicios en que se subdividen as actividades da sección, podendo ter persoal ás súas ordes.

Oficial de primeira: son aqueles empregados cun servicio determinado ó seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade, con ou sen empregados ás súas ordes, executen, baixo a dependencia dun xefe, funcións administrativas. Terán esta consideración os

que realicen algunhas das seguintes funcións: caixeiro de cobro e pagamento sen sinatura nin fianza; formula, calcula e estende as facturas en complexidade na súa formulación e cálculo; formulación e realización de estatísticas nas que interveñan cálculos de importancia; redacción de asentamentos contables; recapitulación de operacións de diarios múltiples; formulación de asentamentos en libros de contas correntes; redacción de correspondencia con iniciativa propia en asuntos que excedan en importancia ós de simple trámite, verificación sen auxilio nin revisión dun superior das liquidacións e cálculos das nóminas de salarios ou haberes e seguros sociais.

Oficial de segunda. son os empregados que con certa iniciativa efectúan operacións secundarias de estatística e contabilidade ou coadxuvantes destas, manexo de arquivos ou ficheiros, correspondencia sinxela e demais traballos similares.

Auxiliar: considéranse como tales aqueles que realicen funcións auxiliares.

Secretaria: ás ordes directas do persoal de alta dirección, auxilia a este en toda clase de tarefas administrativas e comunicación, con responsabilidade e iniciativa.

-Grupo de comercial: a súa función consiste na captación, xestión e procesamento de publicidade e demais recursos económicos para a empresa, tales como venda de exemplares, etc.

Xefe de negociado: inclúese nesta categoría o persoal que asume o mando e responsabilidade dun dos servicios en que se subdividen as actividades da sección.

Promotor de vendas: é o persoal que ten como función a captación e xestión de publicidade e demais recursos económicos na rúa, principalmente.

Oficial de primeira: é o persoal que, cun servicio determinado ó seu cargo, o desempeña con iniciativa e responsabilidade dentro da sección.

Oficial de segunda: son os empregados que con certa iniciativa efectúan traballos dentro da sección.

Auxiliares: considéranse como tales aqueles que realizan funcións auxiliares.

-Grupo de informática:

Supervisor de informática: a súa función consiste en analizar, programar e mante-los servicios informáticos da empresa.

Auxiliares: considéranse como tales aqueles que realizan funcións auxiliares.

-Grupo de talleres/oficios varios: este colectivo está formado por persoal que, con coñecementos de cada un deles, realiza funcións de fotocomposición, montaxe, fotomecánica, corrección, impresión, peche e mantemento.

Xefe de sección: baixo a dependencia directa da dirección da empresa, asume o mando e responsabilidade dun sector da actividade, podendo ter persoal ó seu cargo.

Corrector: é o encargado das correccións ortográficas e tipográficas dos orixinais.

Atendedor: son os operarios que atenden co orixinal á vista a lectura que realizan os correctores.

Oficial de primeira preferente: é o persoal que ten ó seu cargo un servicio determinado nunha das seccións, e desempéñao con iniciativa e responsabilidade, e ten gañada a súas distinción de preferente conforme a antiga ordenanza laboral do traballo en prensa.

Oficial primeira: é o persoal que ten ó seu cargo un servicio determinado nunha das seccións, e desempéñao con iniciativa e responsabilidade.

Oficial segunda: é o persoal que ten ó seu cargo un servicio determinado nunha das seccións e desempéñao con certa iniciativa.

Oficial terceira: aquel persoal que ten como cometido auxilia-los anteriores.

Peón: son os operarios que executan traballos para os cales non se require preparación ningunha nin coñecemento teórico-práctico de ningunha clase.

Subalterno: é o que realiza funcións que, sen seren propias de obreiros nin de administrativos, son as intermedias entre as inherentes a uns e outros, co fin de facilita-lo labor dos empregados e elementos directivos.

Repartidor: é o que efectúa os encargos de entregar a domicilio as suscricións das publicacións.

Persoal de aprendizaxe: (segundo o Estatuto dos traballadores).

Táboas salariais

Categoría

Salario

base

1998

P. convenio

1998

Total

1998

-Redacción
Redactor xefe114.46764.968179.435
Redactor xefe sección109.78153.324163.105
Redactor104.09532.801136.896
Axudante de redacción91.23328.810120.043
Auxiliar79.78827.706107.494

-Administración
Xefe de sección104.48339.858144.341
Xefe de negociado98.93440.132139.066
Oficial de primeira93.08734.930128.017
Oficial de segunda84.83427.499112.333
Auxiliar79.78827.706107.494
Secretaria91.34530.860122.205

-Comercial
Xefe de sección104.48339.858144.341
Xefe de negociado98.93440.132139.066
Promotor de vendas93.08734.930128.017
Oficial de primeira93.08734.930128.017
Oficial de segunda84.83427.499112.333
Auxiliar79.78827.706107.494

-Informática
Supervisor de informática97.66230.804128.466
Auxiliar79.78827.706107.494

-Talleres/oficios varios
Xefe de sección97.97522.683120.658
Oficial primeira preferente91.07625.952117.028
Oficial de primeira88.21224.523112.735
Oficial de segunda84.72225.448110.170
Oficial de terceira79.67525.656105.331
Corrector95.89921.703117.602
Atendedor84.71925.409110.128
Peón75.72627.398103.124
Subalterno75.72627.397103.123
Repartidor (2 horas)27.6287.81535.443