Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 1999 Páx. 377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de decembro de 1998 pola que se regulan as axudas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, correspondendo á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector de conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que estes dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputable ó capítulo VII, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1999 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia de data 15 de outubro de 1998.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999 na aplicación 14.02.212D.780.0 existe partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para investimento en centros

e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia que presten atención educativa e asistencial, preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Gastos de equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1. Ficha bancaria (anexo II).

2. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

4. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

5. Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

6. Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996 ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

7. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme os anexos III e IV da presente orde.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Documentación específica:

B.1. Para subvencións de reforma e adecuación.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este está en alugueiro ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Características técnicas do centro para o que se propón a súa reforma e memoria explicativa dos fins concretos que se perseguen.

d) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

e) Plan de financiamento da obra.

f) No caso de que a reforma ou adecuación supoña unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa.

B.2. Para subvencións de equipamento.

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, con xustificación da súa necesidade.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción ou reforma do centro, acreditación de que a obra estea totalmente rematada.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Conse

llería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamar por escrito ós interesados a falta e os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario con voz pero sen voto. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios de preferencia:

A. Adecuación ós requisitos que, sobre instalacións e condicións materiais, establece a normativa vixente. Valórase en especial as seguintes actuacións:

1. Reforma e equipamentos nas aulas destinadas a nenos/as menores de 2 anos para habilitar áreas diferenciadas para descanso e hixiene dos pequenos.

2. Creación de espacios axeitados para preparación de alimentos, nos centros que atenden nenos/as menores de 1 ano, con capacidade para equipamentos que determina a normativa vixente.

3. Habilitación dun aseo por sala para nenos/as de 2 a 3 anos que deberá ser visible e accesible desde esta.

4. Creación de comedores escolares.

5. Reforma e equipamento dos patios de xogo para a súa adecuación á normativa en vigor.

6. Emenda das deficiencias que afectan á seguridade dos usuarios: sistemas contra incendios, iluminación e sinalización de emerxencia, deseño de portas e ventás, sistemas de calefacción e elementos calefactores, enchufes, etc.

B. Obras de ampliación de infraestructura, que respectando a normativa vixente, permita o aumento do número de prazas ou de grupos de idade ata cubri-la completa atención ó primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos).

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención territorial, correspóndelle ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo dun mes contado a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións serán notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 9º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. A subvención aboarase conforme o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1999, unha vez efectuado o gasto e presentada ante a delegación provincial da consellería a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Subvención para reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificación ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

b) Subvención para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous apartados anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30-12-1985) polo

que se regula o deber de expedición e entrega de facturas de empresarios e profesionais.

2. Os beneficiarios de axudas superiores a 250.000 ptas. deberán ademais presentar, antes do seu cobramento, os correspondentes xustificantes de atoparse ó día nas súas obrigas tributarias, sociais e de non ter pendentes ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

Artigo 11º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

11897