Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 1999 Páx. 367

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de decembro de 1998, das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se convocan axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos para o curso académico 1999/2000 a través das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, e, no seu artigo 31, a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Por outra parte, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia no seu artigo 5, punto 2.b) establece que, sen prexuízo do disposto na lexislación de réxime local e na Lei galega de servicios sociais, as corporacións locais exercerán as súas competencias en materia de protección á familia, á infancia e á adolescencia, a través da provisión directa de servicios sociais e prestacións destinadas ás familias residentes no respectivo territorio que presenten aspectos carenciais, entre outras actuacións.

Dentro do ámbito de actuación da familia e infancia e co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, as consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a de Educación e Ordenación Universitaria consideran necesario establecer un programa de axudas económicas que compense aquelas familias que non dispoñan de rendas familiares suficientes para afronta-los gastos derivados da escolarización dos seus fillos ó comezo do curso escolar, a través de subvencións ás corporacións locais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no

proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 1999 nas aplicacións 14.02.212A.463.0 e 07.03.323A.480.0 existen partidas consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde por un importe de 20.420.000 ptas. e 10.000.000 de ptas., respectivamente.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas destinadas ós concellos e mancomunidades para contribuír, parcialmente, ó financiamento dun programa de axudas á escolarización.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde os concellos e mancomunidades que vaian poñer en marcha un programa de axudas á escolarización para o curso académico 1999/2000 para aquelas familias que non dispoñan de ingresos suficientes para atende-los gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a compra de material escolar, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el.

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

-Poboación que estea cursando estudios de ensino obrigatorio e/ou educación infantil.

-Nº de beneficiarios da renda de integración social de Galicia con cargas familiares.

-Orzamento destinado ó programa pola corporación local.

Artigo 4º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán contribuír ó financiamento das axudas, polo menos cunha contía igual ó total subvencionado.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As corporacións locais presentarán unha solicitude, conforme o modelo que figura como anexo I da presente orde, á cal acompañarán a seguinte documentación:

-Certificación da secretaría do acordo plenario, da comisión de goberno no caso de que teña competencia para isto, ou do órgano colexiado superior que autorice a petición.

-Compromiso expreso e asinado polo alcalde, presidente da mancomunidade ou persoa en quen dele

guen, de participar, polo menos, no programa cunha contía igual ó total subvencionado.

-Breve memoria na que figuren os requisitos esixidos ós solicitantes das axudas, o baremo aplicable para a súa concesión, así como a contía das axudas que se van outorgar.

2. As ditas solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terá por desistida a súa petición sen máis trámite.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por proposta da comisión de valoración, e unha vez fiscalizadas polas Intervencións Territoriais, a resolución das axudas no prazo de tres meses, contado a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores, ou xefe/a de Servicio de Promoción Estudiantil.

Vocais: tres funcionarios das respectivas delegacións provinciais designados polo/a delegado/a provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

As resolucións seranlles notificadas pola Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás corporacións locais. As ditas resolucións poderán ser modificadas polo órgano competente no caso de producirse alteracións nas condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

2. Correspóndelles ás corporacións locais fixa-los requisitos e criterios de valoración, a concesión e denegación das axudas ós beneficiarios, establecendo, así mesmo, os mecanismos que consideren máis axeitados para o seguimento e control do destino dado á axuda con carácter finalista.

Artigo 8º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, esta farase efectiva de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, do seguinte xeito:

1. No caso de que a contía da axuda concedida non supere o importe de 1.000.000 de ptas. poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de ata un 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte da corporación local do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, e xustificación do gasto conforme os números 3 e 4 deste artigo.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a corporación local xustifique os gastos. Estes pagamentos non poderán supera-lo 80% da axuda concedida. O 20% restante librarase no momento da completa xustificación por parte da corporación local do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, e xustificación do gasto conforme os números 3 e 4 deste artigo.

2. En todo caso, e para proceder ó aboamento do primeiro prazo débese achegar unha certificación do secretario ou documento acreditativo da retención do crédito do interventor da corporación na que conste a contribución exacta da corporación local ó programa.

3. Para proceder ó aboamento do último pagamento deberán xustificar un gasto que comprenda tanto a contribución da corporación local como a da Comunidade Autónoma que, en todo caso, será igual ou superior ó dobre da axuda concedida.

4. Así mesmo, a corporación local deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida. Este documento será necesario para o libramento dos sucesivos pagamentos, se é o caso.

Artigo 9º.-Seguimento do programa.

As corporacións locais comunicarán, nos 30 días seguintes á finalización do exercicio á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as prestacións realizadas, a través dunha memoria que conterá os seguintes datos:

-Crédito total destinado, sinalando a achega correspondente á Xunta de Galicia e á respectiva corporación local.

-Nº de solicitudes presentadas.

-Nº de concesións e denegacións especificando as contías no primeiro caso.

-Requisitos e/ou baremo que se aplicou.

Outras obrigas das corporacións locais:

-Non minorar nin anula-la consignación que as entidades locais tivesen previsto inicialmente para este fin.

-Atende-los pagamentos das obrigas que se contraen.

-Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención de subvencións procedentes de calquera outra Administración ou ente público concedidas para o mesmo programa.

-Facer constar na publicidade e información referente ó programa, a condición de cofinanciado polas consellerías.

En todo caso, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá recadar en calquera momento a documentación complementaria que estime conveniente.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

Terceira.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, e ás previstas na normativa do Consello de Contas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os directores xerais de Familia e de Centros e Inspección Educativa para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1998.

Manuela López BesteiroCelso Currás Fernández

Conselleira de Familia eConselleiro de Educación

Promoción do Emprego,e Ordenación Universitaria

Muller y Xuventude

11898