Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 1999 Páx. 331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 1998, da directora do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, pola que se convoca un concurso de carteis entre alumnas/os do ensino universitario para a conmemoración do Día Internacional da Muller do 8 de marzo de 1999.

O obxectivo principal do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller é a adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes removendo os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

Para desenvolver este obxectivo unha das funcións do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller é a de incentivar a participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social, todo iso, tal como se recolle na Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, DOG nº 19, do 28 de xaneiro de 1991.

Con motivo da conmemoración do día 8 de marzo, o día internacional da muller, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, consciente da importancia da formación que reciben as/os alumnas/os na universidade e co obxectivo de implica-las/os estudiantes no rexeitamento das situacións de violencia vividas por tódalas mulleres de calquera condición social e cultural, convoca un concurso de carteis entre as/os alumnas/os do ensino universitario baixo o lema: «Os universitarios e universitarias ante a violencia sexista».

A tramitación desta orde acóllese ó disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión celebrada o día 15 de outubro de 1998, aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para 1999.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Convocar un concurso de carteis para a conmemoración do Día Internacional da Muller de 1999 de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócase un concurso de carteis baixo o lema: «Os universitarios e universitarias ante a violencia sexista» no que se concederán tres premios.

Segunda.-Destinatarias/os.

Poderán participar neste concurso as/os alumnas/os matriculadas/os nos centros universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, ben individualmente ou de forma colectiva.

Terceira.-Premios.

Os premios terán a seguinte contía:

Un primeiro premio dotado de 100.000 ptas.

Un segundo premio dotado de 50.000 ptas.

Un terceiro premio dotado de 25.000 ptas.

Os traballos premiados poderán ser difundidos polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, asumindo en exclusiva os dereitos de difusión e publicación e tódolos demais dereitos de explotación sobre a obra.

O pagamento farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 14.50.212A .227.06.

Cuarta.-Prazos.

O prazo para a presentación dos traballos finalizará o 10 de febreiro de 1999.

Os traballos deberán presentarse acompañados do anexo I da presente resolución, en sobre pechado, no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administraccións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas do DNI e dun certificado de matriculación no centro onde a alumna/o efectúe os seus estudios, ou copia compulsada do resgardo de matrícula.

Quinta.-Requisitos.

Os carteis que concorran ó premio deben ser orixinais e non estar premiados con anterioridade, podéndose presentar en todo tipo de soporte, sendo o seu tamaño de 0,80x0,50 e presentarse en cor aludindo á violencia sexista.

Sexta.-Criterios de valoración.

Nos traballos presentados valorarase a creatividade e o impacto da idea proposta así como a súa execución e o lema que a apoie.

Sétima.-Comisión de selección.

Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por unha comisión composta polos seguintes membros:

A secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que actuará como presidenta.

O xefe de servicio de Cooperación, Estudios e Programas.

O xefe de servicio de Administración Xeral.

Un ou unha especialista en publicidade designado pola directora xeral.

A xefa de sección de coordinación que actuará como secretaria.

A resolución do concurso, unha vez emitido o informe-proposta pola Comisión de Valoración, e fiscalizado pola Intervención, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

A dita resolución será publicada no DOG, sendo inapelable e podendo declararse desertos os premios anunciados ou, se é o caso, compartidos.

Oitava.

A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1998.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

133