Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 1999 Páx. 256

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FEDERACIÓN GALEGA DE BANDAS DE MÚSICA POPULARES

PRIMEIRO premio de composición de música para banda, da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Bases.

Primeira.-A Federación Galega de Bandas de Música Populares convoca o primeiro premio de composición de música para banda, dotado cun único premio de 750.000 ptas. A forma de composición será suite.

Segunda.-Poderán optar ó premio tódolos compositores calquera que sexa a súa nacionalidade.

Terceira.-As composicións serán orixinais e inéditas, non premiadas noutros concursos, e sen que as partituras fosen interpretadas por ningunha banda. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.

Cuarta.-As composicións estarán baseadas en aires folclóricos orixinais para gran banda, e adaptación para banda de tipo medio, cunha duración máxima de 20 minutos.

Quinta.-Deberán presentarse cinco exemplares en tamaño folio, unicamente da partitura completa e non guión, orixinais ou fotocopias. O grafismo será claro sen emendas nin riscaduras.

As partituras non poderán ir asinadas nin levarán ningunha inscrición que puidera suxeri-lo nome do autor, sendo presentadas con lema e título.

En sobre á parte e pechado constará o lema e o título no exterior, e no interior: nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, localidade de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia de DNI, breve nota biográfica e título da obra.

O xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.

Sexta.-O prazo de admisión de orixinais remata o día 6 de marzo de 1999, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo leven o carimbo de orixe con esta ou anterior data.

As obras deberán enviarse á:

Federación Galega de Bandas de Música Populares

r/ Santiago de Chile, 28, entresollado, esquerda

15706 Santiago de Compostela

Apartado de correos 851.

Tel./fax: 981 59 18 95.

Coa indicación: primeiro premio de composición de música para banda da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Sétima.-O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión.

Os premios concederanse por votacións eliminatorias; os empates, se é o caso, serán resoltos por sucesivas eliminacións complementarias. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do xurado para a obtención do premio, ou, non tiveran a categoría musical suficiente, poderán declararse desertos.

A decisión do xurado terá lugar no mes de maio de 1999, e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación.

Oitava.-A federación poderá estrear e produci-las obras premiadas sen ningún tipo de compensación económica adicional para o autor.

No caso de ser gravada ou editada deberá facerse constar que foi galardoada co devandito premio, así como o nome do compositor.

Novena.-A partitura autógrafa da obra que obteña o premio pasará a integra-lo fondo do patrimonio da Federación Galega de Bandas de Música Populares, podendo ser editada por esta, sen necesidade do permiso do autor, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.

Décima.-O autor da obra galardoada deberá ter dispoñible a correspondente particella para a data que lle sexa solicitada, co fin de poder face-la súa estrea nas condicións que a federación así o coide oportuno.

Décimo primeira.-O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

A entrega, así como o diploma ou certificado acreditativo, ó compositor galardoado farase nunha localidade da Comunidade Autónoma galega, no lugar, o día e a hora que se sinale, sendo por conta dos premiados os gastos de desprazamento.

Décimo segunda.-As obras non premiadas poderán ser recollidas no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó dictame, transcorrido este prazo, os orixinais non reclamados pasarán a ser propiedade da federación.

Décimo terceira.-A decisión do xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así coma canta decisión adopte a federación para que estas poidan ser interpretadas e aplicadas.

Luis Vázquez Rodríguez

Presidente da Federación Galega de Bandas

de Música Populares