Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 1999 Páx. 181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial supón unha importante novidade que, na regulación dun dos elementos do municipio, como é o territorio, inclúe a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, tentando lograr fórmulas axeitadas á problemática derivada da peculiar organización territorial de Galicia.

A esta comisión de composición tripartita, con presencia de representantes da Xunta de Galicia, das entidades locais galegas e expertos sobre a organización territorial de Galicia, encoméndanselle funcións como a participación decisiva na elaboración do mapa municipal de Galicia, a emisión de informes en tódolos expedientes de alteración dos límites municipais e de cambio de capitalidade dos municipios, a colaboración coa Xunta de Galicia no establecemento de medidas de fomento da fusión de municipios, iniciativas de corrección das disfuncionalidades territoriais dos termos municipais, ou informe nos procedementos administrativos de demarcación e de deslinde dos seus termos municipais de xeito que se contribúa á racionalización do mapa territorial.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tralo informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial é o órgano de estudio, consulta e proposta en relación coas materias que atinxen á determinación, revisión e modificación dos límites territoriais das entidades locais galegas e das demarcacións en que se estructura a Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Funcións.

Correspóndenlle á Comisión Galega de Delimitación Territorial, de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, as seguintes funcións:

1. Emisión de informes en:

a) Tódolos expedientes de alteración de límites municipais.

b) Tódolos expedientes de cambio de capitalidade.

c) Nos procedementos de demarcación e deslinde dos termos municipais, que se deriven de conflictos formulados entre os municipios afectados.

d) Determinación, revisión e modificación das demarcacións nas que se estructura a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Elaborar, a pedimento do Consello da Xunta de Galicia, os estudios e as propostas de revisión para establece-las medidas de fomento para a fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros previstas no artigo 13 da Lei de Administración local de Galicia.

3. Estudiar e dictamina-las alegacións presentadas e os distintos informes emitidos sobre o mapa municipal de Galicia antes da súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

4. Elaboración de iniciativas de corrección de disfuncionalidades territoriais.

5. Aquelas outras funcións que lle encomenden as leis.

Artigo 3º.-Adscrición.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial adscríbese orgánica e funcionalmente á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e dependerá da Dirección Xeral de Xustiza e Administración local.

Título II

Composición

Artigo 4º.-Número e nomeamento.

1. A Comisión Galega de Delimitación Territorial está composta por:

a) Oito representantes da Xunta de Galicia que son: o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que é o seu presidente; o director xeral de Xustiza e Administración local, que é o seu vicepresidente; o director xeral de Urbanismo, e un representante de cada unha das consellerías da Presidencia; Economía e Facenda; Política Territorial; Obras Públicas e Vivenda; Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Medio Ambiente.

b) Oito representantes das entidades locais de Galicia designados, un por cada deputación provincial, e os catro restantes, un por provincia, designados pola entidade asociativa máis representativa, de forma que garanta unha presencia proporcional ós resultados das últimas eleccións municipais.

c) Catro representantes de institucións públicas: un representante de cada unha das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, especialistas en Administración pública, xeografía ou

urbanismo; e un representante do Consello da Cultura Galega.

2. A duración do cargo do membro da comisión será de catro anos, e poderá ser renovado por outros catro anos.

3. Os representantes das entidades locais e das universidades, sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, serán renovados polos que os designaron despois de cada proceso de eleccións locais e universitarias.

4. Os membros da comisión á que fan referencia as letras b) e c) do parágrafo primeiro deste artigo serán nomeados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais por proposta daquel a quen lle corresponda a súa designación.

Artigo 5º.-Retribucións e asistencia.

1. O cargo de membro da comisión non será retribuído. Non obstante, poderán percibir axudas de custo e indemnizacións pola asistencia ás reunións da comisión e pola realización de traballos que requiran especial dedicación.

2. Os membros da comisión teñen o dereito e o deber de asistir ás reunións da comisión, salvo que por causa xustificada comuniquen a súa inasistencia ó presidente.

Artigo 6º.-Presidente e vicepresidente.

1. Correspóndelle ó presidente dirixi-las deliberacións, modera-las intervencións, nas reunións da comisión, representar e impulsa-la súa actuación.

2. O vicepresidente substitúe o presidente no caso de ausencia.

Artigo 7º.-Secretaría da comisión.

1. A secretaría da comisión será desempeñada por un funcionario da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais designado polo presidente da comisión.

2. O secretario asistirá ás reunións da comisión con voz pero sen voto.

3. Correspóndelle ó secretario atende-lo funcionamento interno da comisión, custodia-la documentación, prepara-la relación de asuntos que servirán para forma-la orde do día de cada convocatoria, redacta-las actas de cada sesión e dar fe dos acordos adoptados.

Artigo 8º.-Asistencia de expertos.

A comisión poderá contar coa asistencia de expertos, logo do acordo do Pleno, sempre que o requiran os traballos que se vaian realizar.

Título III

Funcionamento

Artigo 9º.-Pleno e ponencias.

A comisión actúa en Pleno, sen prexuízo de distribuí-los seus traballos preparatorios en ponencias, ordinarias ou especiais, de acordo co seu Regula

mento interno de organización e funcionamento que lle corresponde aprobar ó seu Pleno.

Artigo 10º.-Convocatorias.

1. A comisión reunirase logo da convocatoria do seu presidente, por iniciativa propia ou por petición dun tercio dos seus membros e, en todo caso, coa periodicidade que estableza o seu Regulamento interno de organización e funcionamento.

2. As convocatorias coa expresión da orde do día serán asinadas polo presidente e cursadas polo secretario da comisión con cinco días naturais de antelación respecto ó día previsto para a sesión, coa excepción dos casos de urxencia, apreciada polo presidente, que o serán con corenta e oito horas.

Artigo 11º.-Constitución.

A comisión constituirase validamente coa presencia da maioría absoluta dos seus membros, o presidente ou o vicepresidente e o secretario. Se non se consegue o quórum sinalado na primeira convocatoria, a comisión quedará validamente constituída na segunda convocatoria, coa presencia do presidente ou do vicepresidente, do secretario e dun tercio dos seus membros.

Artigo 12º.-Adopción de acordos.

Os acordos da comisión adoptaranse por maioría simple. Os membros que discrepen dos acordos adoptados poderán expresa-lo seu criterio a través de votos particulares que se achegarán ó informe ou proposta.

Título IV

Procedemento

Capítulo I

Procedemento en xeral

Artigo 13º.-Emisión de informes.

1. Os informes serán emitidos no prazo de tres meses, salvo que unha disposición ou o cumprimento do resto dos prazos do procedemento permita ou esixa outro prazo maior ou menor.

2. Os informes, propostas e estudios elaborados pola comisión serán transmitidos ó organo que os demandase por medio de testemuño certificado que asinará o secretario.

3. Os informes, propostas, estudios e toda a documentación utilizada formarán un expediente numerado que se arquivará.

Artigo 14º.-Dereito de consulta e obriga de segredo.

Os membros da comisión teñen dereito a consultar en calquera momento os expedientes en tramitación ante a comisión. Tamén teñen a obriga de gardar segredo sobre os temas e asuntos que coñeza a comisión, coa excepción de que se faga público o acordo correspondente.

Artigo 15º.-Requirimento de documentación.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial, a través do seu presidente, logo do acordo do Pleno, poderá requirir das institucións da Comunidade Autónoma, e dos órganos e servicios da Xunta de Galicia e das entidades locais, a documentación necesaria para o exercicio das súas funcións.

Capítulo II

Do procedemento de elaboración

do mapa municipal de Galicia

Artigo 16º.

1. Correspóndelle á consellería competente en materia de réxime local a elaboración e aprobación inicial do mapa municipal de Galicia.

2. Xunto coas distintas alegacións formuladas no trámite de información pública, e dos informes emitidos polo Instituto Xeográfico Nacional, polas deputacións provinciais, polos concellos interesados e pola Delegación do Goberno, daráselle traslado do documento á Comisión Galega de Delimitación Territorial para que no prazo de tres meses proceda ó seu estudio e dictame, dando trámite ó previsto no artigo 16 da Lei 5/1997, do 22 xullo, da Administración local de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para que adopte as medidas necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11807