Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 17 de decembro de 1998 Páx. 13.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1998, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se fixan as datas para a realización dos exames ordinarios de 1999 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer.

A orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 30 de xullo de 1998 establece a normativa xeral para a realización dos exames para a obtención das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer, e determina que as súas datas de realización serán fixadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sendo necesario establece-la data e condicións de inscrición nas convocatorias ordinarias previstas para 1999, esta dirección, en uso do establecido na Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto)

RESOLVE:

Primeiro.-Proceder á convocatoria dos exames teóricos ordinarios de xaneiro, abril e outubro de 1999 nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica e patrón de embarcacións de lecer.

Día 26 de xaneiro, 27 de abril e 26 de outubro nas horas fixadas polos centros no seu taboleiro de anuncios.

De ser moi numeroso o número de inscritos, o presidente do tribunal poderá trasladar ó día seguinte o exame dunha das titulacións, o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames realizaranse nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

2. Patrón de iate e capitán de iate.

Día 28 e 29 de xaneiro, 29 e 30 de abril e 28 e 29 de outubro nas horas fixadas polo centro no seu taboleiro de anuncios.

De ser moi numeroso o numero de inscritos, o presidente do tribunal poderá trasladar ó día seguinte o exame dunha das dúas titulacións o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Segundo.-Proceder á convocatoria dos exames prácticos ordinarios destas convocatorias de 1999 nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica, patrón de embarcacións de lecer, patrón de iate e capitán de iate.

A partir dos días 22 de febreiro, 24 de maio e 22 de novembro nas horas e lugares fixados polo centro no taboleiro de anuncios para os candidatos inscritos.

Os exames realizaranse nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Terceiro.-Os candidatos deberán solicita-la súa admisión ó exame mediante instancia dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exame para a obtención das titulacións de referencia ata o día 13 de xaneiro e entre os días 22 de marzo a 9 de abril e 20 de setembro a 8 de outubro para os correspondentes exames teóricos e entre os días 1 e 15 de febreiro, 1 e 14 de maio e 1 e 15 de novembro para os correspondentes exames prácticos.

Xunto á solicitude modelo, será preciso presenta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Unha fotografía recente de tamaño carné.

-Resgardo para a administración do correspondente impreso de autoliquidación de taxas debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

a) Para o exame teórico:

No caso de que os candidatos superasen unha parte do programa da titulación á que se presentan, deberán achega-lo certificado do derradeiro exame.

Título, tarxeta ou recibo do trámite de patrón de embarcacións de lecer, para presentarse a patrón de iate.

Título, tarxeta ou recibo do támite de patrón de iate, para presentarse a capitán de iate.

b) Para o exame práctico:

Certificado de ter aprobado o exame teórico se este se realizou fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fotocopia da documentación da embarcación na que se vai realiza-lo exame, que acredite o cumprimento das condicións establecidas no artigo 81 da Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, 17 de agosto).

Cuarto.-As mencionadas solicitudes poderán presentarse en calquera das seguintes dependencias administrativas:

a) No rexistro da Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura ou de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais.

b) Na secretaría do Instituto Politécnico Marítimo- Pesqueiro do Atlántico en Vigo ou das Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ribeira e Ferrol, segundo corresponda.

Quinto.-Os presidentes dos tribunais, á vista das solicitudes recibidas, farán público no taboleiro de anuncios de cada centro examinador as listas de admitidos e excluídos, así como a hora de realización (e o día se é necesario) das probas correspondentes a cada unha das titulacións.

Sexto.-Rematadas e corrixidas as probas expoñeranse, no taboleiro de anuncios dos centros realizadores dos exames, as listas das cualificacións destas.

Os interesados poderán, se é o caso, formula-las reclamacións que estimen oportunas perante o presidente do tribunal, no prazo de 15 días, contados desde a data na que sexan publicadas as listas.

Sétimo.-Aqueles solicitantes que se encontren en posesión de titulacións que dan lugar á validación de partes dos programas, solicitarana do tribunal ó tempo que solicitan a inscrición para o exame, para o que xuntarán a documentación necesaria para acreditar que están en posesión das titulacións que alegan para a validación. O tribunal resolveraas na lista pública de admitidos e excluídos.

Oitavo.-Os solicitantes deberán reuni-las condicións físicas previstas na Resolución do 30 de decembro de 1997 da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Esta condición acreditarase mediante a presentación de certificado médico expedido de conformidade coa dita resolución, cando se solicite a tarxeta acreditativa.

Noveno.-As presentes convocatorias e cantos actos administrativos se deriven delas poderán impugnarse nos casos e na forma previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1998.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación

11418