Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 11 de decembro de 1998 Páx. 13.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de decembro de 1998 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1999.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto Nacional de Emprego (Inem) coma as comunidades autónomas con competencias na materia, e establécese a necesidade de realizar unha convocatoria pública durante

o trimestre anterior ó comezo do exercicio anual para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación, indicando os termos, prazos e condicións nas que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional; o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social recolle, no seu artigo 5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a súa concesión se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ós que se axusta a presente disposición.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas relativas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados dirixidas á súa cualificación para o acceso a un emprego.

Todas estas accións de formación ocupacional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como obxectivo da política de emprego europea referendada no Cumio de Luxemburgo, da estatal de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego e da galega tal e como se recolle nos acordos sobre medidas para o crecemento e emprego en Galicia. 1998-2001, subscritos o día 13 de xullo de 1998 entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UGT e CC.OO.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación. Así, o financiamento das axudas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241A.474 e 14.03.241A.480 que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Consecuentemente con todo o anterior e consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das

facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP, correspondentes ó exercicio de 1999, xestionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional, realizarase ademais de nos centros de formación profesional titularidade da Xunta de Galicia, naqueles de que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoría pública:

a) As que, de conformidade co disposto no Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispoñan de centros que estean inscritos nel, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas ou solicitada a súa homologación ata o día 30 de setembro, tal e como sinala o artigo 3.2º do citado Decreto 208/1995 despois da súa modificación polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, se ben estas solicitudes estarán supeditadas á resolución positiva de homologación.

b) As empresas ou grupos de empresas ou as entidades privadas que, non dispoñendo de centro colaborador con especialidades homologadas, presenten un proxecto formativo específico para elas cun compromiso de contratación de polo menos o 60 por cen dos alumnos. Neste caso seguirase o procedemento de homologación previsto no artigo 8 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo. No caso de que a entidade carecese de instalacións axeitadas para a impartición deste proxecto formativo poderá autorizarse a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional.

c) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial estatal e as organizacións representativas da economía social que dispoñan de centros con especialidades homologadas de conformidade co establecido na alínea a).

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a execución dos cursos aprobados.

Artículo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. O importe das anteditas subvencións concretarase no producto do número de horas do curso polo número máximo de alumnos que tivese este dentro do seu primeiro cuarto e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. O módulo que se aplicará a cada curso será determinado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, tendo como límite máximo o fixado pola normativa estatal do Plan FIP.

3. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte «A» do módulo.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

4. A percepción desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A» referida ós custos de persoal, «B» referida ó resto dos custos aboables do curso e «C» referida ás bolsas e axudas ós alumnos. A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse recoller como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «A» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente contratado fixo ou eventual ou o prezo do servicio externo docente, que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos e os gastos de seguridade social.

b) Gastos das actividades de coordinación que deberán ser realizados por persoas físicas distintas das encargadas da impartición do curso, sen que poida superarse o 15 por 100 da parte «A» do módulo.

3. Poderanse recoller como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipamentos e maquinarias de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que en ningún caso poderán supera-lo 10 por 100 desta parte «B» do módulo, comprendendo os seguintes gastos que teñan a súa orixe na actividade do curso: seguros, comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; de conformidade coas disposicións establecidas na presente orde ou na súa normativa de desenvolvemento, para a execución dos cursos aprobados e programados dentro do Plan FIP.

f) Gastos de alugueres de instalacións e de maquinaria.

4. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos, e as axudas de transporte ós alumnos, nas condicións establecidas nas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Colocación, sempre que a duración do curso sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 5º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para tódolos centros colaboradores no artigo 11 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, os beneficiarios das axudas deberán:

1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Recadar, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copias compulsadas do seu DNI e da tarxeta de demandante de emprego actualizada.

-Ficha individual de cada alumno.

-Documentación acreditativa de atoparse nos supostos de concesión das bolsas ou axudas de transporte.

3. Remitir, como mínimo dez días antes do inicio do curso á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición, respectando o mes de inicio e a previsión de horario de mañá ou tarde, no caso de que fosen fixadas na resolución de concesión.

-A planificación temporal dos módulos do curso e daquelas actividades relacionadas con el que se pretendan realizar.

-O programa completo do curso cando este se aparte do previamente homologado.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando este non estea xa en poder da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Remitir, o día de inicio de cada curso, certificación xustificativa do seu comezo e, se é o caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no parágrafo anterior.

5. Remiti-lo resto da documentación necesaria para a impartición e xestión do curso no tempo e forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

6. Enviar, sen prexuízo do disposto no artigo 7º.3, como data límite o 30 de novembro de 1999, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedera o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Certificación dos gastos por módulos.

7. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, así como os deberes e dereitos dos alumnos e dos centros colaboradores.

8. Introduci-lo currículum dos alumnos, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación, na forma que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

9. Aboar mensualmente ós alumnos as axudas previstas no artigo 4º, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran anticipos da axuda.

10. Realizar un informe acerca da situación laboral dos alumnos formados, ós seis meses da finalización do curso.

11. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas coma á súa xestión e tramitación administrativa.

12. Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose

estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas, sen que poida admitirse restricción nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

13. Cando se realicen prácticas non laborais en empresas ou outras actividades relacionadas co curso contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da súa realización.

14. Comunicar ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados.

15. Solicitar ás delegacións provinciais con cinco días de antelación, autorización de calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

16. Acepta-las modificacións que, se é o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

Artigo 6º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento de calquera das obrigas previstas na presente orde poderá dar lugar ó reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada no parágrafo primeiro do artigo 5º.

b) O importe restante, unha vez rematadas tódalas accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios. A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes á súa finalización, sen prexuízo do sinalado no parágrafo terceiro e no artigo 5º.6.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación, non se realizará a liquidación final en canto non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados.

2. Excepcionalmente e por razón do elevado importe da subvención concedida poderá arbitrarse a seguinte forma de pago:

a) O 25% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento en que a Dirección Xeral de Formación e Colocación reciba comunicación notificando o inicio das actividades.

b) O 30% do total do orzamento de gastos, unha vez transcorridos tres meses desde o inicio das actividades e outro 25% transcorridos cinco meses desde o seu inicio. En ámbolos dous casos será necesaria a presentación dunha memoria descritiva dos cursos.

c) O 20% restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a xustificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

3. A presentación da documentación requirida para a xustificación final dos gastos de cada curso deberá realizarse como data límite o 30 de novembro de 1999.

Ás entidades que transcorrido o antedito prazo non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles esixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, en coherencia co disposto no artigo 6º da presente orde.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ó disposto na presente orde ou na súa normativa de desenvolvemento, o Servicio de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos servicios centrais, ou o Servicio de Formación e Colocación nas respectivas delegacións provinciais, emitirán certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación fora incorrecta, requirirase á entidade para que emende os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que, de non facelo, procederase, se é o caso, a reclama-lo reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 8º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para comproba-lo cumprimento do disposto na presente orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán o sistema de seguimento e control que ten como obxecto a realización de visitas a todos e cada un dos cursos aprobados para o presente exercicio.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emedadas no prazo concedido para o efecto polo delegado/a provincial correspondente e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase ó seu peche por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida nos termos e coas condicións establecidas no artigo 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 9º.-Inicio e remate.

Con carácter xeral as accións formativas de máis de 250 horas iniciaranse como data límite o 30 de xuño e o resto o 30 de setembro, mentres que o

remate e xustificación dos cursos se producirá, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 1999.

Artigo 10º.-Colectivos beneficiarios.

Terán preferencia para participar nas accións formativas os colectivos sinalados no artigo 1.2º do Real decreto 631/1993, do 3 de maio.

Artigo 11º.-Selección de alumnos.

1. A selección dos alumnos asistentes ós cursos realizarase na forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

2. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15 non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con 12 ou máis alumnos e menos de 15 deberá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto deste; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 3º.2.

Excepcionalmente, e só cando se trate dos proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no Art. 2º.1 b), o número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnos para o cómputo da subvención nin da porcentaxe de alumnos que se van contratar.

3. De non se incorporaren os alumnos seleccionados ou de producirse baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse sempre que os novos alumnos teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso, a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

4. Nos cursos nos que a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser pechados polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. En caso de peche a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola Comisión de Valoración prevista no artigo 15º e será aprobada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado/a provincial, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán da gratuidade da formación.

2. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación ou do respectivo/a dele

gado/a provincial por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que lle sexa solicitada pola entidade impartidora dentro dos 10 primeiros días lectivos, sendo causa da súa exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

4. Os que rematen os cursos con aproveitamento recibirán un diploma oficial, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo da súa realización no que constaran os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Poderá concederse o diploma a aqueles alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistise ó 75 por 100 das horas.

5. Os alumnos que non tivesen dereito a diploma poderán recibir, se así o solicitan, unha certificación polas horas e módulos ós que asistiron.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, preferentemente, en horario de mañá.

2. Con carácter xeral, tódalas especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades homologadas polo Inem e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado de acordo co seu nivel e o grao de dificultade establecido.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, excepcionalmente, poderá autoriza-la impartición de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan presenten xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. O programa que impartirá en cada curso será o previamente homologado. Cando este non estea en poder da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude deberá ser reclamado de conformidade co disposto no artigo 16º.2 da presente orde.

Artigo 14º.-Prácticas non laborais en empresas.

1. Cando a entidade impartidora considere pertinente que os alumnos realicen, a maiores das horas lectivas do curso, prácticas non laborais en empresas ou institucións públicas, deberá presentar, cunha antelación mínima de quince días habiles á súa realización, perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a correspondente delegación provincial, segundo quen concedera o curso, información sobre os seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que realizarán os alumnos.

b) Datas previstas e lugar de realización.

c) Documentación que acredite a aceptación da empresa ou institución da súa realización sen percibir compensación económica ningunha.

d) Número de alumnos que realizarán as prácticas e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas non laborais.

2. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán.

3. As prácticas poderán iniciarse, ben simultaneamente á realización do curso, ou unha vez finalizado este, sempre que non transcorresen máis de 30 días desde a súa finalización, sen que en ningún caso superen a duración en horas do curso de referencia.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no artigo 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ó Plan FIP, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I

á presente orde e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitado no modelo normalizado, segundo o anexo II, na que necesariamente deberá indicarse o mes da súa iniciación e a previsión da súa imparticón en horario de mañá ou tarde.

c) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola/as empresa/as que vaian contrata-los alumnos.

d) Cando as accións solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades, as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos e unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando se trate de entidades que estean integradas na rede informática corporativa da Xunta de Galicia como centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, agás que se trate de proxectos formativos con compromiso de contratación, a solicitude realizarase telematicamente, no mesmo prazo sinalado no parágrafo primeiro, no modelo que xere o Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos.

Neste caso as entidades deberán remitir ás respectivas delegacións provinciais, no prazo de dez días desde a transmisión da solicitude, a documentación acreditativa da representatividade suficiente para formulala.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde, agás no suposto de proxectos formativos con compromiso de contratación.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada contivese erros ou sexa insuficiente, procederase da forma prevista no artigo 10º.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 17º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Art. 9 e seguintes do antedito decreto coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do artigo 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para o efecto previsto no presente artigo a Comisión de Valoración estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Formación e Colocación, que actuará como secretario e un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Colocación, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.

4. A Comisión de Valoración á hora de barema-las solicitudes terá en conta os seguintes criterios:

a) A existencia de proxectos formativos previstos no Art. 2º. 1 b).

b) A existencia dun compromiso de contratar algún dos alumnos que realicen o curso por parte das entidades previstas no Art. 2º. 1 a).

c) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

d) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

e) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

f) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, contendo información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

g) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades que se van impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

h) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

i) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

j) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da Comisión de Valoración, do Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais ou dos comités provinciais de seguimento da formación ocupacional, segundo proceda, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades con centros homologados en máis dunha provincia, ou, en caso contrario, ós respectivos delegados provinciais, e deberán ser notificadas ós interesados.

A resolución dos proxectos formativos con compromiso de contratación corresponderalle, en todo caso, á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude estando condicionada a súa eficacia á posterior sinatura dun documento de aceptación das entidades promotoras do proxecto dos seus termos.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó do remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, cando existisen fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos.

Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 14.03.241A.474 e 14.03.241A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999. A forma de pagamento prevista no artigo 7º da presente orde estará supedita á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Colocación, segundo proceda.

Terceira.-Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións da presente orde os proxectos formativos previstos no artigo 2º.1 b), aínda que as accións formativas, previamente solicitadas, se inicien, por necesidades de contratación das empresas, antes de que se dictase a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as accións formativas se inicien dentro do ano 1999 e rematen antes do prazo sinalado no artigo 9º.

b) Que se cumpran tódolos requisitos formais e procedementais, aínda que sexa a posteriori, previstos na presente orde.

c) Que o inicio dos cursos sexa notificado con cinco días de antelación ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Cuarta.-De acordo co disposto no artigo 3.2º do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, modificado polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, entre o día 30 de setembro e o día seguinte ó do remate do prazo sinalado no artigo 9º da presente orde non poderán presentarse solicitudes de homologación e de inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. As solicitudes que se presenten neste período non serán tramitadas en tanto non remate o antedito prazo.

Quinta.-A formación profesional ocupacional do persoal que presta servicios nas Forzas Armadas como tropa e mariñeiría, así como das persoas en situación de privación de liberdade rexerase polo que anualmente se estableza nos convenios que subscriba a Xunta de Galicia cos órganos competentes da Administración do Estado.

Sexta.-En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación o R.D. 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

11171