Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 27 de novembro de 1998 Páx. 12.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 330/1998, do 12 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Carnota (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Carnota, en sesión celebrada o 16 de marzo de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun predio de 17.550 m, para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Carnota acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Carnota, a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia dun predio situado na parroquia de Santa Columba, denominado Lamas de Castelo, pertencente ó termo municipal de Carnota, dunha superficie aproximada de 17.550 m. Estrema ó norte, camiño público, que está integrado no propio predio matriz e vai de Lamas de Castelo á Costa do Río; sur, resto do predio matriz; leste, resto do predio matriz; e oeste, camiño público.

O predio matriz figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Muros, no tomo 338 do arquivo, libro 49 do Concello de Carnota, folio 1, predio nº 5.343, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dun centro de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, doce de novembro mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10661