Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 24 de novembro de 1998 Páx. 12.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 322/1998, do 6 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Rois (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal de Rois, en sesión celebrada o 20 de agosto de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor

dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Rois acordou a cesión, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Rois, a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo situado no lugar de Rábada, municipio de Rois (A Coruña) dunha superficie aproximada de vinte áreas e corenta centiáreas. Estrema ó norte, Julio Gómez Carlés; ó sur, Elisa Vázquez Vázquez e outros; ó leste, Carmen Gómez Viturro, hoxe Concello de Rois; e ó oeste, camiño construído por concentración parcelaria.

O predio matriz figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón, no tomo 364 do arquivo, libro 88 do Concello de Rois, folio 17, predio nº 8.789, inscrición 3ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dun centro de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e oito.

P.S. (Decreto 287/1998, do 22 de outubro)

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10486