Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 19 de novembro de 1998 Páx. 12.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 305/1998, do 6 de novembro, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Niñodaguia (Baltar-Ourense).

A parroquia de Niñodaguia, que pertence ó concello de Baltar, está situada ó sur da provincia de Ourense, resultando afectada pola concentración parcelaria aproximadamente 550 ha.

A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, motivou un estudio de viabilidade e de

valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, do que se deduce a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Niñodaguia (Baltar-Ourense).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos da parroquia de Niñodaguia. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden, ó amparo dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 3º

A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias e, en concreto, os que sinala o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 4º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior ós 6 meses a partir da publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias que requiran a execución deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e oito.

P.S. (Decreto 287/1998, do 22 de outubro)

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

10337