Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 11 de novembro de 1998 Páx. 12.130

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Fonte Toxoso. (Expediente 014-EOL).

Examinado o expediente instruído por instancia de Desarrollos Eólicos, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en Avda. de la Buhaira, 2 41018 Sevilla, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Fonte Toxoso; esta dirección xeral ten en conta os seguintes

FEITOS:

Primeiro.-O 2 de xaneiro de 1998, Tomás Andueza Gastesi, en nome e representación de Desarrollos Eólicos, S.A., solicitou a autorización administrativa das instalacións, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución do parque eólico denominado Fonte Toxoso de 13,8 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto, coa relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, someteuse a información pública por Resolución do 5 de marzo de 1998, para os efectos previstos nos artigos 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, 16 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, 9 do mencionado Decreto 2617/1966, do 20 de outubro (aplicables a este expediente en virtude do establecido nas disposicións transitoria primeira e segunda, número 2, da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico) e 13 do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, tamén citado.

Durante o prazo de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Juan Castro Lage, en nome e representación do Colectivo Ecoloxista para a Defensa da Natureza alega, en síntese, que non debe realizarse a avaliación ambiental con posterioridade á autorización administrativa e que parte das instalacións proxectadas se encontran dentro do espacio natural coñecido como Serras do Xistral e A Toxiza - Serras Setentrionais de Galicia e é probable a afección dun espacio natural de gran valor ecolóxico.

2. Xosé Lois Toirán Vázquez e Daniel López Vispo, en nome propio e en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia alegan, en síntese, que este parque eólico afecta montes veciñais en man común das parroquias de Samarugo (Vilalba), Corbelle (Vilalba) e Castromaior (Abadín) e que para a declaración da utilidade pública do parque eólico ten de probarse que aquela prevalece sobre a utilidade pública do monte veciñal. Así mesmo, expón consideracións sobre o alto valor ambiental da zona en que se pretende situa-lo parque.

As citadas alegacións foron remitidas á empresa Desarrollos Eólicos, S.A. e contestadas por esta dentro do prazo regulamentariamente establecido.

Terceiro.-O 23 de xullo 1998, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Cuarto.-O 18 de agosto de 1998 a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, que ten as seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

Fonte ToxosoVilalba

Abadín

X Y
0.613.4004.806.900

0.617.3504.805.400

0.617.6004.805.750

0.618.8004.806.750

0.618.6004.807.400

0.617.6004.806.700

0.616.0004.807.500

0.613.4004.807.600

As características básicas do proxecto son as seguintes:

Nº de aeroxeradores: 46.

Potencia unitaria por aeroxerador: 300 kW.

Potencia total instalada: 13,80 MW.

Altura das torres: 30 metros.

Diámetro das pas: 31 metros.

Producción máxima anual: 36.004 Mwh/ano.

Investimento previsto: 2.070.000.000 de ptas.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación cos xa citados decretos 2617/1966, do 20 de outubro, 2619/1966, do 20 de outubro e 205/1995, do 6 de xullo.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

a) De conformidade co disposto no artigo 6.1º da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, estes só poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ó dos propios montes veciñais.

Polo tanto, resulta necesario autorizar administrativamente a instalación dos equipos electromecánicos do parque denominado Fonte Toxoso e declara-la súa utilidade pública para os efectos de iniciar, se é o caso, o expediente de expropiación dos montes veciñais afectados e de poder continua-la tramitación do expediente conforme o disposto no artigo 6.2º do Regulamento de execución da citada lei, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

b) O proxecto foi sometido a un estudio ambiental, sendo aprobada a declaración de efectos ambientais por Resolución do 23 de xullo de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar a Desarrollos Eólicos, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Fonte Toxoso, que se situará nos concellos de Vilalba e Abadín e aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

2. Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan dentro do polígono definido nesta resolución, para os efectos establecidos no do artigo 52 da Lei de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Desarrollos Eólicos, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza por

importe de 41.400.000 pesetas, conforme o disposto no artigo 14 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan deberán de realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, cun orzamento de 2.070.000.000 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio en Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Desarrollos Eólicos, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-A empresa, como requisito necesario para a aplicación ás instalacións que se autorizan do réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 14 de xullo), no prazo de 2 meses, contados a partir da data da acta de posta en marcha da instalación. O parque interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento das condicións impostas nesta resolución, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para sí o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado desde a súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9647