Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 02 de novembro de 1998 Páx. 11.854

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CELANOVA

ANUNCIO (encargado/a de Asuntos Culturais).

Aprobadas polo Pleno da Corporación na sesión de trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito as bases que rexerán a convocatoria para a provisión en propiedade, mediante o sistema de concurso-oposición libre, da praza de encargado/a de Asuntos Culturais, e unha ver inserido o anuncio de oferta de emprego público no BOE do 1 de outubro de 1998, procédese a súa publicación, tal como seguidamente se transcribe:

Primeira.-Obxecto. É obxecto da presente convocatoria a provisión en propiedade, mediante o sistema de concurso-oposición libre, unha praza de funcionario de carreira, denominada encargado/a de Asuntos Culturais, incluída na oferta de emprego público deste concello de 1998. A praza está encadrada na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase de cometidos especiais, grupo C, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes. Para seren admitidos ás probas selectivas, os aspirantes deben

reuni-los seguintes requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de instancias:

a) Ser español ou membro dun país da Unión Europea, de conformidade coa lexislación vixente.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder daquela da que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida ou sexa incompatible co desempeño das funcións ou tarefas da praza.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) En todo caso, o aspirante que ingrese en virtude desta convocatoria quedará obrigado a presta-los servicios na xornada de traballo única ou partida que acorde o concello, así como os servicios ou cometidos similares ó da praza, sempre de acordo coas normas xerais que se adopten, sen discriminación, para o cometido da praza.

Terceira.-Solicitudes. As instancias polas que se solicita tomar parte nas probas selectivas dirixiranse ó alcalde e presentaranse no rexistro xeral do concello, durante o prazo de vinte días naturais seguintes ó da publicación do anuncio de convocatoria no BOE, en modelo oficial que se facilitará nas oficinas do concello. Previamente, publicaranse as bases íntegras no BOP e no DOG.

Nas instancias farase constar expresamente que o solicitante reúne todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda da convocatoria.

Así mesmo, xunto coa instancia, presentarán relación circunstanciada dos méritos que aleguen para a fase de concurso, uníndolle á referida relación os documentos acreditativos dos méritos alegados, en orixinais ou fotocopias válidas, pois non se tomarán en consideración nin serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados en tódolos seus extremos, non momento de presentación da instancia, agás nos servicios prestados neste concello, que serán certificados polo secretario, sempre que sexan alegados e cuantificados polos aspirantes nas solicitudes.

As solicitudes poderán presentarse tamén na forma en que determina o artigo 8.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Os dereitos de exame fíxanse na cifra de 2.000 pesetas, debendo así mesmo xuntar coa instancia, xustificante de os teren ingresado.

Cuarta.-Admisión de aspirantes. Finalizado o prazo de admisión de instancias, o alcalde aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos, que

se publicará no BOP e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días hábiles para efectos de reclamacións e corrección de deficiencias, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992. Se as houbese, serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva, que será, así mesmo, publicada na forma indicada.

Na mesma resolución, o alcalde determinará o lugar, hora e data de comezo dos exercicios e a composición do tribunal cualificador.

Quinta.-Tribunal cualificador.

O tribunal que xulgue as probas estará composto do seguinte modo:

Presidente: o alcalde da corporación ou membro dela en quen delegue.

Vocais:

-Un representante da Xunta de Galicia.

-Un representante da CSIF, á que pertencen os delegados de persoal do concello.

-Un funcionario de carreira designado pola alcaldía.

-O secretario do concello, que, así mesmo, actuará como secretario do tribunal.

A designación dos membros do tribunal incluirá a dos seus respectivos suplentes, e farase pública no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, para efectos de recusación.

Os vocais deberán posuír titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza convocada.

O tribunal non poderá constituirse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros, titulares ou suplentes. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas nas que deleguen.

O tribunal, por maioría dos seus membros, poderá dispoñe-la incorporación de asesores especialistas para as probas que coide pertinentes. Os ditos asesores colaborarán co órgano de selección exclusivamente no exercicio das súas especialidades técnicas.

Os membros do tribunal deberán absterse cando concorran as circunstancias do artigo 28 da Lei 30/1992, sen prexuízo do dereito de recusación que poidan exerce-los aspirantes.

Sexta.-Comezo e desenvolvemento das probas. As probas selectivas non poderán dar comezo ata que transcorran dous meses desde a data de publicación do extracto da convocatoria no BOE. O día, hora e lugar do inicio de celebración dos exercicios anunciaranse no BOP. A publicación dos sucesivos anuncios faraa o tribunal no taboleiro de anuncios do concello.

Desde a total conclusión dun exercicio ata o comezo do seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo

de 72 horas, a non ser que tódolos que teñan que realiza-la respectiva proba acepten a reducción deste prazo.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único.

Sétima.-Sistema de selección.

A selección farase mediante concurso-oposición. A fase de concurso será previa á de oposición.

A) Fase de concurso: na fase de concurso valoraranse os méritos alegados polos aspirantes, ata un máximo de 10 puntos, segundo o seguinte baremo:

1. Antigüidade: por cada ano de servicio remunerado prestado na Administración pública en posto de traballo igual ou similar ó que se aspira, 1 punto, cun máximo de 3 puntos.

2. Coñecemento da lingua galega: curso de iniciación, 0,50 puntos; curso de perfeccionamento, 0,75 puntos; curso básico de galego, 1 punto. Soamente puntuará o curso de maior titulación.

3. Méritos relacionados co posto a que se aspira:

a) Asistencia a cursos: por asistencia a cursos, xornadas, encontros, simposios e grupos de traballo relacionados cos asuntos culturais: ata 25 horas, 0,20 puntos; de 25 a 50 horas, 0,30 puntos; de máis de 50 horas, 0,40 puntos. Puntuación máxima: 1 punto.

Documentos xustificativos: fotocopias compulsadas das certificacións acreditativas.

b) Dirección, organización e coordinación de actividades relacionadas co posto: ata 9 horas, 0,10 puntos; de máis de 9 horas a 18 horas, 0,20 puntos; de máis de 18 horas a 36 horas, 0,40 puntos e de máis de 36 horas, 0,50 puntos. Puntuación máxima: 2 puntos.

Documentación xustificativa: certificación entidade patrocinadora.

c) Publicacións e traballos escritos ou audiovisuais relacionados co posto: puntuación máxima: 3 puntos.

Documentación xustificativa: exemplares dos traballos realizados ou certificación da editora.

Esta fase non terá carácter eliminatorio nin se poderá ter en conta para supera-las probas da fase de oposición.

B) Fase de oposición.

Consistirá na realización dos seguintes exercicios:

1. Teórico. Escrito: desenvolvemento de tres temas do programa anexo, un da parte de materias comúns e dous da parte de materias específicas, elixidos por sorteo, nun tempo máximo de dúas horas e trinta minutos. Valorarase a profundidade dos coñecementos, a claridade e rigor da exposición, a cita da lexislación aplicable e a adecuación de conclusións, se é o caso. Nesta proba, o aspirante non poderá facer uso de ningún texto legal nin de apoio.

2. Práctico. Escrito: realización no prazo máximo dunha hora e trinta minutos, dun ou varios supostos prácticos, propostos polo tribunal, en relación co programa anexo. Criterios de valoración: manexo de máquinas informáticas, esquematización, exactitude e adecuación de resultados.

3. Práctico. Escrito: traducción para o galego dun texto castelán. Tempo: trinta minutos. Criterios que hai que seguir: exactitude na traducción e adecuación á normativa lingüística da Xunta de Galicia.

Oitava.-Cualificación. Os exercicios 1 e 2 da fase de oposición serán obrigatorios e eliminatorios. Cualificaranse ata un máximo de 10 puntos cada un deles, sendo necesarios obter un mínimo de 5 puntos para superalos. O número de puntos que poderá outorgar cada membro do tribunal será de 0 a 10 puntos e a cualificación de cada aspirante, será o sesultado de dividir polo número de compoñentes do tribunal a suma dos puntos obtidos.

O exercicio número 3 será obrigatorio, pero non eliminatorio, cualificándose ata un máximo de 6 puntos, podendo outorgar cada membro do tribunal de 0 a 6 puntos, obténdose a media aritmética.

A cualificación definitiva do concurso-oposición será o resultado de suma-las puntuacións outorgadas polo tribunal en cada un dos exercicios que compón a fase de oposición, maila puntuación resultante na fase de concurso.

Novena.-Relación de aprobados, presentación de documentación e nomeamento. Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de aprobados, que non poderán ser superior ó número de prazas convocadas e elevará proposta, con carácter vinculante, xunto coa acta da última sesión, o alcalde para que formule o nomeamento pertinente.

O aspirante proposto presentará na secretaría do concello, no prazo de vinte días hábiles, contados a partir da publicación da lista de aprobados, a documentación acreditativa de reuni-los requisitos sinalados na base segunda.

Décima.-Toma de posesión. Unha vez aprobada a proposta de nomeamento, o opositor nomeado tomará posesión do seu cargo no prazo de trinta días hábiles contados a partir do seguinte a aquel en que lle fose notificado o nomeamento. En caso contrario, sen que medie causa xustificada, quedará na situación de cesante.

Décimo primeira.-Incidencias. A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma en que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que puidesen presentarse e adoptar resolucións, criterios ou medidas necesarias para a boa orde do

concurso-oposición, naqueles aspectos non previstos nas presentes bases.

Para o non previsto na convocatoria, será de aplicación o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril; R.D.L. 781/1982, do 18 de abril; Lei 30/1984, do 2 de agosto; Regulamento xeral de ingresos na Administración pública; R.D. 896/1991, do 7 de xuño, e demais disposicións concordantes de aplicación.

Programa concurso-oposición libre para encargado/a de Asuntos Culturais

Exercicio teórico.

I. Materias comúns.

Tema 1. A Constitución Española 1978. Significado e estructura. Principios xerais. Reforma da Constitución. O Tribunal Constitucional.

Tema 2. Organización territorial do Estado na Constitución. As comunidades autónomas. A Administración local.

Tema 3. A Constitución das comunidades autónomas. Competencias. O Estado de autonomía: procedemento de elaboración, contido e valor normativo. O sistema institucional das comunidades autónomas.

Tema 4. O procedemento administrativo: o seu significado. Fases do procedemento administrativo xeral.

Tema 5. A Administración local. Concepto. Entidades que comprende. O réxime local español. Regulación xurídica.

Tema 6. O municipio: concepto. Organización municipal. Competencias. O alcalde: elección, deberes e atribucións. O Pleno do Concello. A Comisión de Goberno.

Tema 7. Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria da orde do día. Actas e certificados de acordos.

Tema 8. Procedemento administrativo local. O Rexistro de Entrada e Saída de Documentos. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

II. Materias específicas.

Tema 9. O megalitismo na Galicia prerromana e a cultura castrexa na Terra de Celanova.

Tema 10. Castromao no conxunto da Galicia prerromana e na romanización.

Tema 11. A familia de San Rosendo na Galicia da Alta Idade Media.

Tema 12. A figura de San Rosendo e a súa influencia na fundación de Celanova.

Tema 13. O prerrománico en Galicia. A capela de San Miguel.

Tema 14. O mosteiro de San Salvador, evolución histórica.

Tema 15. O Barroco en Galicia. Estudio arquitectónico do mosteiro de Celanova.

Tema 16. O monacato en Galicia na Idade Media. Os benedictinos.

Tema 17. A Galicia medieval e a revolución irmandiña. A súa influencia na Terra de Celanova.

Tema 18. Vilanova dos Infantes e Santa María de Milmanda no conxunto das fortalezas de Galicia.

Tema 19. A figura de Manuel Curros Enríquez. A súa vida e o seu legado literario.

Tema 20. A figura de Celso Emilio Ferreiro. A súa vida e o seu legado literario.

Tema 21. As principais figuras históricas de Celanova. De Castellá Ferrer a Méndez Ferrín.

Tema 22. O nacemento do galeguismo. A súa influencia en Celanova. As mocedades galeguistas.

Tema 23. A Lei do patrimonio cultural de Galicia. Os bens e interese cultural. A súa protección e conservación.

Tema 24. A arquitectura popular galega. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, muíños, etc. e a súa presencia no concello de Celanova.

Tema 25. O patrimonio histórico da comarca. Principais edificios históricos da Terra de Celanova.

Tema 26. O folclore. Romarías e festas populares na provincia de Ourense. As festas de Celanova e as romarías marianas na comarca de Celanova.

Tema 27. A música, unha tradición cultural de Celanova. As agrupacións musicais do municipio. Historia e particularidades.

Tema 28. Os museos en Ourense. O relicario de Celanova e o tesouriño de San Rosendo no museo da catedral.

Tema 29. Os conservatorios de mísica. Lexislación e funcionamento.

Tema 30. A obxección de conciencia. A Lei do voluntariado como complemento da actividade cultural.

Tema 31. Os gabinetes de comunicación. Os medios de comunicación locais.

Tema 32. A actividade cultural no conxunto da provincia de Ourense. Principais actividades culturais que se desenvolven ó longo do ano na provincia de Ourense.

Tema 33. O protocolo na actividade municipal. Organización de actos públicos. Precedencia, tratamentos e regulación do uso da bandeira.

Tema 34. O asociacionismo cultural e veciñal. A Lei de asociacións.

Tema 35. A formación ocupacional en Galicia. Competencias e organización de cursos.

Tema 36. A Rede de Bibliotecas de Galicia. Funcionamento das bibliotecas municipais.

Tema 37. A evolución urbana de Celanova. Historia das rúas e dos espacios públicos.

Tema 38. A Terra de Celanova, un espacio xeográfico no conxunto comarcal de Galicia. Características xeográficas e poboación.

Tema 39. Conceptos básicos de informática. Windows 95, programas de tratamento de textos, Word e AmiPro e a súa aplicación na actividade cultural.

Tema 40. A normalización lingüística nos concellos. A lei do uso do galego como lingua oficial polas corporacións locais. Liñas de axuda.

Celanova, 5 de outubro de 1998.

O alcalde

Rubricado

9325