Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 02 de novembro de 1998 Páx. 11.805

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de outubro de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación A Ribeira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación A Ribeira, con domicilio en Foz (Lugo).

Supostos de feito

1. Ramón Eiras Fernández, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de 24 de xuño de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Foz, o día 10 de outubro de 1997, ante o notario José Antonio Caneda Goyanes, co número mil douscentos setenta e nove do seu protocolo por José Antonio Neira López, Antonio Niñe Fernández, Vicente Fernández Muñiz, José María García Rivera, María Bernarda García Basanta e José Fernández Rouco que interveñen no seu propio nome e dereito, agás José María García Rivera que o fai como alcalde-presidente do Concello de Foz, José Antonio Neira López que, ademais de por si, o fai como patrón maior da Confraría de Pescadores de Foz e Antonio Niñe Fernández, que o fai, ademais de por si, en representación de Fernando Marful Lage, María Luisa Castro Legaspi, Ramón Eiras Fernández e José Tomás Villarino González.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é recuperar, conservar, estudiar, promover e difundi-la cultura, lingua, costumes, tradicións e o patrimonio histórico e artístico a nivel xeral, prestándolle especial atención o noso contorno.

4. O padroado da fundación estará constituído por Ramón Eiras Fernández como presidente, José Antonio Neira López como vicepresidente, Antonio Niñe Fernández como secretario e Vicente Fernández Muñiz e Fernando Marful Lage como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación A Ribeira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereiro

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 19 de outubro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación A Ribeira e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9837