Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 05 de outubro de 1998 Páx. 10.948

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 1998 sobre a finalización do prazo de presentación de instancias á convocatoria para a provisión dunha praza de auxiliar gravador ou gravadora, en quenda restrinxida, vacante no cadro de persoal do Parlamento de Galicia.

Antecedentes.

1. No Diario Oficial de Galicia nº 183, do 21 de setembro de 1998, publícanse a convocatoria e as bases da oposición para a provisión dunha praza de auxiliar gravador ou gravadora, en quenda restrinxida, vacante no cadro de persoal do Parlamento de Galicia.

2. Ó face-lo cómputo dos vinte días naturais establecidos para determina-la finalización do prazo de

presentación de instancias, compróbase que o último día corresponde ó domingo día 11 de outubro.

Fundamento xurídico

O artigo 48, puntos 3º e 4º, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que cando o último día do prazo fose inhábil enténdese prorrogado ó día seguinte e que os prazos expresados en días se contarán a partir do seguinte a aquel en que teña lugar a súa publicación.

Dado que o día seguinte, 12 de outubro, resulta ser tamén, segundo o calendario laboral do ano 1998, festa laboral, é polo que, na súa virtude, e para garanti-los principios de igualdade, concorrencia e publicidade, resolvo que o prazo límite para a presentación de instancias á dita convocatoria finalice o martes día 13 de outubro, ás 18.30 horas.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 1998.

José María García Leira

Presidente do Parlamento de Galicia

8644